O DEREITO A REPARAR
UNHA POLÍTICA MÁIS ALÓ DOS OBXECTOS
Volume 1, Artigo 4
Un texto de Cristina Vázquez Santos, baseado no resumo elaborado por Javier Lloveras Gutiérrez
Inspirado no artigo científico de Javier Lloveras (Universidade de Vigo), Mario Pansera (Universidade de Vigo) e Adrian Smith (University of Sussex) On ‘the Politics of Repair Beyond Repair’: Radical Democracy and the Right to Repair Movement, publicado na revista Journal of Business Ethics (2025).
Aparentemente non teñen moito que ver. Porén, unha serie de acontecementos, en aparencia cotiáns, fixo que as vidas de Noa e Xosé se cruzasen, e que os seus destinos quedasen unidos por un interese común. Imos poñer en contexto ás nosas protagonistas:
Noa vive nunha parroquia rural preto de Negreira. Estudou Empresariais en Santiago, pero o seu corazón sempre estivo ligado á súa aldea. Así que alí volveu en canto rematou a carreira para unirse á cooperativa agrícola que crearon os seus avós hai máis de 30 anos, e pola que Noa sente un gran orgullo. Hai uns días, Noa notou ao seu pai algo amolado cando se sentaron a cear e preguntoulle que lle pasaba. Antonio, que así se chama o seu pai (aínda que case todo o mundo o coñece como Toñito), contoulle que estaba nunha das súas fincas traballando a terra e que, de súpeto, o tractor, un John Deere, comezou a facer ruídos estraños. Algo ía mal. En principio non lle deu moita importancia, Toñito é un auténtico manitas e un apaixonado da mecánica, e non dubidou en que, fose o que fose o que fallara, seguro que non tería problema en arranxalo el mesmo. Pero a súa sorpresa foi que, cando chegou ao garaxe disposto a reparar o seu flamante bólido (Toñito quere ao seu tractor como un futbolista ao seu descapotable), descubriu que non era posible facelo. Tiña as pezas e os coñecementos necesarios, pero John Deere utiliza peches dixitais que garanten que a reparación da súa maquinaria teña que pasar sempre pola súa rede.
– ¿Como é posible? – indignouse Noa- . ¡É absolutamente inxusto! ¡Réstanos autonomía e ponnos nas mans dunha gran multinacional, non debería ser así!
Noa aínda non o sabía, pero acababa de converterse nunha nova activista…
Imos agora co noso segundo protagonista: chámase Xosé, e é un ecoloxista empedernido. Dende que ten uso de razón sempre sentiu unha gran sensibilidade polos problemas que afectan á nai Terra, así que trata de ser o máis coherente posible cos seus principios e valores, e vivir de forma acorde a eles. Isto tamén o aplica á súa forma de consumir, polo que intenta evitar mercar máis do que necesita e aproveitar ao máximo a vida útil das súas cousas, sexan roupa, tecnoloxía, calzado ou o que sexa. Hai uns días o seu teléfono estragouse. É un iPhone herdado do seu irmán que, ao contrario ca el, non ten reparo ningún en cambiar de móbil en canto sae un modelo novo, aínda que o seu funcione perfectamente. «Que rabia», pensou, «terei que levalo a reparar». Así que alá foi á tenda de reparacións do seu barrio, á que xa levara algún móbil anteriormente, cando era máis novo. E aquí aparece o problema: no taller de reparación dinlle que non é posible arranxalo. Os modelos máis modernos de iPhone só permiten que as reparacións se fagan nos seus propios talleres, e non existe ningún preto da súa casa, terá que enviar o dispositivo a Madrid e pagar unha auténtica fortuna.
¿Sóavos o problema? ¡Correcto! Igual que lle sucede ao pai de Noa co seu tractor, Xosé tampouco pode reparar o seu teléfono por si mesmo. Pois xa temos as situacións cotiás das que falabamos cando dixemos que as vidas dos nosos protagonistas ían cruzarse. Imos ver agora en que punto se atopan.
Aínda que Noa xa rematou os seus estudos, gústalle achegarse a Santiago de vez en cando e quedar coas súas amizades da carreira. Adoitan verse nun café que hai preto do campus, un deses modernos, pero non pijo, agradable, onde con frecuencia organizan actividades e concertos. Alí viu un cartel. Anuncian unha charla sobre algo do que nunca oíra falar antes: o Dereito a Reparar (R2R, chámanlle, polas súas siglas en inglés: Right To Repair). E o tema chamou inevitablemente a súa atención, porque lembrou o desgusto do seu pai por non poder arranxar o tractor. Así que decide que asistirá á actividade.
