¿QUE QUEDA DA INNOVACIÓN RESPONSABLE DESPOIS DE GAZA?
Volume 1, Artigo 2
Un texto de Aitor Alonso Rodríguez, baseado no resumo elaborado por Mario Pansera
Inspirado no artigo científico de Mario Pansera (Universidade de Vigo) What’s Left of Responsible Innovation after Gaza? Ecocide, Epistemicide, and Genocide in Occupied Palestine publicado na revista Journal of Responsible Technology (2025).
– A Innovación Responsable naceu coa intención de pensar a ciencia e a tecnoloxía de maneira ética e democrática.
Era martes, e Paca estaba a darlle clase de historia aos alumnos de segundo. Quería tocar un tema tan importante como grave, e optou pola óptica da innovación debido ao patrón histórico que se reflectía ao longo dos anos: a innovación e a violencia colonial camiñaban da man, xerando ferramentas de dominación que logo se exportaban ao resto do mundo.
Pensaba no colonialismo británico en Irlanda, e como se ensaiaron métodos de violencia que foron replicados posteriormente en África e Asia. Nos experimentos do Imperio alemán en Namibia a primeiros do século XX. Ese exemplo xeáballe o sangue: campos de concentración contra o pobo herero e nama. Predecesores que inspiraron o aparello do nazismo.
Podía pensar en máis exemplos, sen parar, e iso era o que máis lle desagradaba. A organización do territorio durante o apartheid surafricano, aquilo denominado como «Bantustanes», territorios fragmentados e controlados que serviron para segregar á poboación «non branca», e que é un modelo que no presente estaba a ser reflectido en…
– Profesora, ¿estás ben? – preguntou Marga.
Paca pasouse unha man pola cara, limpándose os ollos, e sorriu.
– Chámame Paca, Marga, por favor. Si, estou ben, é só que hoxe imos tocar un tema complicado. ¿Que pensades da innovación? ¿Juan?
Juan sobresaltouse.
– Pois a lume de biqueira, ¿non? Quero dicir, está ben, mellor tecnoloxía e esas cousas.
– Moi ben. ¿Alguén ten unha opinión diferente?
A clase sumiuse nun silencio que confirmaba a opinión de Juan. Pero Paca non se vía satisfeita.
– ¿Alguén pensa nos problemas que pode traer a innovación?
Insegura, Marga levantou a man.
– ¿Si?
– Eu escoitei o outro día sobre «Lavender».
– Moi ben. Boísimo exemplo. ¿Podes explicalo, por favor?
Marga tragou saliva. Non lle gustaba nada falar diante de toda a clase.
– Bueno… non sei se o entendín de todo ben.
Paca sorriu.
– Seguro que si – alentou á alumna.
– Bueno… polo que entendín é un sistema de intelixencia artificial empregado polo exército israelí. É un programa que elabora listas de persoas palestinas sinaladas coma «obxectivos» para os bombardeos e avisa cando están na casa coas súas familias, aumentando deliberadamente as mortes de civís.
Paca, quen sempre estaba a sorrir, pasara a estar completamente seria. Seria e triste.
– Grazas Marga, este exemplo vénme moi ben para introducir o tema do que vos quería falar hoxe: a innovación adoita presentarse como sinónimo de progreso, pero moitas veces sostense na destrución e o refugallo. Dita violencia, preséntase en tres niveles interconectados.
Paca colleu un rotulador e escribiu no taboleiro:
- Ecocidio.
O ecocidio é a destrución de ecosistemas en nome do crecemento. Un exemplo diso pode ser a minería de litio. Tamén se pode ver en Palestina, nas súas terras salinizadas, nos pozos selados con cemento e oliveiras arrincados polos colonos nos territorios ocupados.
Volveu virar cara o taboleiro e engadiu debaixo:
- Epistemicidio.
A eliminación de saberes e culturas. Isto ocorre cando prácticas campesiñas e historias locais pasan a ser consideradas primitivas», e son substituídas por solucións tecnolóxicas corporativas. Podemos ver isto coa censura dixital, borrado de arquivos e negación da memoria colectiva que estamos a observar con Palestina. ‘Palestina nunca existiu’, acostumaba a dicir unha das fundadoras de Israel, Golda Meir.
E, por último:
- Xenocidio.
