LUME E CIENCIA

Volume 2, Editorial

O control do lume por parte do ser humano supuxo un fito na evolución da nosa especie, e durante milenios foi (e segue a ser) un gran aliado. Sen embargo, coma sucede con moitas outras cousas na vida, cando perdemos o control sobre eles, os aliados pódense volver inimigos. Nas últimas décadas, os incendios forestais téñense convertido nun problema de enorme magnitude con múltiples e terribles consecuencias, principalmente nas zonas rurais. A ninguén se lle escapa a estas alturas que o pasado verán foi o un dos máis crús da historia de Galicia e doutras rexións do país en termos de superficie queimada, xerándose perdas de incalculable valor ecolóxico, económico e social.

Dende o equipo editor desta revista consideramos de gran importancia abordar esta problemática e dar visibilidade ao traballo que se realiza dende diferentes eidos da ciencia en relación con ela. Por iso, nesta nova publicación as nosas personaxes axudarannos a achegarnos a cuestións relacionadas cos incendios que van máis aló da destrución dos ecosistemas e da perda de biodiversidade. Entenderemos cal é a causa do aumento desmedido de lumes durante as últimas décadas, como o lume foi en tempos pasados unha ferramenta empregada con éxito na agricultura, cal é o rol das mulleres na xestión dos incendios, ou por que son importantes certas especies coma os cabalos na súa prevención.

Coma sempre, as historias que atoparás neste número están inspiradas no traballo realizado por persoal investigador pertencente a diferentes ámbitos científicos coma a historia, a socioloxía, ou a xeografía. Para a creación deste volume temos contado coa colaboración do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), a quen agradecemos enormemente o apoio que nos ten brindado para sacar esta edición adiante.

Estamos convencidas de que os relatos que atoparás nestas páxinas contribuirán a que mires os montes e o rural con outros ollos e a que, cando escoites falar de novos incendios forestais (porque, lamentablemente, os haberá), lembres o que che contaron Xosé, Miguel, Concha, Lucía, Leonardo e todas as demais personaxes que, a través das súas vivencias, conseguirán achegarte un pouquiño máis ao traballo que, día tras días e de maneira incansable, realizan esas grandes descoñecidas que son as persoas que se dedican á investigación.

Así que ponte cómoda ou cómodo, desconecta as notificacións, e déixate envolver polo calorciño que dá o lume do coñecemento. Porque as únicas lapas que se deberían propagar polos nosos territorios son as da ciencia.