Chicharras
Volume 3, Artigo 6
Un texto de Cristina Vázquez Santos, baseado no resumo de Alejandro M. Fortuny Sicart
Inspirado no artigo científico de Denise Kasparian (Instituto de investigación Gino Germani, Universidade de Buenos Aires), Agustina Súnico (Instituto de investigación Gino Germani, Universidade de Buenos Aires), Julieta Grasas (Instituto de investigación Gino Germani, Universidade de Buenos Aires) e Julia Cófreces (Departamento de filosofía, Universidade de Buenos Aires) Socio-Labour Inclusion of Low-Income Women in the Digital Economy: A Comparison between Corporate and Cooperative Domestic Work Platforms, publicado na revista Social Sciences (2023)
Cantan as chicharras pola noite
Titilan tres Marías la no ceo
Le diste mucho al mate por la tarde
y no puedes dormir…
A música de Catuxa Salom acompañábaa moitas tardes (dende que a súa filla Noa lla descubrira uns meses atrás) mentres xestionaba pedidos, revisaba facturas ou actualizaba a web da cooperativa. Do mesmo xeito que a cantante, o corazón de Eva tamén era medio arxentino e medio galego. Os seus pais eran deses tantos españois que tiveran que emigrar a Latinoamérica durante a ditadura franquista buscando as oportunidades que non podían atopar na súa terra. E as tiñan atopado en Rosario, en forma de papa, choclo e espinaca, os produtos estrela que se comercializaban na empresa agrícola para a que traballaban. Os gallegos (así chamaban a todos, xa fosen de Galicia ou de Albacete) eran boa man de obra, barata e traballadora, e non tardaban en atopar oportunidades laborais, pero moitos patróns aproveitábanse da súa situación. Non era o caso de Carmen e Manuel, que se consideraban afortunados por atopar un traballo con boas condicións e un xefe xusto, Ricardo, que pagaba o que debía e tratábaos con respecto, mesmo con agarimo. El ensináralles case todo o que sabían do campo e do cultivo, coñecementos que, cos anos, foran transmitindo ás súas fillas Eva, a primoxénita, e Valeria, a pequena das irmás.
Ambas se criaran entre o pobo no que vivían, a apenas 15km de Rosario, e a cidade, na que pasaban boa parte das fins de semana gozando dos seus parques e avenidas, as súas xeaderías e a súa oferta social e cultural. Os seus pais educáranas para ser responsables, pero tamén independentes e valentes, combinación máxica que fixera da súa infancia e mocidade temperá un período enormemente feliz. Por iso, para elas fora dramático o momento no que Carmen e Manuel lles dixeron que se mudaban a España. Entendían que quixesen regresar, por suposto. Aínda que os seus pais foran felices na terra do mate e os ventos do sur, nunca deixaran de estrañar a súa Galicia natal. O vínculo non fixera senón aumentar dende o mesmo momento en que cruzaron o Atlántico, e a morriña sempre o impregnara todo na súa casa. Con todo, as irmás, en especial Valeria, sentíanse profundamente arxentinas, polo que o día en que lles deron a noticia o fogar converteuse nun mar de bágoas. Era 1993 cando a familia empaquetou 20 anos de recordos (17 no caso de Eva, 15 no de Valeria) e emprendeu o camiño de regreso ao reino das meigas.
Aínda que non tardaron en adaptarse á súa nova vida, unha parte delas quedou no río Paraná. No caso de Eva era unha parte pequena, doce. Un recordo que atesouraba con amor infinito, pero non tanto como para chamala a volver. Estudara enxeñería agrónoma e en canto terminou incorporouse á cooperativa agrícola que os seus pais fundaran ao volver a Negreira. Fora feliz dende a súa chegada, era coma se ese fose en realidade o seu sitio. Pero para Valeria era diferente. A súa estrañada provincia de Santa Fe reclamábaa a berros. Fíxose a vivir en España, si, pero sempre tivera claro que regresaría a Rosario. Así que en canto xurdiu a oportunidade de facer unhas prácticas alí mentres cursaba o mestrado, non o dubidou nin un momento. E xa nunca volvera. Bueno, si. Algún nadal, e de cando en vez no verán, pero sempre de paso. O seu sitio estaba alá.
Para as irmás fora difícil separarse. Pero queríanse e respectábanse por enriba de todo, nunca se reprocharon nada: Eva non reprochaba a Valeria que decidise volver a Arxentina, e Valeria nunca reprochara a Eva que non se tivese ido con ela. Por aquel entón, a súa irmá xa se fixera bastante imprescindible na cooperativa familiar, e ademais coñecera a Antonio, o que uns anos despois sería o seu marido. Así que nunca se lle ocorreu pedirllo.
Aínda que botaban de menos o abrazarse e collerse da man, o seu vínculo permanecera intacto. Mantiñan un contacto constante, que nos últimos anos volvérase máis sinxelo co despregamento das novas tecnoloxías. A distancia non tiña mermado nin un pouco a súa complicidade e a súa capacidade para lerse a unha á outra. Por iso, durante a súa última chamada, Eva fora consciente de que a súa irmá estaba preocupada antes mesmo de que lle dese tempo a abrir a boca.
—Che, que pasa? Todo ben? Nótote medio bajoneada —era curioso ver como o acento e a maneira de falar de Eva cambiaban completamente ao falar coa súa irmá. Calquera que a coñecese no seu día a día non lle notaría nin o máis mínimo deixe na súa forma de falar. Pero en canto se atopaba en familia, a súa versión arxentina brotaba automaticamente, como un resorte.
—Y bueno… xa sabés como están as cousas por acá. Desde que se meteu Milei na Casa Rosada, a situación non deixa de empeorar.
—Pero che pasou algo? Estás ben?
—Si, si. É só que ando algo reflexiva… Vos non andabas dándolle voltas ao de montar un servizo de reparto de froita e verdura a domicilio en Santiago de Compostela?
—Y sí, é algo que nos anda na cabeza desde hai un tempo. Teño a Noa toda tola con iso, di que é unha gran oportunidade.
—Pero non estarán pensando en usar Glovo ou unha desas plataformas esclavistas que teñen por alá, verdade?
—Pois aínda non desenvolvemos a idea, viste. Por que lo preguntás?
Valeria traballaba nunha cooperativa cultural na que tiñan moito contacto con xente da universidade. Facía pouco coñecera a unha investigadora que estudaba cuestións relacionadas con economía social, e nun artigo recente ela e o seu equipo estudaran o traballo en plataformas dixitais dende a perspectiva de xénero, analizando a inclusión sociolaboral das mulleres en dúas coñecidas plataformas de xestión de traballo doméstico. Unha era Zolvers, que opera en países latinoamericanos como Arxentina, Chile, Colombia e México; e a outra Up & Go, unha cooperativa que ofrece o mesmo tipo de servizos en Estados Unidos.
—O estudo avalía ata que punto eses dous modelos contribúen a mellorar as condicións laborais, a autonomía e o empoderamento das traballadoras, analizando cuestións como a inclusión económica, as condicións de traballo, a gobernanza e o deseño tecnolóxico —Valeria explicaba o estudo con paixón. Sempre sentira unha grande sensibilidade polas cuestións sociais, sobre todo por aquelas que afectaban ás mulleres ou á infancia.
—E que atoparon? Polo que sei, Up & Go é unha cooperativa, así que espero que as súas prácticas sexan mellores ca as de Zolvers… —Eva era unha firme defensora do modelo cooperativo.