A eliminación física e o desprazamento de pobos. Por desgraza a todos nos soa o Holocausto, ¿verdade? O que Marga dixo antes é un exemplo de como a superioridade tecnolóxica serve de arma de exterminio. Gaza e Cisxordania, por exemplo, foron durante décadas un laboratorio para probar tecnoloxías de vixilancia, drons, sistemas de recoñecemento facial ou armas autónomas, que despois se venden no mercado global como «probadas en combate». Deste xeito, a ocupación e o xenocidio convértense en negocio. É dicir, e isto é moi importante que o entendades, cando se crean armas deseñadas especificamente para matar, iso tamén é tecnoloxía, e tamén é innovación. A innovación non é boa por natureza. A innovación non é neutral.
Paca deixou o rotulador no taboleiro.
– Con Palestina podemos ver como conflúen estas tres dimensións. A vida cotiá convértese en material de experimentación, Israel presenta esta violencia como «innovación» e empresas tecnolóxicas obteñen beneficio económico. E por desgraza, isto non é unha excepción, senón unha consecuencia extrema de como funciona a relación entre innovación e colonialismo no mundo actual.
– Profesora, ¿é por iso polo que xorde a Innovación Responsable?- preguntou Marga, que estivera atenta ao principio da lección, e a quen o bo recibimento da súa participación animáraa a volver falar.
Paca enmudeceu.
– Si – dixo finalmente- . Pero agora mesmo, a comunidade científica que estuda a Innovación Responsable, quedou practicamente muda no que respecta ao xenocidio palestino. Cando máis se necesita unha voz crítica sobre a responsabilidade da innovación, a propia comunidade que se dedica a iso cala.
O alumnado estaba completamente en silencio. Era a primeira vez que vían así á súa profesora.
– Ao non pronunciarse,- continuou- a Innovación Responsable corre o risco de converterse nunha forma de «maquillaxe ética» que lexitima o sistema que di cuestionar. Publicar guías éticas mentres se ignora o masacre en Gaza significa reforzar as mesmas estruturas que sosteñen grande parte da innovación tecnolóxica actual.
Durante un minuto ninguén dixo nada, e Paca non rompeu o silencio: quería que a mensaxe calase nos seus alumnos. Facía tempo que dar unha clase non lle resultaba tan difícil. Non só emocionalmente, que tamén, senón pola dificultade de transmitir o coñecemento coa importancia, e o tacto, que o tema requiría.
– ¿E que se pode facer? – preguntou Juan sen a súa desenvoltura habitual.
Paca non respondeu inmediatamente, quería asegurarse ben do que ía dicir.
– O primeiro é rexeitar a idea de que a tecnoloxía é neutral, algo que xa vimos antes. O segundo que se debe facer é denunciar o papel directo da ciencia e a tecnoloxía na opresión. E o terceiro é construír alternativas. Alternativas baseadas, por exemplo, na soberanía de datos, investigación desmilitarizada e, sobre todo, solidariedade coas comunidades que resisten estas prácticas, onde a tecnoloxía se está aplicando desta forma, e non calarnos ante o seu uso.
Paca mirou á clase con detemento antes de seguir.
– Co que quero que quededes é co seguinte: a responsabilidade non está en como xestionar riscos, senón en desmontar as estruturas que non valoran as nosas vida – viu como calaba a mensaxe nos seus alumnos-. Dentro da ciencia, e da Innovación Responsable en concreto – proseguiu–, é necesario un xiro decolonial. Un xiro que coloque no centro ás perspectivas palestinas, indíxenas e do Sur Global. Un xiro que desafíe a un modelo de innovación que non lle importa o «para que» das súas innovacións, onde o importante non é que salve vidas ou que mate, senón que achegue beneficio económico – Paca viu o reloxo na parede da aula- . E, antes de acabar, quero tamén que vos vaiades cunha pregunta para casa.
Soou o timbre que anunciaba o final da hora, pero ninguén empezou a recoller.
– Quero que pensedes: ¿Pode existir algo chamado Innovación Responsable mentres as súas comunidades, revistas e académicos calan fronte a un xenocidio tecnolóxico?
Agradecementos:
O artigo What’s Left of Responsible Innovation after Gaza? Ecocide, Epistemicide, and Genocide in Occupied Palestine publicado na revista Journal of Responsible Technology (2025) ten sido creado grazas ao proxecto europeo PROSPERA (GA 947713), financiado polo European Research Council da Comisión Europea.