ENTRE OCUPACIÓNS UNIVERSITARIAS E ACTIVISMO CLIMÁTICO
Volume 1, Artigo 5
Un texto de Cristina Vázquez Santos
Inspirado na tese doutoral de Josephine Becker (Universidade de Vigo) Prefigurative Politics as a Temporal Arc and Disruptive Protest: A Militant Ethnography with the student climate movement End Fossil (2025)
Levaban un par de meses sen verse, así que Xosé agardaba con impaciencia que chegase o sábado para volvela ver. Aura era a súa mellor amiga dende que podía lembrar. Vivían no mesmo barrio, tiñan a mesma idade e dende que se coñeceron, conectaron. E esa conexión nunca desaparecera, a pesar de que cos anos ambos cambiaran e eran persoas bastante diferentes. Xosé era tímido, algo retraído e non lle sobraba confianza en si mesmo. Aura era todo o contrario. A pesar da súa discapacidade visual (un accidente de coche cando era apenas un bebé producíralle unha perda de visión do 50%) parecía ver a vida con total claridade e non ter medo a nada. Era atrevida, segura de si mesma, alegre e positiva. Pero Xosé e Aura tiñan unha característica común capaz de sobresaír por enriba de todas as súas diferenzas: a súa paixón polo ecoloxismo e a protección do planeta. Podían pasarse horas falando sobre a deforestación do Amazonas, o desxeo dos glaciares, a desaparición de especies ou calquera outra das incontables calamidades que ameazan á Terra (tal como van as cousas, temas non lles faltaban nunca).
Ambos formaban parte de diferentes iniciativas e exercían o seu activismo de forma constante contra vento e marea, pero a última «tolemia» de Aura tiña fascinado a Xosé. Este ano tíñase ido a unha universidade portuguesa a estudar un mestrado sobre política ambiental, e alí entrara en contacto con End Fossil, un movemento xuvenil xurdido en 2022 como unha escisión de Fridays for Future, o famoso movemento de loita contra o cambio climático creado por Greta Thunberg. End Fossil xurdiu nun contexto moi particular, debido principalmente a dúas circunstancias: por unha banda, a pandemia da COVID-19 non só alterou a vida cotiá mundial, senón que tamén expuxo a fraxilidade e as desigualdades dos sistemas políticos e económicos; por outro, abordar a crise climática volveuse máis urxente ca nunca, pero a pesar do consenso científico as respostas políticas seguen sendo insuficientes ou mesmo regresivas. E neste panorama de colapso ecolóxico, desigualdade e reorientación do activismo climático naceu End Fossil, co foco posto en poñer fin á economía fósil. Pero a particularidade desta organización é que a súa principal estratexia son as ocupacións de institucións educativas, como as universidades, vistas como cómplices da crise climática e incapaces de preparar ao alumnado para un futuro xusto. Xosé sabía que iso, por suposto, era o que fascinara a Aura, que non dubidara nin un instante en unirse ao movemento. E el estaba desexando reencontrarse con ela para que lle contase punto por punto como fora a experiencia.
Por fin chegou o sábado e despois dunha boa ducha, Xosé saíu de casa para atoparse con Aura na cafetería do barrio onde se citaban sempre, á que ían dende adolescentes. Chegou puntual e sentou nunha mesa da terraza. Aínda que xa estaban en novembro, o día era asollado e había que aproveitar para sintetizar un pouquiño de vitamina D, como lle dicía sempre a súa nai. Sabía que a súa amiga chegaría tarde (sempre o facía), así que foi pedindo un café. Tras un intre alí sentado, viuna chegar pola avenida co seu paso tranquilo e o seu eterno sorriso. En canto estivo ao seu lado fundíronse nun longo abrazo, seguido das típicas bromas de Aura: «Alguén está a ir ao ximnasio. ¿Non será que queres impresionar a unha moza?» e ese tipo de comentarios que lle gustaba facer para avergoñar ao seu amigo. Aínda que non podía aprecialo, estaba segura de que a Xosé se lle poñían as fazulas incandescentes.
– Veña, pesada, deixa de vacilarme e empeza a contarme como foron estas semanas, que me tes nun sinvivir – díxolle Xosé.
Aura esperou a que marchase o camareiro, que acababa de chegar á súa mesa para tomar nota da comanda, e empezou a contar as súas aventuras.
– ¡Foi unha pasada, Xosé! Algunhas universidades están a converterse en espazos de protesta e de vida colectiva, onde se practican formas alternativas de relación e comunidade. Xusto canda min, entrou no movemento unha investigadora predoctoral que está a estudar unha cousa chamada política prefigurativa, e fixémonos moi amigas. A diferenza de enfoques que perseguen o poder estatal ou reformas institucionais, a política prefigurativa trata de poñer en marcha prácticas que buscan anticipar futuros alternativos no presente, e construír xa hoxe esas alternativas. As súas raíces están en tradicións anarquistas, autónomas, feministas e indíxenas. Aínda que inicialmente enfocábase en valores éticos, hoxe o que se debate é a súa viabilidade estratéxica: ¿poden estas prácticas a pequena escala impulsar unha transformación maior?
