Guía para persoas autoras

Antes de enviar unha proposta de traballo para ser adaptada e publicada nun dos próximos números da revista, revisa con detemento esta guía.

Obxectivo da "Guía para persoas autoras" e criterios editoriais

Esta guía está pensada para axudarche a transformar o teu coñecemento especializado nun resumo claro e que resulte comprensible para unha audiencia sen formación científica previa.

Os traballos científicos que dean lugar aos artigos da revista poden pertencer a calquera ámbito do coñecemento (ciencias sociais, humanidades, ciencias experimentais, física, enxeñería…). A única condición é que o resumo resultante teña unha dimensión social, é dicir, que reflexione sobre os impactos que ten esa investigación para a sociedade en xeral ou para un grupo social en particular.

O envío dunha proposta por parte dunha persoa autora non garante a publicación dun artigo na revista. Cada proposta recibida será avaliada polo Comité Editorial (CE) da revista en base aos criterios recollidos no apartado “Avaliación, edición e revisión de propostas”, e a selección dos artigos que se publiquen en cada un dos números da revista será realizada de maneira consensuada por parte do Comité Editorial (CE) e do Comité Asesor Cidadá (CAC). A composición e descrición destes órganos pode consultarse na sección “Sobre a revista“.

A Revista T·I·A·S publicarase en formato dixital e, unha vez ao ano ou coa frecuencia que o CE e o CAC consideren oportuna, editarase un número especial conformado por unha selección de artigos publicados nos números dixitais previos, que será editado tamén en formato papel. Neste número especial o texto irá acompañado de ilustracións, fotografías ou imaxes que contribúan á súa lectura e melloren o seu impacto visual. Publicaranse tamén exemplares deste número especial en escritura braille co obxectivo de que os contidos poidan chegar ás persoas con diversidade funcional visual.

Ao enviar un resumo á Revista T·I·A·S, as persoas autoras consinten en que o seu texto sexa editado, modificado e publicado na versión dixital da revista e, de resultar seleccionado para o número especial, se realicen novas versións do artigo resultante: unha ilustrada para publicación dixital e edición en papel, e unha versión en formato braille.

Por outro lado, o Comité Editorial da Revista T·I·A·S comprométese a facilitar á persoa autora do resumo a versión final do artigo unha vez editado e revisado, para que poida realizar suxerencias e dar a súa aprobación expresa e por escrito antes da publicación.

Os textos poderán ser enviados en calquera momento do ano a través do formulario de envío de propostas que se atopa dispoñible na páxina web. As propostas conterán a seguinte información: 

  • Nome apelidos da persoa que realiza o envío
  • Entidade á que pertence a persoa que realiza o envío
  • Correo electrónico de contacto
  • Idea principal: os traballos científicos a miudo tratan sobre diversas cuestións e chegan a varias conclusións, pero para que o texto divulgativo sexa axeitado e cumpra a súa función, é preciso focalizarse nunha. Reflexiona sobre cal é a principal idea que queres transmitir e indícaa.
  • Ideas secundarias: poderás indicar ata un máximo de 3 ideas secundarias que queiras comunicar, e que deberán estar claramente reflectidas no resumo. 
  • Palabras chave: indicaranse entre 3-5 palabras/conceptos chave relacionados coa temática do traballo ou traballos científicos que dan lugar ao resumo.
  • Traballo ou traballos nos que se basea o resumo: indicarase cal é o traballo ou traballos científicos orixinais nos que se basea o resumo elaborado, incluíndo a cita e a URL da páxina web na que se atopan publicados, sempre que sexa posible.
  • Autoría do resumo: indicarase o nome e a filiación de todas as persoas autoras do resumo proposto.
  • Recursos recomendados (opcional): se o cres oportuno, podes incluir unha listaxe de lecturas ou recursos sobre o tema que consideres que poidan ser de interese para as persoas lectoras. Lembra que na súa maioría será un público sen coñecementos técnicos, polo que, ademais de recomendar artigos ou textos científicos, pode ser interesante que recomendes textos divulgativos, documentais, libros, películas ou calquera outro recurso apto para público xeral.
  • Ao facer o envío do formulario proporcionarase un arquivo en formato Word ou equivalente que conterá o resumo do traballo ou traballos científicos orixinais. Este texto deberá ter entre 800-1000 palabras, e deberá explicar o contido do documento ou documentos científicos orixinais de maneira que poida ser comprendido por persoas sen coñecementos científicos previos. Para facelo, recomendamos seguir unha estrutura similar a esta: 
    > Introdución: presenta o tema, por exemplo, cunha anécdota, unha pregunta ou un dato curioso que axude a espertar o interese e facilite a comprensión por parte do público. 
    > Desenvolvemento: explica o contido científico que queres divulgar de forma progresiva. Por exemplo, podes utilizar exemplos e metáforas adaptadas ao público da revista. Evita usar conceptos propios da academia se non podes explicalos en poucas palabras.
    > Conclusión: Resume a idea principal e expón unha reflexión ou pregunta aberta, que deixe á persoa lectora con ganas de saber máis sobre o tema.

