Editorial

Volume 4, Editorial

O cheiro a terra mollada pode chegar a arreguizar os pelos dos brazos. É un cheiro singular, primario; un cheiro que se utiliza para describir a que cheiran outras cousas. Trátase dun aroma que nos reconecta co que fomos, co que somos, e co que imos ser. Sen lugar a dúbida, a terra mollada é moito máis que un conxunto de partículas inertes que manchan cando as colles nas mans. Representa o máis esencial de nós mesmas e transpórtanos á inconmensurabilidade da vida. Na terra empeza todo e tamén termina todo, aínda que soamente sexa para volver empezar. A terra mollada é a orixe, o motor do movemento da vida. Da terra mollada emerxe esa vida e, con ela, todos os seus misterios. 

Da mesma forma, a ciencia pode ser terra mollada. A ciencia busca achegarse aos misterios da vida para entendelos. Con todo, máis aló de resolvelos, moitas veces fai emerxer novos misterios. O descubrimento do átomo iluminou enigmas nunca antes expostos, ao igual que a presión sobre o sistema planetario revelou a existencia de interconexións globais que nunca se estudaron. A inconmensurabilidade da ciencia aliméntase da incomprensibilidade dun mundo que, por moito que xoguemos a descifrar, sempre nos sorprende con novos retos. É por iso polo que a ciencia non é o destino. O mundo, e todo o que sucede nel, é inconmensurable, e se agardamos a entendelo por completo para avanzar, non faremos outra cousa que permanecer estáticos mentres a vida pasa por diante. Necesitamos unha ciencia que actúe como motor do movemento; unha ciencia que sexa orixe, impulso e punto de partida na nosa comprensión actual do mundo; unha ciencia que se alimente de cada novo ciclo, discutindo consigo mesma nunha conversación interminable que conecte pasado, presente e futuro. Necesitamos unha ciencia que deixe de actuar coma se a realidade fose única, coma se todo aquilo que coñecemos na actualidade fose definitivo e coma se as sociedades dependesen de que a investigación avance para poder avanzar. Noutras palabras, necesitamos unha ciencia que sexa terra mollada. 

A revista T·I·A·S é un proxecto de ciencia e un proxecto de sociedade. A través dos seus artigos, esta publicación viaxa á orixe do que debería ser a ciencia, evitando reproducir todo aquilo no que se converteu hoxe en día: elitismo(da comunidade científica), despotismo (do coñecemento) e capitalismo (do sistema académico). Como sinalou Sheila Jasanoff, a ciencia non se produce á marxe da sociedade, senón que está inscrita na súa economía, a súa política e a súa cultura. Por tanto, debe pertencer á sociedade, do mesmo xeito que a sociedade debe ser o centro da ciencia. Calquera tipo de coñecemento necesita construírse entre todas, xa que o coñecemento está imbricado na realidade humana e emprégase para a toma de decisións. Entender as teorías físicas que fan posíbel un panel fotovoltaico e coñecer cal sería a súa mellor localización técnica non quere dicir que a súa implantación vaia ter sentido para unha comunidade concreta, nin que se repartan de forma xusta os seus custos e os seus beneficios, nin que non vaian existir grupos interesados en acumular poder e beneficiarse da súa posta en marcha. De feito, a infraestrutura fotovoltaica podería resultar contraproducente e carecer de sentido social. Se o coñecemento está ao servizo da sociedade, a sociedade debe estar no centro da xeración de coñecemento. T·I·A·S busca romper as ataduras dunha ciencia que leva décadas illada da realidade social, avanzando de forma imparable cara a un lugar que case ninguén se detén a cuestionar. 

Este número especial da revista recolle sete relatos que inspiran, que ilusionan e que reconectan a ciencia coas súas orixes, converténdoa, de novo, en terra mollada. As historias de Juan, de Paca, de Hugo, de Lucía, de Ramón ou de Cíes van trazando un fío común que atravesa a innovación responsable despois de Gaza, os coidados que sosteñen o corazón do Atlántico, o papel (moitas veces invisible) das mulleres durante un incendio, a memoria rural que aínda brota entre as cinzas, o valor de xuntar saberes e compartir ferramentas, a potencia crítica da educación ambiental e a relación entre os cabalos, o monte e os modos de habitar o territorio. Xunto co resto dos artigos que se inclúen no tres primeiros números da revista, estes textos contan historias que se estudan dende a ciencia e que buscan iniciar un diálogo profundo e veraz nun tempo caracterizado pola sobreinformación, a desinformación e a consecuente polarización social. Estas historias non son o final, senón o inicio dunha conversa construtiva na que te convidamos a participar e que, sen lugar a dúbida, busca facer das nosas vidas e das nosas comunidades un lugar mellor. 

Equipo T·I·A·S