O BIG BANG DE T·I·A·S
Volume 1, Editorial
A ciencia e as persoas que se dedican á investigación son deses preciosos tesouros aos que continuamente, ao longo da historia, se lles deu menos importancia da que teñen. E, con todo, sabemos que están detrás de todas as cousas que valoramos, apreciamos e necesitamos: do medicamento que fai que che baixe a febre maxicamente, do combustible que permite que o noso coche funcione, da tecnoloxía que utiliza o teléfono móbil que temos na nosa man todo o tempo e que nos permite comunicarnos con persoas que están a milleiros de quilómetros de distancia, ou acender a luz da nosa casa con só pulsar un botón na pantalla.
O que moita xente non sabe é que a ciencia e a investigación van moito máis aló de todo iso. Tamén se mergullan no coñecemento doutras cuestións que poden parecer menos obvias, pero que é fundamental estudar, como o funcionamento da democracia, as implicacións ecolóxicas de movementos sociais como o feminismo, o porqué dalgúns feitos históricos, ou o que supoñen os nosos hábitos de consumo para o futuro do planeta, por nomear soamente unhas poucas.
Así que un grupo de tolas e tolos pola ciencia e a divulgación decidimos tomar cartas no asunto e facer algo para cambiar esta situación. E así é como decidimos crear a Revista T·I·A·S, nada para dar visibilidade a toda esa investigación que se realiza dende diferentes ámbitos científicos e que ten un enorme impacto na sociedade en xeral ou sobre un grupo en particular. O seu nome estendido, This Is Also Science (Isto Tamén É Ciencia), fai referencia a dúas cousas: por unha banda, a esta vocación de cambiar no imaxinario colectivo a idea do concepto “ciencia”, e que deixe de estar intrinsecamente asociado a laboratorios e grandes infraestruturas tecnolóxicas; por outro, quere reflectir que existen moitas formas de contar a ciencia, de explicar a investigación. Dende T·I·A·S eliximos facelo dunha forma directa, transformando os conceptos e resultados recolleitos en traballos de investigación concretos en relatos nos que interveñen diferentes personaxes, e utilizando unha linguaxe que poida ser facilmente comprensible para calquera. Temos a ambición de conseguir que as nosas lectoras e lectores se identifiquen con esas personaxes, e mesmo que cheguen a collerlles agarimo, para que, a través das súas vivencias, se acheguen un pouco ao traballo de incalculable valor que realiza o persoal científico, descubrindo así novos conceptos, adquirindo novos coñecementos.
Neste primeiro número queremos destacar un fío condutor que atravesa todas estas preguntas menos obvias: a xustiza. Porque a ciencia non é neutral, está ligada a decisións políticas, económicas e sociais que afectan ás persoas e ao planeta. Aquí exploraremos, por exemplo, como combater o cambio climático sen deixar atrás ás máis vulnerables, que papel xoga a ciencia nun xenocidio como o de Palestina, ou por que a nosa forma de alimentarnos ten que ver coa xustiza global. Tamén reflexionaremos sobre quen decide cando reparar os nosos obxectos, ou que teñen que ver o feminismo e o ecoloxismo. Falar de xustiza é preguntarnos como queremos que sexa o mundo no que vivimos, e nesta revista cremos que é esencial dar voz a quen adoita ser silenciado, mesmo na divulgación científica.
Prepárate para coñecer a personaxes como Paca, unha apaixonada profesora de historia; Marga e Juan, estudantes de secundaria; Xosé e Aura, ecoloxistas ata o tutano; Ramón e Cíes, avó e neta amantes defensores das súas Illas Atlánticas; Marisa e Hugo, que se dedican á investigación e á divulgación científica; ou Noa, licenciada en ciencias empresariais pero que non dubidou en volver vivir ao rural ao terminar os seus estudos.
Así que, se chegaches ata aquí, dámosche as grazas por visitar a nosa casa e convidámosche a unirte a esta pequena familia T·I·A·S. Agardamos que desfrutes, que aprendas, que te emociones, e que as nosas historias che fagan ver a vida con outros ollos.
Porque a ciencia é todo un mundo. E o mundo está feito de ciencia.