BROTES VERDES
Volume 2, Artigo 3
Un texto de Cristina Vázquez Santos, baseado no resumo elaborado por David Soto Fernández
Inspirado no artigo científico de David Soto (Universidade de Santiago de Compostela), Xesús Balboa (Universidade de Santiago de Compostela) e Lourenzo Fernández (Universidade de Santiago de Compostela) Del manejo campesino del fuego al incendio post-campesino en Galicia, publicado na revista Historia Agraria de América Latina (2024).
—¡Que roio, papá! ¿Outra vez temos que ir á aldea?
A Leonardo dáballe moita mágoa que a Aarón xa nunca lle apetecera ir con el e Maruxa á súa vila natal, unha pequena aldea do interior de A Coruña, próxima á fronteira coa provincia de Lugo. Pero entendía que xa non era un neno, e aos seus 17 anos tiña outras prioridades, que pasaban basicamente con quedar cos seus amigos para ir por aí de chill (significase o que significase isto, cada día estaba máis perdido co vocabulario adolescente).
Non sempre fora así. Ata hai poucos anos morría por ir ao pobo as fins de semana, onde pasaba o día fóra xogando co seu irmán Xosé e as súas primas. Xosé nunca perdeu ese gusto polo rural, incluso cando tiña a idade de Aarón e seguía preferindo ir á aldea a calquera outro plan que lle puidesen propoñer os seus amigos. «A cabra tira ao monte», acostumaban a dicirlle de broma cando rexeitaba algunha das súas «imposibles de rexeitar» propostas. Niso claramente saíu ao seu pai.
Leonardo —a quen dende neno chamaban Leo— naceu na Zapatería (así se chamaba a zona da vila á que el pertencía) e viviu alí boa parte da súa vida, ata que de mozo marchou a A Coruña a estudar. Pero nunca perdeu o contacto. Voltaba á vila case todas as fins de semana e pasaba alí boa parte das súas vacacións. Viña dunha familia labrega e humilde na que todas as xeracións anteriores a el viviron do campo. Adoitaba pasar moito tempo coa súa aboa Antonia, unha muller do rural incriblemente intelixente e cunha mentalidade moi aberta para a súa época que sempre lle contaba as historias da vila, lle explicaba como se vivía cando ela era moza, e como eran aquelas paisaxes, ben diferentes ás de agora…
—Papá, ¿estasme a escoitar? Digo que por que non podo quedar en casa de Juan a pasar a fin de semana. Temos que estudar e facer un traballo.
A voz de Aarón sacou a Leo dos seus pensamentos, que estaban empezando a levalo a unha mocidade que lembraba de xenuína felicidade.
—Aarón… Empezaches as clases hai unha semana. ¿Esperas que crea que xa tes exames e traballos que facer? Ti debes pensar que nacín onte —riu—. Esta fin de semana imos toda a familia. É o aniversario da túa avoa e quere facer unha comida para celebralo.
Aínda que era en parte certo, en realidade non era esa a verdadeira razón pola que quería que o seu fillo pequeno fose á aldea esa fin de semana. Este verán tiña sido dramático para aquela rexión, o lume tíñase cebado con ela. Boa parte dos montes tiñan ardido, e a última vez que fora a visitar á súa nai, había un par de semanas, caéralle a alma aos pés ao ver toda aquela terra queimada e negra, coma saída doutro planeta. Non parecía a mesma aldea na que se criara, era coma se a houbesen extirpado de golpe e no seu lugar puxeran un manto de negrura propio dunha película de ciencia ficción. Leo quería que os seus fillos visen aquelo, quería que fosen conscientes do que estaba a pasar. Sabía que Xosé xa o era, dende neno sempre tivera unha enorme sensibilidade polo medio ambiente que non tiña feito máis que medrar a medida que se facía maior. Pero Aarón parecía estala perdendo, e iso lle preocupaba enormemente. Dáballe medo que se desconectase por completo da natureza. En realidade, dáballe medo que toda a mocidade (e boa parte das persoas adultas que viven nas cidades) se estivese desconectando por completo dela.
