QUEN COIDA DO CORAZÓN DO ATLÁNTICO

Volume 1, Artigo 7

Un texto de Cristina Vázquez Santos, baseado no resumo elaborado por Silvia Rayo Luengo

Inspirado na comunicación científica de Cleo van Rijs (Universidade de Vigo), Silvia Rayo Luengo (Universidade de Vigo), Elena Ojea (Universidade de Vigo), e Andreu Blanco (Universidade de Vigo) Engaging stakeholders through interactive mapping of a marine national park to achieve effective and resilient marine spatial management, presentada na conferencia MPA in MSP (Bodø, Noruega, Xullo 2025)

O sol de xullo asomaba cálido entre as poucas nubes que había no ceo aquela mañá mentres Cíes baixaba do barco coa súa mochila ás costas. Cada verán, desde que podía lembrar, pasaba varias semanas co seu avó Ramón na Illa de Ons. Pero esta vez era distinto. Tiña doce anos, e unha curiosidade que non cabía no seu corpo. Quería entender o mar, non só nadalo.

Ramón esperábaa no peirao, coa súa gorra de sempre e un sorriso que lle engurraba a cara como papel de xornal vello.

– ¡A miña pequena exploradora! – exclamou, abrazándoa con forza- . ¿Lista para outro verán de aventuras?

– ¡Máis ca nunca! Este ano quero aprender de verdade. Non só pescar e pasear, senón entender como funciona todo isto – dixo sinalando o mar que os rodeaba.

Ramón mirouna con sorpresa e orgullo. Sempre soubera que a súa neta tiña algo especial.

Camiñaron ata a casa, unha construción sinxela de pedra e madeira con vistas ao Atlántico. Dende alí, Ramón ensinara a Cíes nas súas anteriores visitas a distinguir os ventos, a ler as mareas, e a recoñecer os sons do mar.

– ¿Sabías que esta illa, xunto con Cíes, Sálvora e Cortegada, forma parte dun dos parques nacionais marítimo-terrestres máis importantes de España?

– ¡Pois claro, avó! ¡Dixéchesmo unha chea de veces! – respondeu Cíes.

Ramón sorriu á súa neta con dozura.

– Ás veces compórtome como unha vello tolo que repite o mesmo mil veces, ¿verdade, pequena? – ambos riron.

Tras un intre coa vista posta no horizonte, o aspecto de Ramón volveuse máis serio:

– Estou preocupado polo futuro deste parque – díxolle –  o mar está demasiado desprotexido.

– ¿Como que desprotexido? – preguntou ela, engurrando o cello.

– Si, Cíes, si, desprotexido. Mira, en terra, máis da metade do parque está súper protexido, é dicir, está baixo protección estrita, así que non se pode levar a cabo ningunha actividade que non sexa para a súa xestión ou para investigación. Pero na mar, é diferente. Aínda que máis do 85% da superficie total do parque natural é mariña, case todo está permitido na mar. Apenas unha décima parte considérase zona de uso restrinxido, é dicir, que ten certas limitacións. Pero, igualmente, ese tipo de protección é insuficiente, xa que nesas zonas permítese o acceso de persoas e actividades como a pesca artesanal. Na mar, as zonas de protección estrita non chegan nin ao 1% e, ademais, só se aplica aos fondos mariños, pero non ao resto da columna de auga.

Cíes quedou pensativa. Parecíalle incrible. ¿Por que ninguén estaba a protexer as súas illas? ¿Como podía protexerse só a terra e o fondo da mar e non todo o que os rodeaba?

Durante os días seguintes, Ramón levouna na súa barca por distintas zonas. Como cada verán, visitaron a praia de Melide, os cantís do Buraco do Inferno, e as zonas onde o avó adoitaba pescar polbos e nécoras. Pero tamén lle ensinou os lugares onde os barcos turísticos ancoraban sen coidado, onde a xente mergullaba entrando en zonas sensibles, e onde os pescadores discutían polos mellores caladoiros.

– Aquí hai moitos conflitos, Cíes. Turistas, pescadores, empresas náuticas, mergulladores… Todo o mundo quere usar esta mar, pero non todo o mundo está disposto a respectala.

– ¿E ninguén fai nada para solucionalo?

– Si, por sorte aínda queda xente tratando de axudar. Hai pouco viñeron unhas persoas dun grupo de investigación da Universidade de Vigo e propuxéronme participar nun estudo. Recoñezo que ao principio fun un pouco reticente – Cíes sorriu. Aínda que o seu avó era a criatura máis boa que coñecía, ás veces resultaba algo arisco coas persoas descoñecidas e podía dar imaxe de rabudo.

– Usan unha ferramenta dixital chamada SeaSketch –  continuou Ramón, con certas dificultades para pronunciar o nome do programa que fixeron soltar a Cíes unha pequena risiña – É como un mapa nun computador onde a xente que dalgunha maneira fai uso do parque natural pode indicar as zonas que utiliza, os lugares onde atopa conflitos, e propoñer áreas que deberían protexerse máis.

