UNHA PEQUENA CHAMA

Volume 2, Artigo 5

Un texto de Cristina Míguez González, baseado no resumo realizado por Noortje M. Keurhorst

Inspirado na tese doutoral de Noortje M. Keurhorst (Universidade de Vigo) Branches of Belonging: Imagining collective flourishing in the Galician monte (2025)

Lucía está a prepararse para ir á súa actividade favorita: hípica. Todos os mércores ás cinco da tarde organízase para a súa clase. Colle a roupa e unha mochila, esta vez con mazás que a súa avoa lle deu o outro día na aldea: mazás para os cabalos. Está namorada de Liberdade un cabalo maior que foi o primeiro que montou cando chegou ao club de hípica e que agora está retirado, pero vivindo a súa mellor vida. Sempre chega un pouquiño antes para poder estar con Liberdade e darlle todos os mimos do mundo.

Juan acompáñaa todas as semanas.

—¡Juan, por favor, é tardísimo! —reprocha Lucía gritando en alto ao seu irmán ao ver que a porta da súa habitación segue pechada.

—¿Oín á domadora de bestas chamarme? —chancea Juan abrindo a porta— Xa imos muller, quero coller algo de merenda para o camiño, que estes músculos non se fan sos.

Lucía non pode evitar rirse ao ver que o seu irmán se toca a barriga, nada musculada. Para os seus adentros, admite que é imposible enfadarse con el.

Baixan as escaleiras á vez. Na cociña, o seu pai está a baleirar bolsas da compra.

—¿Xa vos ides? —pregunta aos seus fillos—. Lucía, lémbrate de escribirme ou mandarme un audio cando chegues.

—Papá, está a un quilómetro— protesta Lucía.

—Un quilómetro de curvas, sen beirarrúa e rodeado de eucaliptos que arden con só miralos mal —di o pai, esta vez mirando á súa filla—. Xa sabes como se puxo todo o verán pasado. E nada de volver soa, ¿eh? —remata, apuntando agora a Juan cunha cabaciña—. Vólvela traer dunha peza.

—Si, home, que se lle pasa algo á domadora de bestas énchesenos a casa de cabalos salvaxes— chancea Juan, collendo un anaco de pan da mesa e meténdollo na boca.

O camiño ata o club de hípica atravesa primeiro unas cantas casas, despois un pequeno tramo de estrada e, ao pouco, o asfalto estréitase e aparece o monte, con cheiro a resina e mentol.

—¿Fixácheste en que plantaron máis eucaliptos por este camiño? —di Juan engurrando o nariz—. Antes por aquí había máis piñeiros e carballos.

—Mentres non os planten no campo de hípica, que fagan o que queiran —murmura indiferente Lucía.

O club aparece tras unha curva, co seu alto valo metálico e as luces xa acesas. Óese un relincho de lonxe, e a Lucía ilumínaselle a cara. Juan despídese da súa irmá e lémbralle que envíe a mensaxe ao seu pai.

Lucía saca o móbil e grava rapidamente un audio: «Papá, xa chegamos, todo ben. Non sexas pesado».

Entra no club, saúda ao aire e desvíase cara ao fondo, onde se atopa o pequeno prado no que está Liberdade todas as tardes. O cabalo levanta a cabeza ao escoitar a voz de Lucía.

—Ola, pequerrechiño —bisbea ela, achegándose ao valo—. Mira o que che traio hoxe.

Saca unha das mazás da mochila, a parte en dúas coas mans e ofrécella. Liberdade masca amodo, coma se saborease cada instante de agarimo. Lucía apoia a súa fronte no pescozo do animal, notando a calor e o ritmo lento da súa respiración.

Un asubío sácaa do seu momento favorito da semana. É o seu monitor que a saúda dende a pista.

—¡Lucía! ¡Cando remates de malcriar a ese señor maior ven, que empezamos!

Lucía despídese de Liberdade cunha palmada no lombo, deixa a mochila no banco de sempre e entra na pista. Con todo, nota algo distinto: ao fondo, o campo grande onde normalmente saen de roteiro está acordoado con cinta vermella e branca.

—¿Que pasou aí? —pregunta, sinalando a zona acordoada. O monitor suspira.

—Pois que alén do camiño van ampliar unha plantación de eucaliptos. E o seguro díxonos que, co risco de incendios, mellor non usar ese roteiro ata que estuden ben o plan.

—¿Ampliar? ¿Más eucaliptos? —repite Lucía.

