ENTRE CABALOS E MONTES, o amor dunha neta
Volume 2, Artigo 4
Un texto de Aitor Alonso Rodríguez, baseado no resumo elaborado por Laura Lagos Abarzuza e Jaime Fagúndez Díaz
Inspirado no artigo científico de Laura Lagos (Universidade de Santiago de Compostela) e Jaime Fagúndez (Universidade da Coruña) Changes in management shape the spatial ecology of wild ponies in relation to habitat conservation, publicado na revista Biodiversity and Conservation (2025).
Cun sorriso radiante, púxolle o libro aberto na cara.
—¡Mira avó! ¡Este marrano é precioso!
Ramón soltou unha gargallada.
—Non miña filla, aos cabalos salvaxes chámaselles garranos, ou bestas, pero non marranos. Eses son os porcos.
Cíes entrepechou os ollos, enfurruñándose.
—¡E iso que importa abu! Só cambia unha letra. Mira que bonito é. ¡Mira que bonito!
Cíes tiña a capacidade de ver a maxia nos detalles máis pequenos. Sorprendíase con cada cousa que aprendía, con cada fotografía, con cada paisaxe e, sobre todo, con cada animal. O mar gardaba un espazo especial no seu corazón, pero non desprezaba os montes.
Tiña 12 anos, pero non o parecía. Ás veces parecía maior, e comprendía emocións que o resto pasaban por alto. Outras veces era súper infantil, e quería atrapar a curiosidade da infancia na súa mirada, estendela ao crecer, sen permitir que madurar se convertese na escusa para volverse triste.
Ramón era outra persoa cando estaba ao seu carón. Nunca foi un vello malhumorado deses, pero cando estaba con ela era máis de todo o bo. Mesmo nesa fin de semana, onde non recoñecer o seu pobo estaba a danarlle. Sentiuse agradecido de tomar a decisión de pasar máis tempo coas súas netas durante o ano.
—Tes razón, cariño. É precioso.
Volveu coller o libro e observou o cabalo. De súpeto, a aldea desapareceu da súa mente, e lembrou a excursión que fixera o ano pasado por Sabucedo. Alí coñecera a un rapaz bastante agradable. Ao principio custara arrincarlle as palabras da boca. Movía os ollos rápido e non paraba de cambiar o peso do corpo dun lado para outro.
—Jajajaja, moves tanto os ollos que pareces un cabaliño de mar.
A ocorrencia de Cíes fíxolle rir e soltouse. Ramón e a súa neta descubriron que se chamaba Xosé, que estudou bioloxía en Santiago, e que se tiña namorado. Pero iso é para outra historia. Descubriron tamén que de cabaliños de mar nada, pero de cabalos, Xosé sabía unha chea.
—Os cabalos salvaxes son importantísimos para conservar hábitats como os brezais, ou para previr os incendios forestais. Ademais, tamén son unha das presas principais do lobo en moitas zonas de Galicia.
—¡Claro que si! —dixo Cíes—. Díxomo o meu avó.
Ramón sorriu e encolleuse de ombreiros.
—Son de aldea meu fillo. Coñezo ben aos garranos. Ata hai pouco simplemente vivían ao seu aire no monte e os seus donos só os baixaban unha vez ao ano no curro ou rapa dás bestas.
Xosé quedou sorprendido do coñecemento do ancián. Sempre escoitara que se podía aprender moito das persoas maiores. El pensaba que só aprendía quen estaba disposto a escoitar.
—Isto mudou, ¿non si?
—A verdade é que si. Agora, o monte cambiou moito. Nalgúns montes veciñais en man común construíronse peches para que os animais non saian. Mesmo chegaron a pecharse parcelas dentro do propio monte e os cabalos rotan dunhas a outras como gando —suspirou—. Ademais, nalgúns montes creáronse pradarías nas zonas que antigamente eran brezais.
De súpeto, Ramón soltou unha gargallada.
—Aínda que moito máis diso eu non che sei. Iso son cousas que aprendedes os mozos como ti, na miña época facíase o que se tiña que facer.
Xosé sorriu.
—Falas como o meu avó.
—Home sabio —riu Ramón.
—Mira avó, pode ser o teu amigo ese señor, ¿eh? Dende que a abu non está saes menos de casa, e ás veces cando chego a verte, nótoche triste.
A Ramón encolléuselle o corazón.
—Non te preocupes por min, miña filla. Con vervos a vós, e ver que a túa nai e a túa tía están ben, eu xa cumprín.
—¡Non digas iso!
Ramón volveu rir e revolveu o pelo da súa neta.
—Non te preocupes, que o teu avó é un carballo. E a este carballo non o cambian por eucalipto. Mira —dixo volvéndose cara a Xosé —, volvendo aos cabalos, ¿que me contas do coidado do monte?
Xosé, quen escoitara a conversa sen se entremeter, respondeu lembrando o que lera.
