A NOSA TERRA,
os nosos montes
Volume 2, Artigo 8
Un texto de Ana García Quintana, baseado no resumo realizado por Damián Copena Rodríguez
Inspirado no artigo científico de Damián Copena Rodríguez (Universidade de Santiago de Compostela) «No había más que tojos». Transformaciones socioeconómicas y resistencias en el monte vecinal de Galicia durante el siglo XX, publicado na revista ÁREAS. Revista Internacional de Ciencias Sociales (2024).
Eran as sete da mañá dun martes, pero Paca espertou entusiasmada. Tiña moitas ganas de explicarlle aos seus alumnos como o mundo no que se criaron se foi construíndo en base a acordos, imposicións e conflitos. Pasarían a mañá nun dos montes veciñais de Ponteareas onde Miguel, comuneiro e historiador, lles explicaría como evolucionou o monte ao longo da historia.
Cando chegou á porta do instituto os seus alumnos non estaban tan espertos coma ela. A media hora que lles roubaran de sono xusto o día despois da gala de «La Isla de las Tentaciones» parecíalles a maior inxustiza do mundo.
—A verdade é que prefiro ir de excursión a ir a clase, pero Paca, ben poderiades deixarnos durmir un pouco máis, ¿non ves que estamos medrando e durmir é importantísimo? —queixouse Juan mentres bocexaba.
Xusto nese momento chegou o autobús, o que substituíu as queixas polas discusións regulamentarias sobre quen ía atrás, quen se mareaba e tiña que ir diante, e un longo etcétera.
—Paca, ¿canto falta? Pero… ¿onde nos estás levando? —exclamou Juan cando apenas levaban vinte minutos de viaxe.
—Xa case estamos, paciencia —respondeu a profesora, un pouco preocupada por se os seus alumnos non gozaban tanto da experiencia como ela imaxinara.
Cando finalmente chegaron, Miguel esperábaos cun sorriso. Paca tranquilizouse ao ver que estaba tan emocionado pola excursión como ela. «A ver se entre os dous logramos transmitirlles o interese aos alumnos» pensou. Baixáronse do autobús e colocáronse en forma de semicírculo ao redor de Miguel, quen empezou a falar:
—¡Ola! O meu nome é Miguel, son historiador e comuneiro deste monte. Hoxe tentarei contarvos a historia que agochan estas terras, pero non historietas e lendas sobre seres máxicos, maldicións ou aparicións divinas, senón a historia do monte e das súas xentes, de como as decisións políticas e as protestas foron construíndo esta comunidade veciñal tal e como a coñecemos hoxe en día. Se tedes algunha dúbida ou pregunta interrompédeme sen problema. Así que veña, seguídeme, imos adentrarnos no monte.
O cheiro a humidade volvíase máis forte a medida que se avanzaba entre as árbores. Tamén podían escoitar o cantar dos paxaros, o que foi espertando a Juan, que se quedou pensando nas revoltas. Revolucionar á clase ou aos seus curmáns nas comidas familiares era a súa especialidade, pero nunca pensara en que podería levar á xente a revolucionarse no monte.
—¿Algún de vós sabe que son os montes veciñais?
—Son montes xestionados pola comunidade de veciños, ¿non? —respondeu Uxía con ton audaz.
—¡Si! Os montes veciñais son unha forma de propiedade común en Galicia. Este tipo de montes representa un quinto da superficie galega e teñen unhas características que os fan especiais. Fronte aos montes de propiedade pública ou privados, os montes veciñais son bens indivisibles, inalienables, imprescritibles e inembargables. Ademais, están vencellados á comunidade local, que toma as decisións sobre o que lle pasa ao monte en asembleas.
Juan enfadouse de golpe, e sen levantar a man sequera preguntoulle a Miguel:
—Se os montes veciñais os xestionan as persoas que viven preto do monte, ¿por que están cheos de eucaliptos? Non ten sentido, despois sempre estamos ardendo —Paca mirouno con reprobación, pero non lle deu tempo a dicir nada cando Miguel, en ton tranquilo, respondeu—. É unha moi boa pregunta, ¿cal é o teu nome?
– Juan – respondeu un pouco avergoñado por como interrompera ao guía.
—Pois Juan, a verdade é que o monte cambiou moito e a súa xestión non sempre é sinxela. Espero que a miña explicación de hoxe vos axude a entender mellor como foi evolucionando. ¿Algunha dúbida antes de que comece a contarvos esta historia?
Paca virouse buscando algunha man levantada. Parecía que o comentario de Juan espertara o interese dalgúns dos seus compañeiros. Finalmente, pediulle a Miguel que continuase.