Saíron o sábado cedo despois de almorzar. O traxecto levaba unha hora e media e tiñan planeado facer unha pequena ruta coa avoa Eugenia para avaliar coma se atopaban as súas zonas de monte, aínda que tiñan bastante claro que era difícil que nada se tivera salvado e que o único que atoparían sería cinza. Cando chegaron, Eugenia estaba agardando na palleira, lista para iniciar a exploración. Aínda que xa tiña unha certa idade, conservábase en boa forma grazas a unha vida dedicada ao traballo do campo, moito máis eficaz que calquera adestramento. A familia deixou as súas cousas na casa e os cinco xuntos botaron a andar cara o monte.
A chegada no coche, a pesar do desolador da paisaxe que se abría a ambos lados da estrada, non tivera en Aarón o impacto que os seus pais agardaban. Xosé estaba totalmente abraiado e consternado, coma era de esperar, pero o pequeno dos irmáns non pareceu sentirse moi impresionado, quizais porque apenas afastou a vista do seu teléfono para mirar pola xanela. Sen embargo, agora que botaban a andar polo medio daquel inferno, algo parecía estarse a remexer dentro del. A súa expresión era seria e o móbil tiña desaparecido da súa man coma por arte de maxia.
—Este ano temos vivido unha das peores vagas de incendios da nosa historia, rapaces —díxolle Eugenia aos seus netos con tristura—. Agora todo o mundo fala disto e aporta a súa visión sobre o tema, pero en poucos días todo se esquecerá e a xente pasará a outra cousa. A realidade é que os incendios son un dos principais problemas socio-ambientais de Galiza, con picos de lumes cada poucos anos. Pero isto non foi sempre así. Cando eu era nena, o lume non era un monstro que arrasaba con todo, senón un aliado das familias campesiñas.
—¿Coma un aliado, avoa? ¿Como poden os lumes axudar aos campesiños?
Eugenia sorriu levemente. Non lle sorprendeu que ao seu neto menor isto lle resultase chocante, e alegroulle ter captado a súa atención.
—Hai anos, durante séculos pasados e ata ben entrado o século XX, o monte non estaba desligado da agricultura coma o está agora, senón que xogaba un papel fundamental na alimentación do gando e na reprodución da fertilidade pola recolección de mato para a fabricación de esterco, que despois era utilizado para aboar os cultivos. Unha das principais prácticas que se tiñan por aquel entón eran as estivadas, unha forma de cultivo na que se emprega o lume. Normalmente as estivadas se realizaban despois da tempada de chuvias. Primeiro se lle daba unha primeira rozada, limpeza – aclarou – á terra, amontoando a broza e os terróns para despois queimalos tras tres ou catro meses, e logoc dábaselle outra labor usando esa cinza coma abono para plantar, entre novembro e decembro. O papel destas estivadas foi importantísimo. A agricultura galega tivo unha das máis elevadas produtividades en Europa entre o século XVIII e o XX. As estivadas proporcionaban unha colleita complementaria, case sempre de centeo, moi importante para a alimentación dunha Galiza que estaba por aquel entón moi densamente poboada. Ademais, tamén tiñan un rol central na reprodución do ciclo produtivo do mato, mobilizando a fertilidade do solo, actuando como pesticida natural e mellorando a composición dos chans pesados.
—A avoa Antonia sempre falaba disto —interveu Leo—. Contaba que estas prácticas foron fundamentais cando se empezou a plantar millo e pataca aló polo final do século XIX e primeiros do XX, antes da guerra civil. Era necesario mellorar a fertilidade e a rotación de cultivos para poder aumentar a produción. Ademais, como empezaba a haber unha especialización gandeira, tamén era máis necesario aumentar os cultivos de plantas forraxeiras para alimentar aos animais, e tamén nisto as estivadas foron determinantes. ¡Vamos! Que foron importantísimas durante moitísimos anos.