—Pois, polo que lin, conservar a forma tradicional do manexo dos cabalos salvaxes, influíndo o menos posible, axudaría a xestionar os montes. Reducen o risco de incendios, por exemplo, pero tamén afectan positivamente na biodiversidade de plantas nos brezais. E, ademais, os cabalos son especialmente útiles, porque están adaptados ás condicións duras das nosas montañas e non necesitan axuda. É un sistema que non sería tan difícil manter, ao non requirir tantos coidados como o gando vacún, agora que o rural está a abandonarse.
—Ben sei eu diso —dixo apesarado.
Foi nese momento cando Ramón decidiu que o fin de semana que seguinte irían todos á aldea. Se podían, claro, non era cuestión de obrigalos.
—Acábome de acordar… Non, deixa, que vaia chapa che estou a dar.
—¡Conta, conta! Que non me estou pispando, pero está interesante —respondeu Cíes.
O avó e Xosé sorriron.
—Bueno… Lin hai pouco un artigo académico que falaba sobre isto. Buscaron entender como as mandas de cabalos salvaxes usan o espazo e de que maneira a súa distribución e movemento polo monte pódense ver influídos polas distintas prácticas de manexo. Para saber tomar mellores decisións sobre a conservación dos hábitats, vaia.
—¿E como o fixeron? —preguntou Cíes cos ollos ben abertos.
—Puxeron colares GPS a 29 eguas, repartidas entre… aquí vaia, Sabucedo, e na Serra do Xistral, alá para Lugo, ao longo dun ano. Os colares rexistraban unha localización cada hora, e estaban postos nunha egua por manda. Calcularon os tamaños das mandas ou greas, e as áreas de campeo, que son as zonas do monte que usan e onde se atopan habitualmente. Tamén as áreas máis usadas dentro desas áreas, chamadas áreas núcleo, e analizaron se había tipos de vexetación que lles gustasen máis ou menos, e como todo isto podía depender do manexo que facían os besteiros delas. É dicir, todo iso que diciamos antes dos peches, as praderías, movelos dunhas parcelas a outras…
—Carai… Perdinme. Vaia memoria tes, rapaz —dixo Cíes.
Xosé rascouse a caluga.
—É que na universidade métenme con calzador a importancia de fixarse na metodoloxía cando se fai ciencia.
—¿E que descubriron? —preguntou Ramón.
—Os cambios no manexo non parecen afectar as áreas núcleo, ou sexa, que non afectan á mínima superficie necesaria para cubrir as súas necesidades básicas. O que si, parece que cando o manexo é máis intensivo, as mandas son máis grandes.
—¡Más cabalos! Iso é bo, ¿non? —preguntou Cíes.
Xosé negou coa cabeza.
—Mandas cun maior número de cabalos ocupando áreas de campeo menores poden aumentar a presión nos hábitats, en comparación co sistema tradicional, vaia, que contribuíu a manter os brezais durante milenios.
—Ah, vaia…
—Bueno, o artigo di moitas cousas máis, pero ao final a conclusión é que, se perdemos o sistema tradicional de manexo e o substituímos por prácticas máis intensivas, afectaremos a como as mandas usan o monte, o que inflúe tamén na conservación dos hábitats. Ao final, todas esas prácticas que apareceron, como os peches de montes pequenos, rotar os cabalos por parcelas, ou a transformación da vexetación natural a praderías melloradas, parece que afectan ao seu comportamento. Esta forma máis intensiva de manexalos provoca que as mandas teñan maior tamaño, pero tamén menores áreas de campeo, e aumenta o solapamento entre os territorios das mandas veciñas.
—Bueno, todas estas cousas a min escápanseme, a verdade, pero ao final volvemos ao mesmo: na miña época o sistema tradicional funcionaba mellor.
—Si, bueno, é verdade… Pero antes tamén había outros problemas. Quizais non se trate de volver ao pasado, senón de recuperar aquilo que funcionaba, mantendo os bos avances. Mira que útil, por exemplo, usar un colar GPS en cada grea para saber por onde andan.
—¡Iso, iso! Lembra iso do ecofeminismo do que nos falou a tía aquela vez. Iso está moi ben e na túa época, pouco.
Ramón soltou unha gargallada.
—Tes máis razón ca un santo.
Ramón volveu ao presente. Á foto do garrano e á súa neta en fronte súa. Sorriu. Ao final, pensou que a vida ía sobre iso, ¿non? Facer valiosas memorias con aquelas persoas que fan o teu mundo.
Lembrou á súa señora: «Síntoo, meu amor, vas ter que esperar. Parece que aquí aínda me queren».
A morte da súa esposa, os incendios, o cambio na súa aldea, tiñan ido abrindo brechas no seu corazón. Pero non podía deixarse marchar aínda.
«Ben merece a pena esforzarse un pouco máis. Tan só… aínda que sexa para deixarlle un mundo un pouco máis fermoso a quen vén detrás».
Cíes recuperou o seu libro e sentou no chan. Ramón deixouse cabecear na poltrona pensando… en que algo tivo que facer ben para ter tanta sorte na vida.