Marina é investigadora na Universidade de Vigo con máis de 15 anos de experiencia no eido da ecoloxía costeira e a sustentabilidade. A súa tese doutoral, e en boa medida a súa traxectoria científica, tense centrado no estudo de ecosistemas litorais, analizando o papel que desempeñan as macroalgas no funcionamento das praias areosas ou como as actividades humanas, coma os vertidos da industria conserveira, afectan ás comunidades bentónicas(organismos que viven asociados aos fondos mariños).
Actualmente o seu traballo oriéntase cara á avaliación integrada da sustentabilidade en distintos sistemas produtivos, incluíndo sectores agrícolas ou forestais, así coma en proxectos de innovación baseados na economía circular, coma a valorización de subprodutos da pesca mediante biorrefinería. Para isto, combina metodoloxías coma a Análise de Ciclo de Vida (LCA) e a Análise Coste-Beneficio Ambiental (e-CBA), co obxectivo de cuantificar e facer comprensibles os impactos ambientais.
Interésalle especialmente traducir resultados científicos complexos en información clara e útil para responsables de políticas, persoas xestoras e sociedade civil. Cre nunha ciencia próxima, que proporcione as ferramentas necesarias para comprender a nosa contorna e facilitar a toma de decisións informadas no día a día que permitan a protección do medio ambiente e o uso sostible dos seus recursos.