—Pero entón… ¿naqueles tempos non había incendios coma os de agora? ¿So os lumes que se usaban para as estivadas? —a historia que estaban a contar o seu pai e a súa avoa tiña bastante sorprendido a Aarón.
—Pois practicamente si —respondeu Eugenia—. Os lumes esporádicos eran pouco habituais.
—¿E que foi o que mudou? ¿Por que agora hai tantos incendios?
—Esa é unha boísima pregunta —desta vez foi o seu pai o que respondeu—. Basicamente, débese a dous procesos históricos paralelos e interrelacionados. Por unha parte, os efectos da política forestal durante a ditadura franquista; e por outro, a industrialización da agricultura. Ambos provocaron unha separación entre o monte e a agricultura e a gandería que nos ten levado á situación actual. A ditadura precisaba de madeira para a fabricación de celulosa, e atopou en Galiza un espazo privilexiado para producila. Expropiaron unha parte moi importante do territorio, os montes veciñais, para repoboalos con cultivos intensivos, primeiro de piñeiros, dende 1940, e logo de eucaliptos, dende os anos 70.
—Pero… ¿quitábanlle as súas parcelas de monte á xente, así sen máis?
—Si, fillo. Así é como funcionan as ditaduras, non hai negociación nin explicación, soamente imposición —respondeu Leo con pesar—. O caso é que con isto o que conseguiron é crear masas de vexetación que non eran nin son bosques, senón monocultivos de árbores. Isto provocou a separación dunha parte importante dos montes do sistema agrario, empobrecendo a moitas familias. Máis tarde, nos anos 60 e 70, acabouse de establecer esta separación co proceso de industrialización da gandería, que se especializou na produción de vacún de leite e de polos, que son máis dependentes dos pensos que dos montes, e isto fixo que moitos montes particulares quedasen sen uso. A industrialización, ademais, tivo un fortísimo impacto social, xa que provocou a desaparición de moitísimas explotacións familiares e a concentración da agricultura nun número reducido de explotacións máis grandes.
—Así que os montes foron deixando de ser necesarios para a agricultura e cada vez máis pertencen a persoas que non viven sequera no rural – corroborou a avoa Eugenia—. E neste contexto comezaron a ser obxecto de plantacións de eucalipto. Un caldo de cultivo idóneo para os lumes: cada vez menos persoas traballando a terra, e un aumento da biomasa, é dicir, de combustible para eses lumes. Mal negocio, neniños…
Xosé falou por primeira vez dende que iniciaran a conversa.
—O outro día escoitei a un experto na miña uni que dicía que dende 1974 ata hoxe teñen ardido máis de tres millóns de hectáreas en Galiza. E que por moito que invistamos en extinción de lumes o problema non vai desaparecer se non somos capaces de pensar nun futuro do territorio diferente ao que temos, que non pode ser coma o do pasado, pero que necesariamente debe refacer as conexións entre as distintas partes do territorio e coas persoas que habitan nel.
—Non lle falta razón…— aseverou con pesar Eugenia.
A familia continuou camiñando en silencio durante un rato entre a terra queimada. Aarón, que avanzaba mirando ao seu carón con pesar, parou en seco nun determinado momento e por primeira vez dende que iniciaran a travesía sacou o seu teléfono do peto. Activou a cámara e fixo unha foto a unha pequena ramiña verde que xurdía no medio da negra terra. Os seus pais, que estaban parados detrás del, viron como o rapaz abría a súa aplicación de Instagram e subía a fotografía que acababa de tomar, xunto á que unicamente escribiu «#brotesverdes». Leo e Maruxa miráronse de esguello, cunha pequena faísca de orgullo nos ollos. Iso de «Brotes verdes» representaba perfectamente o seu sentir… A desconexión do seu fillo coa natureza aínda non parecía ser total. Había esperanza.