Aura falaba con auténtica paixón de todo aquilo, e Xosé escoitaba marabillado. O máis tolo que el fixera era participar nalgunha manifestación e visitar o barco de Green Peace, unha vez que estivera atracado no porto de Vilagarcía.
– A miña amiga estuda os novos movementos sociais, e en especial o seu vínculo co autónomo, o estudantil e o prefigurativo, onde a identidade colectiva e as dimensións ocultas do activismo son centrais.
Neste punto, Xosé interrompeuna.
– Pero… ¿como se pode investigar iso? – como estudante de ciencias ambientais que fora, na súa cabeza a investigación estaba máis vencellada a metodoloxías experimentais e cuantitativas, como cando fixeran un traballo de campo e tiveran que contar o número de especies de plantas invasoras que había nunha zona próxima ao río.
– Na súa investigación está a utilizar a etnografía militante – respondeulle Aura. – É unha metodoloxía que implica a inserción directa no movemento para poder estudalo. Porque a política prefigurativa non pode estudarse a distancia, é necesario vivila. Así que o seu traballo de campo incluíu participar nas reunións do movemento, ocupar as universidades cos seus membros e establecer relacións de longo prazo con activistas. Desta maneira foi obtendo datos mediante observación, entrevistas, conversacións e documentos. Fixo isto en tres universidades en Portugal, Países Baixos e Alemaña, e logo fixo comparacións usando unha metodoloxía que se chama «método do caso estendido», que o que fai é conectar o local con contextos estruturais máis amplos e desta maneira pódese ampliar a teoría, máis que xeneralizar. ¿Non che parece incrible? O seu traballo durante estes anos foi estar en diferentes países ocupando universidades. ¡Que envexa!
A Xosé si que lle parecía incrible, e aínda non conseguía encaixar as pezas na súa cabeza.
– Pero entón… ¿cal foi o resultado do seu traballo? ¿Que é o que atopou? ¿Que é o que achega a súa investigación?
– ¡Pois moitas cousas! – Contestoulle Aura, que sabía perfectamente que o seu amigo non estaba familiarizado con este tipo de investigacións cualitativas. «Outro dos fallos do sistema universitario actual», pensou. – A súa investigación achegou principalmente tres resultados:
Por unha banda, contribuíu a reconceptualizar iso da prefiguración. Ela propón vela como un arco temporal que vincula pasado, presente e futuro. É dicir, non só debe estar orientada cara ao vindeiro, senón tamén como recoñecemento de inxustizas históricas e creación de relacións e vínculos no presente. A prefiguración é reparación e construción, non ensaio.
En segundo lugar, atopou unha conexión entre disrupción e prefiguración: a prefiguración (imaxinar e practicar futuros mellores) vólvese máis poderosa cando se combina con accións disruptivas (protestas que rompen co establecido). O caso de End Fossil ofrece novas perspectivas sobre o papel dos movementos xuvenís na creación de imaxinarios políticos e sobre a eficacia da prefiguración, mostrando como os movementos xuvenís non só protestan, senón que tamén crean novas formas de pensar a política. Ademais, a disrupción non só ocorre nas rúas, senón tamén dentro dos propios grupos, cuestionando xerarquías e formas de dominación. Ao unir a loita contra a opresión coa disrupción, fortalécese a capacidade de construír futuros diferentes de forma real.
E por último, serviu tamén como contribución á metodoloxía científica. O uso de etnografía militante e do caso estendido achegou ferramentas para conectar experiencias locais con contextos macroestructurais e para ampliar a teoría.
– Carallo… – dixo Xosé, que aínda estaba a procesar toda a información. – Nunca se me ocorreu que alguén puidese investigar dese xeito e que existisen ese tipo de metodoloxías.
– Xa imaxino – respondeu Aura. – Non sufras, por desgraza é algo que lle pasa a moita xente. Se non levan unha bata branca e un matraz na man, non pensades que poidan facer ciencia. É a gran loita que padecemos quen formamos parte do universo das ciencias sociais – dixo poñendo un esaxerado ton dramático.
Ambos soltaron unha gargallada. A confianza entre Xosé e Aura era total, e nunca se sentían ofendidos polos comentarios que puidesen facer a unha do outro ou viceversa, porque sabían que formaban parte do xogo, e que en realidade se respectaban por enriba de todo.
– Veña, anda – dixo Xosé – imos dar un bo paseo, que o da ocupación está fantástico pero seguro que xa botabas de menos pasear ese corpo serrán polo pobo.
Aura riu. Xosé estaba no certo. Foran unhas semanas moi excitantes, pero agora que estaba na casa era consciente do moito que lle gustaba volver, sobre todo sabendo que el estaba alí para recibila. Aínda que tamén sabía que nun par de días xa estaría a desexar poñer rumbo de novo á universidade e ver que lle deparaban os seguintes meses. «Pídeche o cu turismo», adoitaba dicirlle o seu pai. E a verdade é que non lle faltaba razón.
Agradecementos:
A tese doutoral Prefigurative Politics as a Temporal Arc and Disruptive Protest: A Militant Ethnography with the student climate movement End Fossil (2025) ten sido desenvolvida no marco do proxecto PROSPERA (GA 947713), financiado polo European Research Council da Comisión Europea.