Cris é xestora de I+D+i do Post-Growth Innovation Lab dende 2023, e ten sido unha das impulsoras da creación da Revista T·I·A·S. É licenciada en bioloxía, e ten un mestrado en Neurociencias e outro en Xestión Empresarial do Deporte. Hai máis de 15 anos que traballa no eido da investigación, primeiro no Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e posteriormente, entre 2016 e 2022, no Centro de Investigación Interuniversitario ECOBAS.
O que máis lle gusta do seu traballo é que lle permite facer moitas cousas diferentes, dende preparar propostas de proxectos para convocatorias competitivas ata organizar eventos (foi unha das organizadoras da Conferencia Internacional ESEE-Decrecemento 2024), pasando pola execución de actividades de participación pública ou a xestión operativa e financeira do grupo. A Revista T·I·A·S é un dos proxectos que máis ilusión e alegrías lle dan, porque ten a convicción de que a divulgación da ciencia é fundamental para poder vivir nunha sociedade informada e con capacidade crítica, imprescindible nos tempos que corren para combatir os extremismos e a desinformación.
É unha decrecentista e ecoloxista convencida, e unha amante absoluta dos animais e da natureza. Poderás atopala facilmente paseando aos seus perretes polo monte ou xogando ao volei praia nalgún areal.