—Pois si, deches no cravo. No caso de Zolvers viron que, aínda que fomenta un certo grao de formalización laboral nun sector historicamente marcado pola informalidade e a precariedade —como é o do traballo doméstico—, na realidade os beneficios son bastante limitados e non alteran as relacións de poder tradicionais. As traballadoras quedan subordinadas ás empregadoras e á plataforma, que usa un sistema de asignación de tarefas baseado na reputación. Ademais, as traballadoras non poden cualificar ás empregadoras, así que se xera unha enorme asimetría que dá lugar a sesgos e discriminación, e a presión por manter unha boa reputación restrinxe moito a súa autonomía na organización do tempo. Vamos, que iso da conciliación familiar… pura utopía para elas.
—Polo que vexo, é unha empresa ao uso. Democracia e cooperación, cero —reflexionou Eva cun certo punto de indignación.
—Tal cual. Zolvers non ofrece ningún tipo de mecanismo de participación para as traballadoras; todo queda baixo o control da empresa, e a tecnoloxía non deixa de ser unha ferramenta de control laboral. As investigadoras concluían no seu artigo que a suposta flexibilidade do modelo de plataforma, en realidade, encobre novas formas de dependencia e disciplinamento laboral.
—Logo din que a tecnoloxía serve para mellorar as nosas vidas. Depende a de quen! E entón que pasa no caso de Up & Go?
—Pois, resumindo, todo o contrario. A plataforma está integrada por seis cooperativas de limpeza conformadas principalmente por mulleres migrantes, que son copropietarias e participan na súa xestión. Elas controlan a organización do traballo, definen colectivamente prezos e condicións laborais e perciben o 95% dos ingresos xerados. Ademais, non existe ese sistema baseado na reputación: implementan mecanismos colectivos e humanos de control de calidade que priorizan a protección dos salarios e a mediación xusta nos conflitos. A asignación dos traballos realízase a través de decisións tomadas polas propias cooperativas, o que lles dá máis autonomía e control sobre os tempos e o ritmo de traballo.
—Se é que o modelo cooperativo é o mellor… —sentenciou Eva, orgullosa.
—Sen dúbida. Que imos dicir nós! —riu Valeria—. Ademais, en Up & Go teñen un sistema de gobernanza democrática, que é a pedra angular da plataforma. As traballadoras participan nos procesos de toma de decisións e desenvolven capacidades máis alá das propias da limpeza, recibindo formación en xestión, contabilidade, marketing ou deseño organizacional. E o software da plataforma é de propiedade colectiva e as traballadoras participan no seu desenvolvemento. A tecnoloxía non se usa para vixiar ou penalizar, senón para facilitar a comunicación, superar barreiras lingüísticas e organizar o traballo de forma eficiente e equitativa.
—Xa vexo por que me preguntabas que tipo de plataforma estamos a pensar en usar se poñemos en marcha o do reparto a domicilio. Vos nos ves capaces de darlle bola a un sistema que explote ao persoal? Parece que no nos conocés, hermanita —dixo Eva en ton burlón—. Pero, escoitame! Agora que sabés tanto do tema, podés vir vos a axudarnos a implementar o sistema de reparto xusto.
Eva esperaba a habitual resposta que a súa irmá adoitaba darlle cando lle facía unha mínima insinuación de volver a Galicia, que sempre era un non rotundo. Pero nesta ocasión non fora así. A súa proposta, medio de broma medio en serio, estivera seguida por un longo silencio de Valeria, finalizado por un «Nunca se sabe…».
As cousas debíanse estar poñendo ben feas por alá. A conversa coa súa irmá deixara en Eva un pouso de preocupación.
Y si cantaran las chicharras
Pola noite en mi ventana
Al menos sentiría que de alguna forma
Sigo allí
Eva achegouse á xanela mentres Salom concluía o seu canto. Alí, vendo os seus verdes campos e o precioso ceo azul tinguido do vermello do atardecer, non puido evitar pensar en que os sons das chicharras en Arxentina estaban a empezar a quedar ocultos por outros máis aterradores. Corrían tempos escuros na súa terra natal, e no seu interior desexaba con tódalas súas forzas que a súa irmá volvese a Galicia.
O que non sabía naquel momento é que non tería que esperar moito para que iso sucedese.