Xosé está a cursar un mestrado en sustentabilidade ambiental no que estuda cuestións relacionadas co medio ambiente dende moi diferentes perspectivas. Esta semana veu darlles clase un profesor convidado, Hugo nonseiqué (Xosé nunca foi moi bo para reter nomes). Estivo a falarlles sobre tecnoloxía e medio ambiente, e convidounos a asistir á charla que vai dar nun bar próximo ao campus ao día seguinte.
Seguro que xa o deducistes: chegamos ao lugar onde as vidas de Noa e Xosé se cruzan: o café «moderno, pero non pijo» ao que adoita ir Noa coas súas colegas.
Aínda que ambos chegan antes da hora de inicio da actividade, o local xa está bastante cheo, así que Noa e Xosé séntanse en dous sitios contiguos que quedan ao fondo do bar. Ao pouco rato unha muller de mediana idade, que semella ser a dona do local, pide silencio ás persoas que se dan cita alí e presenta ao convidado. Chámase Hugo e, ademais de profesor universitario e investigador, é experto nesa cousa tan estraña da que nin Noa nin Xosé oíran falar antes con nome de personaxe de A Guerra das Galaxias: o R2R. Hugo métese ao público no peto dende o primeiro minuto, non só polo seu simpático acento (non o dixemos, pero Hugo é brasileiro) senón pola paixón coa que fala do tema. Explícalles que o Dereito a Reparar é un movemento que foi gañando forza debido a que, dende hai xa algúns anos, un feito tan cotián como arranxar un obxecto foi converténdose nun privilexio con grandes restricións. Comeza a súa charla poñendo un par de exemplos:
– Durante a pandemia, un hospital quixo reparar un ventilador vital. Dispuñan de persoal técnico capaz de facelo, pero o manual e os repostos estaban reservados á empresa provedora do ventilador. E calquera que intentase cambiar a batería dun teléfono moderno algunha vez coñece a frustración: pezas bloqueadas, advertencias de que se anula a garantía… – Xosé recoñécese neste punto- . Fronte a isto, a sociedade está a organizarse. Agricultores, ecoloxistas, talleres, asociacións de pacientes e consumidores únense baixo unha consigna sinxela: se o mercamos, deberiamos poder arranxalo.
– O interesante deste movemento – continúa- é que non trata só de aforrar cartos ou reducir residuos. Fala de algo máis grande: de quen controla a tecnoloxía na que baseamos a nosa vida, de que significa ser dono do que usamos, e de como a democracia se xoga tamén nos obxectos cotiáns – explica.
Hugo continúa co seu apaixonado discurso. Cóntalles que, durante décadas, a tendencia habitual foi a obsolescencia programada: fabricar produtos con vida útil curta para fomentar novas compras. Isto xa era polémico, pero polo menos entendíase: tratábase de vender máis. Hoxe a situación é máis inquietante. Moitas empresas adoptaron o que se coñece como assetization (do inglés asset, que significa activo económico): converter cada produto na porta de entrada a un fluxo continuo de ingresos. O obxecto xa non se concibe como algo que compras e posúes, senón como un activo que xera rendas permanentes para o fabricante mediante reparacións oficiais, actualizacións, subscricións ou seguros. Por exemplo: Rolls- Royce non vende motores de avión, senón que os aluga xunto con contratos de mantemento. ¿Por que é interesante este cambio? Porque revela que a reparación xa non é un detalle técnico: é o corazón dun modelo económico.
– Non se trata de que os produtos duren menos, senón de que nunca escapen ao control do fabricante. Entender isto axuda a ver por que o dereito a reparar é tan conflitivo: – prosegue- porque toca o centro dun sistema de negocios multimillonario.
O fascinante do R2R é que reúne actores moi distintos (xa dixemos que Noa e Xosé, en aparencia, non teñen moito en común, e aquí os tes, xuntos neste café, completamente entregados ás palabras dun simpático brasileiro). Pero o que todas as persoas que forman parte do movemento teñen en común é que senten que perden autonomía cando non poden reparar.
– Con todo – di Hugo- , o «Dereito a Reparar» funciona, en realidade, como un concepto en principio baleiro que cada persoa enche cos seus propios significados e que serve para unir forzas contra un adversario común. Deste xeito, identifícanse catro marcos diferentes que dotan de contidos distintos ao R2R:
O primeiro é a defensa do consumidor: reparar significa exercer a propiedade e aforrar cartos. Este discurso conecta con valores moi familiares nas sociedades de mercado – liberdade de elección, competencia xusta, soberanía do consumidor- e ofrece lexitimidade xurídica e política. – Noa síntese identificada rapidamente con esta visión.
