Cristina é unha persoa cunha profunda curiosidade, sensibilidade e sentido da xustiza. O seu camiño profesional non podía ser outro que aquel que lle permitise canalizar estas tres dimensións. <
Graduouse en Ciencias do Mar e especializouse cun Mestrado en Xestión do Desenvolvemento Sostible. A partir de aí, Traballou durante case cinco anos en consultoría estratéxica, adquirindo unha sólida experiencia a través de multitude de proxectos desafiantes, tamén a nivel internacional. Unha etapa que foi a base do que veu despois, cando descubriu unha nova forma de ver e interpretar o mundo que deu sentido a moitas das pezas que non acababan de encaixar: a perspectiva feminista.
Dende entón, formouse (e séguese a formar) cun posgrao de Axente de Igualdade e cursando un Mestrado en Igualdade, Xénero e Educación, dedicando gran parte do seu tempo a investigar e ampliar o seu coñecemento. Ese mesmo impulso é o que guía o seu traballo, no que trata de atopar formas atractivas de trasladar e espertar o interese doutras persoas por todo o que descubre.
Este percorrido tomou forma en Prisma, a consultora de igualdade que cofundou. Nela levan impartidas centos de horas de formación en teoría feminista, igualdade e prevención das violencias machistas a alumnado e a persoas adultas, así como conferencias; publicado guías e unidades didácticas; elaborado plans de igualdade; asesorado campañas institucionais; e deseñado e facilitado xornadas de escoita e participación cidadá.
Algúns dos proxectos que máis desfruta teñen que ver con mesturar cultura, feminismo e un toque de humor, como o Caderno de Vacacións que lanzaron no verán ou a newsletter, onde combinan referencias culturais e a súa análise en clave de xénero.
Namorada de Italia e da súa cultura, encántalle o cine de terror e as boas historias. Intenta convivir coas súas contradicións e sempre está chea de preguntas ás que busca resposta. De nena, os seus libros preferidos eran os dos porqués. Hai costumes que nunca se perden.