Ana é investigadora predoutoral no Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo. A súa tese céntrase en estudar, de forma interdisciplinar, o papel do consumidor e do coñecemento científico na transición ecolóxica. O seu traballo cuestiona a énfase na responsabilidade individual fronte a un problema tan complexo coma é a crise climática, sen negar o importante que é que todas as persoas nos impliquemos no coidado do único planeta que habitamos.
Antes de aterrar en Pontevedra, estudou un dobre grao en Publicidade e Relacións Públicas e Marketing na Universidad Rey Juan Carlos de Madrid. Despois de explorar a industria e entender que as súas inquedanzas intelectuais ían noutra dirección, cursou un Mestrado en Desenvolvemento Económico e Innovación na Universidade de Santiago de Compostela, no que se especializou en Desenvolvemento Sostible e Economía Circular.
Pero por enriba de todo, Ana é de Tapia, un pequeno pobo da costa asturiana. Alí medrou rodeada de sal, vento e montañas escoitando o crepitar das ondas contra as rochas, e comendo fereixolos en entroido.