O segundo é o da sustentabilidade ambiental: reparar como estratexia contra o desperdicio e o cambio climático. Aquí o R2R aliñase con políticas de economía circular e achega un sentido de urxencia ecolóxica. «Eu pertencerei a este grupo», pensa Xosé.
O terceiro é o comunitario: reparar como práctica de coidado e empoderamento colectivo. Os repair cafés amosan que arranxar un obxecto tamén é refacer vínculos sociais: compartir saberes, recuperar autonomía, construír resiliencia local.
Neste punto, Xosé, aínda que lle dá algo de vergoña, levanta a man e pregunta a Hugo que é iso dos repair cafés.
Hugo sorrille:
– Un repair café é un espazo comunitario onde se reúne a xente para reparar obxectos estragados como electrodomésticos, roupa, bicicletas, xoguetes ou outros, coa axuda de persoas voluntarias expertas. O obxectivo é reducir residuos, fomentar a sustentabilidade e compartir coñecementos técnicos nun ambiente colaborativo, distendido e gratuíto. Se che interesa o tema, organizarase un aquí dentro duns días, podes animarte a probar – respóndelle cun amplo sorriso.
Por último, expón o cuarto marco identificado, coñecido como tinkering creativo: reparar como motor de innovación aberta.
– Non se trata só de devolver os obxectos ao seu estado orixinal, senón de experimentar e transformar. As persoas que fabricaron respiradores con impresoras 3D durante a pandemia son un claro exemplo.
Noa e Xosé están fascinados, aínda que lles preocupa que dentro dun mesmo movemento haxa visións tan diferentes. Como se lles acabase de ler a mente, Hugo resolve as súas inquedanzas:
– En conxunto, estes marcos fan do R2R un movemento plural e vibrante. As súas diferentes visións e as tensións que isto pode producir non son un defecto: son a fonte da súa vitalidade. A defensa do consumidor dá lexitimidade en tribunais e políticas; a ambiental conecta con axendas globais; a comunitaria achega raíces sociais; e a creativa proxecta futuros alternativos de innovación. A riqueza do dereito a reparar reside precisamente en navegar esas tensións, mantendo unha fronte común contra o monopolio das grandes corporacións, e é o que dá pé ao que denominamos democracia radical. Pero moito me temo que hoxe xa non nos dará tempo a afondar máis nesta cuestión, teremos que deixalo para outro día.
Hugo chega así ao final do seu discurso, que remata dando as grazas á súa entregada audiencia. Pero antes de marchar, pídelles que se fagan tres preguntas sinxelas (e ao mesmo tempo complexas):
– ¿Quen controla a tecnoloxía? ¿Que significa posuír algo na era dixital? ¿Que tipo de sociedade queremos construír?
O público estala nun forte aplauso, e Noa e Xosé míranse por primeira vez dende que chegaron.
– Creo que vou vir a ese repair café – dílle Xosé. Non sabe por que o fixo. Adoita ser bastante tímido e cústalle falar con persoas descoñecidas, sobre todo se son rapazas. Quizais a excitación que sinte despois de todo o que acaba de escoitar desbloqueou momentaneamente as súas inhibicións.
– Pode que eu tamén – responde Noa, facéndose a misteriosa, aínda que ten claro que irá seguro. «Se cadra veño con papá», pensa. Non poderá levar o seu John Deere, pero está segura de que a experiencia lle gustará igualmente.
O bar volve ao seu balbordo habitual e Noa e Xosé despídense, cruzando unha última mirada. Oi, esa mirada… ¿Pode ser que aquí saltasen algunhas faíscas? Algo nos di que esta pode ser a primeira de moitas aventuras para a nosa fortuíta parella.
Agradecementos:
O artigo On ‘the Politics of Repair Beyond Repair’: Radical Democracy and the Right to Repair Movement, publicado na revista Journal of Business Ethics (2025), ten sido creado grazas á axuda Ramón y Cajal (RYC2021-034823) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades; a axuda MSCA Individual Fellowships (Grant Number 101066896) da Comisión Europea; e ao proxecto PROSPERA (GA 947713), financiado polo European Research Council da Comisión Europea.
A investigación recibe fondos do proxecto ATTRACT (PID2023-147058NA-I00), financiado por MICIU/AEI/10.13039/501100011033 y por FEDER/UE, así como do programa Ramón y Cajal (RYC2021-034823-I) financiado por MICIU/AEI/10.13039/501100011033 e polos fondos NextGenerationEU/PRTR da Unión Europea.