Cristina é a fundadora de Savanna Books e Revista Pantera. Tras máis de 20 anos de experiencia docente, comeza a emprender en 2008 no sector editorial cun primeiro proxecto, Kireei Editorial, que en 2018 evoluciona até se converter en Savanna Books, unha editorial con enfoque ecosocial.
A Revista Pantera (fonte de inspiración para a Revista T·I·A·S) nace dentro da editorial en 2019 como unha publicación infantil centrada no medio ambiente e na biodiversidade, co obxectivo de sensibilizar ás novas xeracións sobre o coidado do planeta.
O propósito do seu traballo é a creación de libros e outros produtos editoriais na intersección entre a arte e a educación ecosocial, impulsando unha cultura dos coidados que pon a vida no centro. Ademais de editar, Cristina é escritora e publicou varios libros, tanto na súa editorial como noutras, entre eles Semillas, un libro coral centrado na rexeneración, e Somos naturaleza, libro álbum infantil co foco posto na alfabetización ecolóxica, onde o mundo natural representa os valores colectivos e os humanos as accións que podemos realizar para unha nova maneira de habitar o mundo. Vive en Valencia, co seu fillo e os seus catro gatos.