APAGAR OUTROS LUMES

Volume 2, Artigo 1

Un texto de Cristina Míguez González, baseado no resumo elaborado por Ana Cabana Iglesia e Marien González Hidalgo

Inspirado no artigo científico de Ana Cabana Iglesia (Universidade de Santiago de Compostela) e Marien González Hidalgo (Swedish University of Agricultural
Sciences) Trending discourses and silences around the role of women in wildfires: A systematic scoping review and some reflections from the field, publicado na revista Journal of Rural Studies (2025).

Juan está sentado no coche vendo o seu Instagram. Leva enganchado media hora revisando as stories que está a subir a xente da súa clase. Esta fin de semana hai unha regata de remo polo río e varios dos seus amigos participan; o divertido é que se poñen carpas na carballeira que hai na proximidade da zona de competición e a xente xúntase para ver as carreiras. Fanse camisetas para ir animar aos diferentes equipos e durante todo o día é un non parar de risas, encontros e diversión. E tamén un non parar de stories nas redes sociais.

Este ano non vai ir ás carpas, senón que vai á aldea porque o seu avó está de aniversario e organizaron unha comida familiar. Leva un intre sentindo certa envexa do que se está compartindo nas redes, pero tamén lle apetece ir ver aos seus avós. Así que hoxe Juan non ten o seu humor característico. Ás veces a vida é como un ying–yang.

De súpeto, empeza a escoitar voces que proveñen da súa casa, unha situación que, para Juan, é habitual. A súa irmá Lucía está a saír con cara de enfado, soprando e pechando a porta de golpe. Os seus pais están detrás, coa típica situación diaria na que a súa nai ponse ao nivel de Lucía respondendo a voces e o seu pai trata de evadirse da situación. Lucía quedara por primeira vez coas súas amigas para ir ás carpas e agora xa non vai poder ir. O resto do mundo dálle igual; está enfadada porque non a teñen en conta á hora de organizar as cousas. Ela empeza a ter plans fóra da súa contorna familiar e á súa nai iso parece non gustarlle. Máis ben, Lucía cre que a súa nai sería feliz téndoa nunha gaiola e podendo controlala todo o día.

A moza entra no coche e a pesar de que Juan lle fai un par de bromas, ponse os cascos e mergúllase no último disco de Rosalía, a ver se atopa algo de luz aí dentro.

A viaxe á aldea adoita durar unha hora e normalmente elíxese a música que se vai a poñer por consenso. Esta vez o pai dos mozos, que vai conducindo, decide poñer a radio: están a falar sobre as altas temperaturas e o avistamento de varios incendios pola zona. Juan percibe que os seus pais teñen cara de preocupación.

Mamá, papá, ¿hai incendios na aldea? —pregunta con curiosidade.

A súa nai, sen soltar o móbil da súa man, mira cara a el tratando de non amosar preocupación.

Cremos que non, pero os avós non collen o teléfono desde fai un intre e a vosa prima acaba de dicirme que os viu saír cos veciños en coche e varias mangueiras. Parecía bastante angustiada pola situación, cousa que entendo despois de todo o que leva vivido respecto a este tema. Ás veces dime que ten pesadelos nos que non é capaz de sacar á xente de casa cando está todo ardendo, unha situación bastante angustiosa e que vén de todas as súas vivencias xa desde nena.

Nese momento, á súa nai sóalle o teléfono e Juan escóitaa falar con quen parece ser a súa avoa. Ao colgar, comenta en voz alta:

Efectivamente, os avós foron á parroquia do lado a axudar co incendio que empezou esta mañá. Ao parecer, a avoa mobilizou ás casas do arredor e decidiron ir en grupo a axudar. Esta muller é un cu inquieto —di cunha mestura de orgullo e preocupación.

O seu pai, doutra banda, parece máis angustiado.

 —Nós non imos achegarnos ao lume baixo ningún concepto. Hai un equipo de extinción de incendios que se encarga disto. É o que nos faltaba, vamos —o seu aspecto cambiara a unha mestura de medo e rabia—. Chamamos aos meus pais e que veñan para casa. Isto é perigoso, a miña nai non pensa ben as cousas.

¿Que é o que che dá medo, o incendio ou que estea a túa nai por alí? —pregunta a nai de Juan ao seu marido—. O lóxico é botar unha man nestas situacións.

Paréceme perigoso en xeral —contesta o seu pai.

Xa, pero suponse que o que facemos cando hai un incendio é axudar, non só esperar a que veña o equipo de extinción ¿non? —responde a nai, mirando de esguello ao seu fillo Juan—. Alí, todas as persoas saben o que teñen que facer e a túa nai leva media vida organizando cousas na aldea. Ela sofre cada vez que o lume queima a súa terra, a terra que lle permite cultivar a súa comida. O fume esnaquízalle os bronquios, cústalle moverse rápido, e cada verán encólleselle o peito só de oír falar de incendios. O lume golpéaa distinto, máis forte, no corpo e na cabeza, durante o susto e moito despois. E, ademais de todo iso, é a primeira en levantarse, en chamar ás veciñas, en dicir quen vai con quen e que hai que facer. As que máis sofren o lume son moitas veces as mesmas que sosteñen ao pobo cando todo arde.

Juan queda pensando o dilema feminista que abre a súa nai ao sinalar que a avoa tamén ten a capacidade de intervir na situación. Mentres reflexiona, na radio seguen falando de helicópteros, brigadas e camións cisterna: todo homes. Voces graves, mandos e xefes de operativo. Nin unha soa muller no relato. Nese momento, Juan lembra que, unha vez, unha moza bombeira saíu na televisión e foi todo un fito: «a muller bombeira», «a heroína».

Lucía, que parece ausente cos cascos postos, quítase un sen que ninguén se dea conta.

Non se están penetrando no lume —volve falar a nai de Juan—. Están a cortar maleza, mollando ao redor das casas e coidando que ninguén quede atrás.

Juan mira pola xanela. A paisaxe empeza a cambiar: menos edificios e máis verde. Ao fondo, unha especie de nube marrón–agrisada que non parece unha nube normal.

—¿Iso é fume? —pregunta Juan, incorporándose. Ninguén contesta, pero o silencio dio todo.

Ao chegar á aldea nótase o cheiro a queimado. Non é o fume denso dun lume próximo ás casas, senón ese que se incrusta na roupa e che rasca a garganta.

 Na praza, en lugar de coches aparcados, como é habitual, hai un pequeno caos organizado: unha furgoneta aberta chea de garrafas de auga, cubos, mangueiras, mochilas… Un grupo de mulleres que coidan de anciáns da aldea está alí, con aparencia cansa tras ter que evacuar a estas persoas cara a puntos seguros. Móstranse desconcertadas e tensas ante a situación.

O primeiro que ve Juan é á súa avoa. Está de pé, cunha gorra vella, o seu típico mandil azul de cadros, o pelo recolleito e o móbil na man. Fala rápido, sinalando co dedo cara ao monte.

Tí con Maruxa por ese camiño, ides vendo se queda algunha casa sen avisar —di—. E ti, José, mira que as persoas maiores teñan onde ir se isto vai a máis. Que ninguén quede sen aviso, ¿eh?

Á beira dela, un grupo de persoas de distintas idades móvese dun lado para outro. Unha revisa a lista de veciñas e veciños. Outra reparte botellas de auga. Dúas persoas, entre as que se atopa a súa avoa, cargan cunha mangueira que é máis grande do que Juan xamais pensou que poderían levantar.

A súa avoa, ao velos baixar do coche, vira a cabeza e dedícalles un sorriso rápido, deses que se escapan no medio da présa.

Bueno, xa era hora. Xa pensaba que non vos ían a deixar saír da cidade —chancea—. Se queredes axudar, mellor aquí que mirando a televisión, pero con precaución. Os bombeiros dixeron que o lume está controlado polo outro flanco, pero o vento xa sabemos como é.

O pai de Juan abre a boca para dicir algo, pero volve pechar tras a mirada fulminante da súa nai. Non está moi convencido, pero tampouco quere montar unha escena alí.

Lucía, que baixara do coche arrastrando os pés, de súpeto mira á súa avoa con outros ollos. Non é a imaxe que ela tiña de «señora maior de aldea», nin nada semellante.

A ver, rapaces —di a avoa dirixíndose a Juan e a Lucía—. Se queredes facer algo útil, podedes acompañar a Tere a ver se na parte de abaixo queda alguén sen avisar. Ela coñece os camiños.