– ¿E participou alguén máis, ademais de ti?

– ¡Claro! Pescadores, empresas de turismo, ONGs, persoal científico… Persoas moi diferentes, pero relacionadas con todo isto, que puidemos deixar constancia das nosas ideas.

– ¿E que pasou? ¿Cal foi o resultado? – Cíes estaba completamente intrigada, parecíalle fascinante. Estaba a crecer, o próximo ano empezaría a ir ao instituto, e a idea de converterse en científica mariña cada vez ía collendo máis forza na súa cabeza.

– Pois a verdade é que foi moi interesante. Por exemplo: o estudo demostrou que as zonas máis usadas están preto dos portos e praias, como a de Rodas nas Cíes. Tamén se viu que hai moitos conflitos polos tipos de arte de pesca que se usan, os sitios de ancoraxe, e o solapamento de actividades nesas zonas. Ademais, miña rula, hai moitas desas áreas que coinciden con hábitats que se consideran vulnerables segundo a Listaxe Vermella Europea.

– ¿A Listaxe Vermella Europea? – preguntou intrigada.

– É unha lista que identifica e clasifica os hábitats naturais máis ameazados de Europa, dinos cales están en perigo e necesitan protección especial. Serve como guía para priorizar a conservación e evitar a desaparición de ecosistemas valiosos, tanto terrestres como mariños.

– ¿Entón estamos a danar xusto o que deberiamos conservar?

– Pois témome que si, miña nena… E o peor é que moitas persoas sentimos que a protección actual non serve. É insuficiente, está mal situada, e non se xestiona ben. No estudo pedíronnos tamén que identificásemos novas zonas que creamos que se deben protexer de maneira estrita.

– ¿E que propuxeches ti?

– Zonas onde hai especies vulnerables, pero tamén onde non afecte tanto á nosa pesca. Porque creo hai que atopar un equilibrio, ¿sabes? Non se trata de prohibir todo, senón de coidar o que importa sen deixar a ninguén fóra.

Cíes quedou un intre en silencio. Estaba a tratar de procesar toda a información, pero o que máis lle fascinaba era que o seu avó, un home de mar cunha enorme intelixencia pero que apenas acabara a educación primaria, participase nunha investigación científica. ¡E usando un computador, nin máis nin menos! Dáballe algo de vergoña preguntarllo por se fería os seus sentimentos, pero atreveuse a facelo igualmente:

– Avó… ¿Por que che elixiron a ti para a investigación?

Ramón sorriu. Entendía perfectamente as dúbidas da súa neta, el mesmo as tivo cando o convidaron a participar:

– Bueno… Antes disto, cando pensaba en ciencia eu tamén me imaxinaba a unha chea de señores con batas brancas nun laboratorio mesturando cousas e mirando por un microscopio. Pero o equipo do estudo explicounos que existen maneiras diferentes de facer investigación científica, e que moitas veces, para poder estudar o que sucede nunha zona concreta, o coñecemento que temos as persoas que vivimos aí e estamos en contacto con ela é fundamental porque complementa aos datos científicos e permite deseñar solucións para a conservación dunha forma máis efectiva e tamén máis inclusiva.

Cíes entendeuno perfectamente. Non se trataba só de protexer o mar, senón de facelo de forma xusta. De ter en conta a quen o coñece, o usa e o ama.

As semanas pasaron voando para Cíes e Ramón, que dedicaron longas horas cada día a explorar a illa e falar sobre o mar e sobre o futuro. Coma cada ano, cando chegou a hora de volver á cidade a Cíes invadiulle a tristeza. Xusto antes de subir ao barco, Ramón deulle un forte abrazo e entregoulle unha pequena caixa de madeira. Cíes percibiu como os ollos do seu avó se embazaban, contendo unhas bágoas que xa debían estar a percorrer as súas fazulas mentres se despedían coa man a medida que o barco se afastaba da illa camiño a Vigo. Cando Ramón xa era só un pequeno puntiño no horizonte, Cíes abriu a caixa. Dentro había un compás, unha rede de pesca en miniatura, e unha carta.

Miña querida nena,

Esta mar que ves dende a túa xanela e que percorres cada verán comigo necesita voces como a túa. Voces que entendan que a conservación non é só ciencia, senón tamén xustiza. Que a mar non se protexe con prohibicións, senón con acordos. E que ti, coa túa curiosidade e o teu corazón, podes ser parte dese cambio.

Con amor,
O avó

Agora eran as bágoas da nena as que brotaban, pero de amor e de emoción. Sabía que ese verán cambiara algo nela. E que, cando volvese o ano seguinte, non só sería unha visitante, senón unha nova defensora do mar.

Agradecementos:
A investigación que ten dado lugar á comunicación científica Engaging stakeholders through interactive mapping of a marine national park to achieve effective and resilient marine spatial management, presentada na conferencia MPA in MSP (Bodø, Noruega, Xullo 2025), ten sido realizada no marco do proxecto MPA4CHANGE, cofinanciado pola Unión Europea.