Antes de realizar o envío recomendamos cumprimentar a seguinte táboa para saber se o resumo elaborado cumpre cos criterios da revista para a súa publicación:

Idea-conclusión principal

Idea central que queres comunicar. Debería poder definirse nunha única frase.

Ideas secundarias vencelladas á idea-conclusión principal (máx. 3)

Ideas que acheguen fluidez ao texto, empezando por unha e avanzando progresivamente cara a idea-conclusión principal

  • Idea 1
  • Idea 2
  • Idea 3

Se non es capaz de completar esta sinxela táboa, sería conveniente que revisaras o resumo e trates de melloralo

AVALIACIÓN

As propostas recibidas serán avaliadas polo Comité Editorial da Revista T·I·A·S en base a catro criterios:

  1. Cumprimento das normas de contido e estrutura do traballo 
  2. Cumprimento do requisito de dimensión social do traballo
  3. Interese do tema proposto
  4. Calidade do resumo enviado (¿resulta o texto comprensible para calquera persoa?)

 

Unha vez realizada esta avaliación, a proposta poderá obter dúas cualificacións:

  • Apto para publicación
  • Cambios requiridos para a publicación

 

O resultado da avaliación será comunicado ás persoas autoras. As propostas cualificadas coma “aptas para publicación” pasarán á fase de edición. As propostas que obteñan a cualificación “Cambios requiridos para a publicación” poderán ser enviadas novamente en calquera momento coas modificacións que resulten oportunas segundo as indicacións recollidas no resultado da avaliación.

EDICIÓN

Cada un dos resumos recibidos nas propostas cualificadas como “aptas para publicación” será editado polo Equipo de Redacción da revista para adaptalo ao estilo narrativo da mesma e crear así o artigo divulgativo final.

No artigo final trataranse de incorporar todos os conceptos e ideas recollidas no resumo, pero algunhas poderían ser omitidas por cuestións de espazo (non alongar o artigo máis do recomendado) ou de claridade (o exceso de información pode facer o texto máis difícil de comprender para un público xeneralista).

REVISIÓN

Antes de ser publicado, cada un dos artigos creados será enviado á persoa autora do resumo que deu lugar ao artigo para que poida revisalo, suxerir modificacións, e/ou dar a súa aprobación expresa e por escrito. En caso de inconformidade pola súa banda, o artigo non será publicado.

Os artigos divulgativos creados serán tamén revisados polo Comité Editorial e o Comité Asesor Cidadá coa fin de asegurar a súa claridade, corrección gramatical e adecuación ao público obxectivo.

¿QUE TON E ENFOQUE DEBEN TER OS TEXTOS?

O texto creado debe ser un resumo facilmente comprensible do documento ou documentos científicos orixinais, pero non é necesario que dediques máis tempo do necesario ao estilo narrativo, xa que todos os traballos recibidos serán reeditados para que os artigos finais sigan una mesma liña editorial. Non se espera que o texto que nos facilites sexa unha versión completamente fiel ao documento ou documentos científicos orixinais. Sempre que se manteña a rigorosidade, poderán crearse versións nas que se expliquen outros conceptos, ou que constitúan unha mestura ben fiada de diversos traballos científicos.

Para que o equipo de redacción poida desenvolver mellor o seu traballo, convén que á hora de realizar o resumo utilices unha linguaxe e un ton próximos, respectuosos e motivadores, e que evites abusar dos tecnicismos. Podes utilizar conceptos técnicos cando resulte necesario, pero han de poder explicarse en poucas palabras. 

A LINGUAXE É IMPORTANTE
  • Linguaxe clara: trata de usar frases curtas, voz activa, e de evitar subordinadas complexas.
  • Define termos: se empregas un concepto técnico, explícao con palabras sinxelas ou analoxías.
  • Evita xerga científica: substitúe termos científicos complexos por expresións máis comúns.
  • Se visual: usa comparacións, metáforas ou exemplos cotiás.
  • Emprega unha linguaxe inclusiva: o noso público é tan diverso como a sociedade mesma. Animámosche a usar expresións coma “o alumnado” (en lugar de “os alumnos”) ou “as persoas agricultoras” (en lugar de “os agricultores”).