«Ela coñece os camiños», repite Juan para si mesmo. Claro que os coñece, leva toda a vida indo ao monte, recollendo leña, observando por onde corre a auga cando chove e coñecendo que zonas secan antes no verán. Iso non sae nos telexornais cando falan dos incendios.

Mentres camiñan con Tere —unha veciña duns cincuenta anos con camiseta dunha antiga «Brigada de voluntariado forestal»—Lucía deixa o seu enfado atrás e rompe o seu silencio:

¿Ti estiveches algunha vez apagando un lume de verdade? É dicir, ¿de preto? —pregúntalle Lucía a Tere.

Por desgraza, unhas cantas veces —contesta Tere—. Estiven na brigada antiincendios cando era máis nova e agora colaboro como podo avisando á xente, cortando herba e facendo de todo un pouco. E o máis importante, como muller que traballa en casa e como moitas outras, dedico varias horas á semana para coidar a terra para que, se hai un incendio, este non se propague. Os incendios prevéñense con boas prácticas, non só limpando: mesturando especies para que non todo sexa piñeiro ou eucalipto, recuperando carballos, castiñeiros e hortas que corten o paso ao lume, e deixando que o gando faga o seu traballo, con cabras e ovellas coméndose o que logo arde tan rápido. Iso tamén é apagar incendios, só que moito antes de que empecen.

Incrédula, Lucía dáse conta de que as mulleres da aldea son indispensables para a prevención e mitigación dos lumes. Nas noticias sempre saen os homes contando como foi o incendio, polo que a rapaza nunca se parara a pensar no papel delas.

Pero os bombeiros son os que apagan o lume, ¿non? —pregunta Juan.

Tere sorrí, pero non a modo de burla, senón como quen entende que a pregunta vén do que as persoas ven a través dos medios de comunicación. Ademais, nota na pregunta de Juan que parece soamente referirse ao sector masculino, cousa que trata de corrixirlle.

O equipo de extinción é clave claro que si; ademais, bombeiros e bombeiras xóganse a vida en cada manobra e pouca visibilidade teñen cando a todo o mundo se lle esquece un incendio. De todos os xeitos, para cando chegan xa houbo xente avisando, limpando, movendo animais, levando auga, organizando quen coida aos menores e á xente maior…E moitas desas persoas son mulleres coma a túa avoa e coma eu. Ademais, hai mulleres nos camións que forman parte do equipo de extinción, e tamén hai mulleres que contribúen con outras tarefas como preparar comida e vixiar as zonas. Hai de todo. Sen ir máis lonxe, moitas das veciñas da túa avoa adoitan facer queimas prescritas para non acumular tanta leña seca. Aquí a xente coñece o lume. E tanto que o coñece…

Juan trata de dixerir todo o que escoita e segue camiñando pensativo.

Chegan a un cruzamento de camiños e Tere detense, mirando cara ao monte, calculando por onde podería avanzar o lume se cambiase o vento. Para asegurarse de que está a facer os cálculos correctos, contacta co equipo de extinción, coa fin de axudar sen causar máis problemas.

Oe, Tere —anímase a preguntar Juan—. ¿Algunha vez tivestes problemas por tentar axudar? ¿Algunha vez vos dixeron que «isto non é cousa de mulleres»?

¡Uf! Moitas veces —di Tere cun sorriso irónico, debido a que é un tema que leva esgotándoa emocionalmente anos—. Hai quen pensa que as mulleres temos que quedar na casa esperando noticias e preparando o café. Tamén hai quen se enfada cando ve que unha de nós organiza aos veciños. Pero mira, cando hai lume de verdade, o que importa é quen sabe o que facer, non quen o diga máis alto.

Tras ir por varias casas e terminar de revisar que todo o mundo está avisado, Lucía, Juan e Tere volven á praza. Alí, a radio do coche dun veciño segue soando con noticias sobre «os heroes do lume».

Juan observa en silencio á súa nai e á súa avoa, e logo a Lucía, que, sen darse conta, gardara os cascos no peto e collera un cubo de auga. Por primeira vez nese día, a Juan danlle ganas de facer unha story. Pero non de camisetas nin de carpas, senón da súa avoa rodeada de veciñas, co fume ao fondo e esa mestura rara de medo e forza nos ollos. Porque, se cadra, contar esas historias é outra forma de apagar o lume. De apagar outros lumes.