Democracia Radical
Volume 3, Artigo 1
Un texto de Cristina Vázquez Santos, baseado no resumo de Javier Lloveras Gutiérrez
Inspirado no artigo científico de Javier Lloveras (Universidade de Vigo), Mario Pansera (Universidade de Vigo) e Adrian Smith (University of Sussex) On ‘the Politics of Repair Beyond Repair’: Radical Democracy and the Right to Repair Movement, publicado na revista Journal of Business Ethics (2025)
É un deses días nos que chove a mares e sopra un forte vento, que ás veces chaman temporal, outras cicloxénese e outras, DANA. «Algún día terei que buscar a diferenza entre todas esas denominacións», dise Noa cando entra no local, cuxa entrada está abarrotada de paraugas, algúns deles rotos. Deixa o seu (algo dobrado, pero aínda funcional) xunto ao resto de vítimas meteorolóxicas e entra.
Non lle gusta recoñecelo, pero estivo algo inquieta desde que coñeceu a ese mozo na charla sobre o dereito para reparar á que asistiu a semana pasada e ao que esperaba atopar hoxe no repair café. Así que agora que está alí, séntese algo decepcionada ao non velo. E algo estúpida. «Pero se nin tan sequera sei o seu nome!», pensa. Como aínda é cedo, avanza cara á barra, senta nunha banqueta alta e pide un café, apoiando no asento contiguo a bolsa na que trae o obxecto que pretende aprender a reparar. Aínda que o que a levou á charla da semana pasada foi a frustración do seu pai por non poder reparar o seu John Deere, non lle pareceu boa idea aparecer no bar subida nun tractor (¡aínda que tería sido espectacular!). Así que finalmente decantouse por levar o seu secador de pelo, que hai unhas semanas deixou de botar aire quente, o cal lle fai perder case por completo a súa funcionalidade. Esperemos que consiga arranxalo porque coa que está a caer aí fóra, seguro que ao chegar a casa faralle falta.
Tense quedado ensimesmada pensando nas súas cousas e non se decata de que alguén se ten parado ao seu carón. Sobresáltase cando lle tocan suavemente o ombreiro.
—Perdoa, non quería asustarte. Non se sei me lembras. Vímonos aquí a semana pasada na charla sobre o dereito para reparar. Chámome Xosé.
Vaia que se che lembra, Xosé…
—Ola! Non te preocupes. É que ás veces quedo un pouco pillada cando penso nas miñas cousas. Son Noa. Encantada!
Ningún dos dous sabe se debe darlle dous bicos ao outro e titubean un momento. Finalmente optan por agraciarse simplemente cun sorriso. Tímido pero sincero, no caso de Xosé; amplo e luminoso como ela, no caso de Noa.
—Espera, que aparto a bolsa para que poidas sentar. Aí teño a miña xoia para reparar hoxe. É un secador de pelo con máis anos que o fío negro, pero a verdade é que sempre funcionou ben ata o de agora e dáme pena tiralo. Que traes ti?
—Algo menos orixinal e lamentablemente máis moderno —responde Xosé—. Estragóuseme o teléfono hai un par de semanas e vivín nas miñas propias carnes o que significa non ter dereito a reparar —chancea—. Resulta que só os talleres oficiais de Apple poden arranxalo, así que vou ver se alguén por aquí sabe facer maxia e me libra de ter que comprar un novo…
—Non sei a ti, pero a min a charla do outro día deixoume a cabeza un pouco voada. Todo iso do dereito para reparar tenme moi intrigada. Pero quedei algo inquieta co tema da democracia radical que mencionou ao final.
Noa sempre foi boa estudante, boa filla, comedida e proporcionada, así que era esperable que a palabra «radical» lle producise algo de congoxa.
—A min tamén me ten flipado todo isto —dille Xosé—. Creo que farei o meu traballo fin de mestrado sobre este tema. Fun falar con Hugo para saber se querería dirixirmo e díxome que si. Faime mogollón de ilusión, a verdade! Tamén me deixara moi intrigado o da democracia radical, así que lle preguntei cando me vin con el o outro día. E non deberías inquietarte, en realidade é moi interesante e ten todo o sentido do mundo.
Xosé cóntalle a Noa a conversa que tivo con Hugo na reunión que mantiveron un par de días atrás.
—Contoume que as diferentes posicións que se producen no movemento do dereito a reparar e que nos explicou o outro día (defensa do consumidor, sustentabilidade ambiental, práctica de coidado e empoderamento colectivo, ou coma motor de innovación aberta) non teñen por que ser un problema a resolver, senón que son a esencia da democracia. Iso é a democracia radical, e para entendela hai que entender primeiro a hexemonía.
—Hexemonía? Iso sempre soa un pouco como a enfermidade rara… —chancea Noa.
