David é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) dende 2003. Ese mesmo ano incorporouse á Universidade Pablo de Olavide de Sevilla, onde foi Profesor de Historia Contemporánea dedde 2007 ata 2019, cando regresou á USC coma Profesor Contratado Doutor de Historia Contemporánea. Alí forma parte do grupo HISTAGRA (Historia Agraria e Política do Mundo Rural, séculos XIX e XX) e tamén é investigador do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) dende 2022.
As súas investigacións iniciáronse nos campos da Historia Rural e Forestal, para pasar despois á Historia Ambiental, a Agroecología e a Historia Social. A súa traxectoria combina proxectos en Galicia, Andalucía e América Latina, traballando principalmente en tres temas de investigación: en primeiro lugar, na análise das transformacións produtivas entre a agricultura orgánica e a industrial; en segundo lugar, a historia dos bens comúns en Galicia, centrada principalmente na análise dos vínculos entre os arranxos institucionais, a identidade e cohesión das comunidades locais, e os cambios produtivos na paisaxe; e en terceiro lugar, o estudo dos conflitos ambientais nas sociedades campesiñas históricas, especificamente os que xorden durante os períodos de cambio produtivo. Entre os seus últimos traballos publicados destacan os libros: The Social Metabolism of Spanish Agriculture, 1900–2008 (Springer) e Del Pasado al futuro como problema. La historia agraria contemporánea española en el siglo XXI (Prensas Universitarias de Zaragoza). David tamén ten sido o investigador principal do proxecto Agroecological landscapes and foodsystems in Galicia: past, present and future transitions, financiado pola Axencia Estatal de Investigación (Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades).