Brais é un dos impulsores da creación de T·I·A·S. É investigador posdoutoral no Post-Growth Innovation Lab e colaborador do Research Center for Territory, Transport and Environmenta (CITTA) da Universidade de Porto.
Estuda, de maneira interdisciplinar, os aspectos económicos, sociais, culturais e políticos que atravesan a sustentabilidade. Integrando aportacións da Economía Ecolóxica e da Ecoloxía Política, o seu traballo céntrase en comprender como avanzar cara a sociedades poscrecemento. Ata agora, a súa investigación ten abordado o desescalado dos límites planetarios a escalas de toma de decisións, as limitacións da economía circular para responder aos retos actuais, a gobernanza climática, a xustiza ambiental e climática, as transicións sostibles e a participación pública coma vehículo de cambio.
Nos últimos anos ten prestado especial atención ao papel da participación pública nos procesos de transición, explorando como os procesos participativos poden contribuír a impulsar transformacións profundas cara a sustentabilidade. Neste marco, ten coordinado diversos proxectos baseados na participación, entre eles iniciativas de ciencia cidadá coma Post-Growth S.A., accións de implicación multiactor coma CoBlue, e procesos de participación cidadá coma Plataforma ODS. Tamén ten liderado actividades en proxectos coma ARCA ou ExPliCit, e ten colaborado en iniciativas nacionais e internacionais coma PROSPERA, Just2CE, Ecocencia Con Lógica ou CODELISO.
O seu perfil interdisciplinar tamén se reflicte na articulación entre investigación, docencia e compromiso social. No ámbito docente, combina clases concisas con métodos activos e participativos e conta con experiencia na supervisión de traballos de mestrado, a formación de persoal investigador en etapa predoutoral e a impartición de cursos para profesorado. Ademais, ten participado en distintas iniciativas de divulgación e transferencia orientadas a achegar a ciencia á sociedade.