—A principios do século XX o monte veciñal xogaba un papel fundamental nas áreas rurais. Os habitantes da zona usaban o toxo para producir abono e así manter a capacidade produtiva das terras de cultivo; daba para comer a todo tipo de gando, o que permitía obter carne, leite e la; tamén se producían cereais, como o centeo, e obtíñase leña e outros materiais de construción. Todas estas actividades xeraban un equilibrio entre o mundo agrario e o monte moi diferente do que temos hoxe en día.
—Oe, profe, unha dúbida —preguntou Juan pensativo—. ¿Como facían para plantar centeo, pastorear e todo iso con tantas árbores?
—É moi boa pregunta, Juan. Nos anos anteriores á Guerra Civil comezaron a realizarse plantacións públicas de piñeiros, eucaliptos e acacias nos montes que usaban os veciños da zona. Pero moitas das áreas que agora son arborizadas, antes eran pastos ou matogueira. Este proceso de forestación forzosa xerou conflitos, xa que moitos dos usos que realizaba a comunidade local, como o pastoreo, pasaron a estar prohibidos nestes montes.
—¿Que tipo de conflitos?
—Pois sobre todo actos de resistencia e sabotaxe, entre os que se atopaban incendios intencionados naquelas partes do monte comunal que foran forestadas con especies de crecemento rápido como as que xa mencionamos: eucalipto, piñeiro ou acacia.
—¿E que pasou despois? ¿Os comuneiros recuperaron o monte, non?
—Bueno, en parte si, pero foi moitos anos máis tarde. Despois da Guerra Civil, o proceso de forestación volveuse masivo. O impulso do Patrimonio Forestal do Estado, impulsado pola ditadura franquista, supuxo a forestación de miles de hectáreas nos montes veciñais. A comunidade perdeu toda voz e voto, o que supuxo un cambio radical no sistema de gobernanza deste tipo de montes. Este proceso foi o que posicionou a política forestal como instrumento para a penetración da economía de mercado nas áreas rurais —Miguel fixo unha pausa, mirou aos alumnos por uns segundos e proseguiu— Ata o final do franquismo non se modificou a normativa para recoñecer a propiedade veciñal do monte e que permitiu ás comunidades iniciar a súa recuperación. No caso deste monte, a recuperación tivo lugar entre os anos 1979 e 1980. Do mesmo xeito que o proceso de forestación, o de recuperación tamén foi conflitivo, xa que as autoridades locais opoñíanse ao cambio de propiedade. Os veciños, en contraposición, arrincaban eucaliptos e paraban tallas en sinal de protesta. Así que, a comunidade finalmente recuperou o seu monte, aínda que este era moi diferente ao de principios de século. O custo de plantar especies de crecemento rápido é moi elevado, dadas as súas características resulta difícil reintegrar o monte coas actividades agrogandeiras. Ademais, o armazón empresarial que se foi creando ao redor da actividade forestal non pode subsistir sen a materia prima que lle proporcionan estas terras.
—Pero entón, se o monte cambiou tanto, ¿cales son as funcións das comunidades de montes agora? —comentou Uxía.
—Tivéronse que reinventar e utilizan os recursos económicos que obteñen do monte para xerar emprego e financiar iniciativas que benefician á comunidade, como ao arranxo de camiños ou a participación en entidades culturais e deportivas. Cun pouco de creatividade e innovación están a actuar como dinamizadoras das áreas rurais e cada vez pódense atopar máis exemplos de innovación e boas prácticas vinculadas coa sustentabilidade.
—Bueno, ¿tedes algunha dúbida ou comentario? —preguntou Paca, mentres gozaban do sol de última hora da mañá. Tras a negativa da clase, proseguiu – Vale, despois deste paseo tan interesante vou amargar un pouco a festa. Quero que me escribades unha reflexión curta, cunha cara de folio chégame, sobre o que aprendestes hoxe. Escrita a man, nada de Intelixencia Artificial. Lembrade as tres ideas principais do que nos contou Miguel: a forestación do monte con eucaliptos, piñeiros e acacias empezou a principios do século XX; as comunidades sabotearon estes cambios de uso do monte; e, finalmente, ao final da década dos setenta conseguiron recuperar o seu control. Desde entón, foron adaptando os seus usos aos tempos que corren. ¿Algunha dúbida sobre a actividade que tedes que entregar?
—Non teño ningunha dúbida, Paca, pero sempre estas amolando. ¡Tráesnos de excursión para mandarnos deberes! Es unha lercha —contestou Juan en ton de broma.
—Bueeeno, non será para tanto. Veña imos comer, que vai un día moi bonito —contestou cun sorriso.
Paca estirouse mirando ao ceo. Estaba encantada cos resultados e co seu alumnado, as potenciais futuras persoas comuneiras, que aos poucos se amosaron interesadas. Agora só quedaba gozar do picnic que lles preparara Miguel e volver a casa.