O poder da colectividade

Volume 3, Editorial

Que vivimos tempos convulsos é algo que a estas alturas non se lle escapa a ninguén. Mentres escribimos estas liñas, somos conscientes de que cando se publique o próximo volume da revista, dentro de só unhas semanas, o mundo será probablemente moi diferente ao que temos hoxe, que xa é moi distinto ao que tiñamos hai apenas uns días.

Con todo, a pesar da enorme incerteza que nos rodea, ou tal vez debido a ela, desde o equipo editorial desta publicación aferrámonos á crenza de que o planeta segue infestado de persoas boas, empáticas, comprensivas e compasivas, e que só é necesario un empuxón para que nos unamos e alcemos a voz para plantar cara á tiranía e a maldade daqueles que queren facer deste un mundo terrible e temible. Por iso, quixemos dedicar este número ao poder das comunidades e da colaboración, para que sirva como unha pequena mostra de que cooperando podemos conseguir grandes cousas.

Os movementos colectivos, aínda que non están exentos de diversidade, e mesmo de confrontación, son a resposta máis adecuada e eficaz fronte aos movementos impositivos. O individualismo non adoita traer nada bo. Os grandes fitos da historia, aínda que en ocasións o recoñecemento levásello unha única persoa, escribíronse a base de sumar coñecementos, sensibilidades, pluralidade e colaboración. Non debemos esperar que unha persoa ou un grupo veña a resolver os nosos problemas e necesidades. Podemos e debémonos o ser partes activas dun cambio. A solución pola que apostamos xa é unha realidade, e ten a forma de traballo e esforzo colectivo que une corpos, mentes e vontades. É aí, é esa resposta grupal, onde as nosas vidas como seres individuais cobran o seu sentido.

Así que invitámoste a contaxiarte deste espírito gregario a través das aventuras do elenco de personaxes que dan vida a este terceiro volume da revista. Non se nos ocorre ninguén mellor ca eles para ensinarche o grande que é o poder da colectividade enfocada en conseguir o ben común.