—Bueno, xa sabes como está o tema —responde o monitor con resignación—. Din que o monte hai que «aproveitalo», que dá traballo, que Galicia vive da madeira… O de sempre.

—¿E o club non pode facer nada?

—Estamos a tentar falar coa comunidade de montes e co Concello, pero… —encóllese de ombreiros—. Non sei en que quedará todo.

Lucía nota un nó raro no estómago. Teme que, se seguen plantando máis eucaliptos, haxa menos sitio para roteiros, máis risco de lume… e máis escusas para que o seu pai diga que a hípica é perigosa.

Esa noite, durante a cea, Lucía saca o tema que non a deixa comer con tranquilidade.

—Acordoaron a parte de atrás da hípica —empeza Lucía, mentres xoga co garfo no prato—. Non imos poder saír de roteiro porque van plantar máis eucaliptos.

O seu pai levanta a mirada do prato, engurra o cello un momento, logo recóstase na cadeira.

—Bueno, é normal. A madeira é un dos motores da economía aquí. Non se pode ter todo: monte bonito, cabalos felices e emprego.

—¿E quen dixo que o monte con eucaliptos é bonito? — salta Lucía con rabia—. É todo igual, parece un filtro de fotos mal feito.

O pai de Lucía ve interese na súa filla e anímase a profundar no tema.

—Claro. Hai modelos de xestión, estudos, plans. O monte pode ser produtivo e sostible á vez. Agora fálase de asuntos como créditos de carbono, servizos ecosistémicos…

Lucía mírao, algo sorprendida polas palabras.

—¿Servizos que?

—Ecosistémicos —repite el—. O que o monte lle ofrece á sociedade: aire limpo, auga, paisaxe. Pódese medir, valorar economicamente e cobrar por iso.

—Ou sexa, vender o aire —murmura ela.

—Non é «vender o aire», é recoñecer o valor das cousas —responde o pai—. Mira, na empresa estamos a traballar con comunidades de montes que queren sacar rendemento de coidar ben o seu terreo. Págaselles por manter o monte en condicións. Todo o mundo gaña.

—Pois a min paréceme que quen decide todo iso nin monta a cabalo nin vive á beira do monte —di Lucía, cravando con rabia o garfo nun anaco de pataca.

A nai de Lucía, atenta á conversación, intervén cando sente que é o momento.

—Mañá hai unha reunión da comunidade de montes no centro social —di entón—. Vino nun cartel baixando ao centro. Igual poderiamos ir escoitar que contan.

—¿Quen? —pregunta Lucía, coa boca a medio abrir.

—Ti e quen queira —responde a nai—. Tanto falar do monte, non estaría mal escoitar á xente que vive del.

Lucía non di nada. Pero segue un bo intre co tema na cabeza.

Ao día seguinte, á saída do instituto, ve o cartel da asemblea da comunidade de montes que mencionara a súa nai. Será esta tarde. Á beira, outro papel máis pequeno, escrito a man: Brigadas deseucaliptizadoras. Saída voluntariado este sábado. «Arrincar para coidar»

«Arrincar para coidar». Sóalle raro, pero atráelle.

—Se os cabalos puidesen ler, xa estaría Liberdade apuntado —oe ás súas costas. É o seu monitor, que sae do centro social cunha chea de folios na man.

—Dáme rabia o do roteiro de hípica —admite.

—Pois entón igual é boa idea que veñas escoitar —di o seu monitor—. Á asemblea, ás brigadas ou ás dúas. O monte non se vai a coidar só.

Ese xoves, a asemblea está máis chea do que Lucía esperaba.

Unha muller duns cincuenta anos co pelo rizado e canoso fala diante de todo o mundo:

—…levamos décadas coidando este monte, limpándoo, facendo cortalumes, organizando quendas de vixilancia no verán. Non somos xente desorganizada que non sabe o que fai.

A nai de Lucía, que quixo acompañar á súa filla, inclínase cara a ela e bísballe:

—Esa é a presidenta da comunidade de montes.

Lucía mira ao redor. A sala está chea de xente da zona. Na pantalla ao fondo vese un mapa enorme, cheo de manchas verdes e liñas.

Toma a palabra un home maior, con chaqueta de pana e tez gastada polo sol.

—Cando eu empecei a trabalhar no monte —di—, falábase de «restaurar a natureza». Todo viña do Estado. Había manuais con fotos de bosques «perfectos», case todos de Alemaña, con árbores ordenadas. Dicíannos que especies eran «axeitadas», onde había que plantalas e como había que facer os trazados.

Fai unha pausa e sinala o mapa da pantalla.