—Jaja. Pode ser, si, pero a idea é máis simple do que parece. En política non hai unha única resposta correcta que todo o mundo acepte. Por exemplo, algunhas persoas cren que o Estado debe repartir máis a riqueza e outras cren que non, e a preferencia por unha opción ou outra depende moitas veces de intereses distintos ou de maneiras diferentes de ver a sociedade. Quen é pobre pode querer unha maior repartición, quen é rico, menos, e as persoas con ideas socialistas adoitan defender máis redistribución. Ás veces unha desas ideas vólvese a máis forte e empeza a parecer a máis normal ou a mellor. Iso sería a hexemonía —explica Xosé—. Pero, como non hai unha resposta única aos problemas, cando unha idea se volve dominante sempre quedan persoas que non están de acordo, e por iso xorden conflitos. A democracia radical di que eses conflitos non se poden facer desaparecer. O importante é que se expresen con debate e regras, e non como unha loita entre inimigos.
—Pois tan radical non parece, así dito —di Noa. Ambos rin.
—Hugo di que esta perspectiva é moi interesante por múltiples razóns —continúa Xosé—. Por unha banda, porque desenmascara a neutralidade aparente que existe nun terreo tan técnico como o da reparación. Os fabricantes presentan as súas restricións como inevitables, dicindo que é pola nosa seguridade ou para protexer a innovación. Pero a análise que fan desde a democracia radical mostra que, en realidade, todo isto son construcións hexemónicas, é dicir, formas de poder que se disfrazan de sentido común.
—Por seguridade… Vaia cara teñen! —intervén Noa, algo indignada.
—Si, son puro altruísmo, xa sabes… —engade Xosé en ton burlón—. O caso é que, segundo Hugo, as controversias que se producen en movementos como o dereito a reparar poñen de relevo a importancia do conflito, en lugar do consenso, como motor para expandir a democracia. Ao non ser un movemento homoxéneo, hai tensións entre quen o ve como unha forma de aforrar, como unha forma de reducir os residuos e o consumo, como unha forma de construír comunidade, ou como unha forma de fomentar a experimentación e innovación cidadá. Di que a democracia radical permite ver que esas diferenzas non debilitan ao movemento, senón todo o contrario: fano máis vivo e resistente.
—Interesante… Creo que usarei isto como argumento a próxima vez que discuta coa miña nai. «A controversia é a base da democracia, mamá, non é que che estea levando a contraria por amolar…» —di Noa con algo de retranca.
—Haha. Non sei se o da democracia radical aplica aos conflitos familiares —non sabe que é o que lle pasa, pero con esta moza a súa habitual timidez diluíuse enseguida, está a resultarlle moi fácil soltarse con ela—. E outra cousa súper interesante tamén, e con isto xa deixo de darche a chapa, é que me falou de como a súa investigación mostra que a política de reparar sempre vai máis aló da chave de parafusos, que arranxar un obxecto significa tamén reclamar autonomía fronte a monopolios, cuestionar o modelo de crecemento ilimitado, ou abrir a innovación á creatividade social. Chamouno “política da reparación máis aló da reparación”.
—Carallo! Pero tiveches unha reunión ou unha clase maxistral? Facer o TFM vaiche resultar pan comido —chancea Noa.
—Non o creo —ri Xosé—. Témome que todo isto é moito máis complexo do que parece. Pero a verdade é que teño moitas ganas de empezar a traballar con el. É un apaixonado do seu traballo. Di que isto do R2R e a democracia radical é algo que debería interesar a todo o mundo, porque fala da nosa vida cotiá e do noso futuro colectivo. Para a ética empresarial, implica que deben responder a demandas cidadás que cuestionan os seus privilexios, abandonando a idea de que a responsabilidade se define por consensos internos ou compromisos voluntarios. Para a política pública, significa non reducir a reparación a unha peza máis da economía circular, porque o dereito a reparar abre a porta para imaxinar alternativas máis profundas ao modelo de consumo actual. E para a cidadanía, lembra que a democracia non se limita ao voto, que tamén se manifesta na nosa maneira de consumir, e en se podemos abrir, reparar e reapropiarnos da tecnoloxía que usamos.
—A verdade é que non podo estar máis de acordo. Nalgún sitio lin unha vez que consumir é unha forma de manifestarse. Naquel momento non me parei a pensalo moito, pero creo que se referían xustamente a isto.
Pois parece que podemos confirmar que estes dous fixeron match. Pero veña, parella! Que viñestes aquí a traballar.
—Paréceme que isto xa empeza —di Noa, que se sente tan cómoda charlando con Xosé que o tempo lle ten pasado voando.
Ambos collen as súas cousas e sentan xuntos nunha das longas mesas cheas de ferramentas, dispostos a tentar aprender a reparar os seus cacharros. Lamentablemente temémonos que só un dos dous terá éxito. As grandes compañías como Apple teñen o negocio ben atado. Pero haberá que tentalo e seguir exercendo presión.
A investigación recibe fondos do proxecto ATTRACT (PID2023-147058NA-I00), financiado por MICIU/AEI/10.13039/501100011033 y por FEDER/UE, así como do programa Ramón y Cajal (RYC2021-034823-I) financiado por MICIU/AEI/10.13039/501100011033 e polos fondos NextGenerationEU/PRTR da Unión Europea.