Sobre T·I·A·S

T·I·A·S (This Is Also Science) é un proxecto de divulgación científica desenvolvido polo Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo co apoio da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT). O obxectivo é achegar a ciencia á cidadanía dunha forma amena e cunha linguaxe comprensible.

O persoal investigador traballa incansablemente para seguir facendo avanzar a ciencia, pero para a maioría das persoas resulta difícil achegarse aos resultados de seu traballo e comprendelos, xa que xeralmente se recollen en publicacións que non resultan facilmente accesibles, e que empregan unha linguaxe técnica difícil de comprender.

Para salvar estas barreiras creamos a Revista T·I·A·S, na que se recollen interpretacións divulgativas de traballos científicos. En particular, os contidos céntranse en investigacións que, dunha maneira ou doutra, teñen un impacto directo na sociedade no seu conxunto ou nun grupo social concreto.

Publicaranse catro volumes de T·I·A·S cada ano. Un deles será un número especial que recollerá unha selección dalgúns dos artigos publicados anteriormente e que conterá ilustracións realizadas por diferentes artistas que dotarán a eses artigos de vida e arte. Este número editarase tamén en papel e en braille, e será distribuído de maneira gratuíta en diferentes bibliotecas, centros educativos e asociacións.

T·I·A·S busca, en definitiva, transmitir á cidadanía a importancia da ciencia, fomentar actitudes favorables cara ela, combater a desinformación, e crear pontes entre a investigación científica e a sociedade, contribuíndo ao desenvolvemento dunha poboación crítica e comprometida co cambio.