—Mandábannos mapas dende Madrid. A idea era devolverlle ao monte unha especie de «natureza pura». Parecía moi científico, pero moitas veces non se preguntaba á xente que vivía aquí que monte quería.

Agora toma a palabra unha muller, a enxeñeira forestal que un día foi á hípica para falar coa directiva do club.

—Despois, sobre todo durante a ditadura, o enfoque cambiou. O monte converteuse nunha fábrica de madeira. A idea era que todo fose rendible. Se facía falta usar terras comunais para iso, usábanse. Falábase de «modernizar o campo» e dicíase á xente que ou se adaptaba ou se ía. Nesa época, a natureza víase como un recurso. Algo que había que optimizar para que o país crecese.

A Lucía vénlle á cabeza a frase «modernizarse ou emigrar», que oíu en historia, e conéctaa por primeira vez coa paisaxe que ve cando vai á hípica. A enxeñeira segue falando.

—Actualmente temos outro tipo de xestión. Usamos teledetección, modelos e mapas moi detallados. Valoramos o monte por todo o que ofrece: madeira, auga, aire limpo, protección fronte a incendios… Falamos de «servizos ecosistémicos» e creamos novos mercados: créditos de carbono e pagos por coidar zonas concretas. A idea é que a economía e a protección vaian da man.

Lucía recoñece moitas palabras da cea co seu pai.

—Dende a comunidade de montes non estamos en contra da ciencia nin da tecnoloxía —intervén novamente a presidenta da comunidade de montes—. Sabemos que o monte dá madeira, e que a xente necesita comer. Pero tamén sabemos que a cidade bebe da nosa auga e respira o noso aire.

Dende o fondo alguén grita:

—¡E a pesar dos incendios seguen plantando eucaliptos á beira das casas, coma se nada!

Outra persoa engade:

—Por iso fan falta as brigadas: arrincar o que sobra e plantar o que falta. Se esperamos a que o arranxen dende arriba, imos seguir ardendo.

O murmurio crece. Lucía nota tensión no ambiente, pero tamén orgullo. Dáse conta de que o chaman «o noso monte», «o que nos fixeron», «o que queremos deixar aos nosos fillos».

Tras repensar todas as ideas da asemblea, o sábado soa o espertador antes do normal. Ao ver a hora intempestiva que é, Lucía arrepíntese de apuntarse ás brigadas deseucaliptizadoras, pero xa se ten organizado para ir coa súa nai.

O punto de encontro está a media hora en coche. Cando chegan, hai unhas trinta persoas de diferentes perfís. Lucía distingue a xente que estaba na asemblea e persoas que van ao seu club de hípica.

Un mozo con chaleco reflectante explica o plan:

—Hoxe imos traballar nesta ladeira. Hai unha chea de eucalipto pequeno brotando entre carballos e outras árbores. Imos arrincar os pequenos, facer cortes nos medianos para que sequen, e deixar en paz os exemplares autóctonos. Pensade que cada eucalipto que eliminemos é un pouco menos de combustible para o próximo incendio. Aquí destruír tamén é coidar.

A media mañá, Lucía ten barro ata nas pestanas, rabuñaduras nas mans e un cansazo novo. No descanso, mentres comen bocadillos en círculo, un home conta como o lume quedou a menos de cen metros da súa casa o verán pasado. Outra moza explica que na súa comunidade queren substituír parte das plantacións de eucalipto por frondosas autóctonas, pero que os bancos só dan crédito se plantas eucalipto, porque é o que dá cartos rápido.

A moza trata de colocar toda a información na súa cabeza: o Estado que quería deseñar unha «natureza pura», a época na que o monte era soamente unha fábrica ao servizo dunha gran nación, un presente de palabras bonitas e mercados verdes, o roteiro de hípica cortada, o lume…e agora tamén as mans da súa nai cheas de terra e rabuñazos coma as súas.

—Facía tempo que non acababa un sábado tan cansa e á vez tan satisfeita —di a súa nai, estirando as costas.

Lucía tamén está esgotada, pero feliz. Dáse conta de que o monte non é soamente ese lugar polo que pasa para chegar ao club de hípica. É parte da súa historia, e agora ela é tamén parte da historia do monte.

De volta a casa no coche, coas mans aínda manchadas de terra seca, chégalle unha foto ao móbil: é o seu monitor, con Liberdade detrás, e unha mensaxe:

«O día que queiras, facemos un roteiro polo monte que estás a axudar a coidar».

Lucía sorrí e sente que unha pequena chama activista acaba de acenderse no seu peito.