Xuntando saberes
Volume 3, Artigo 2
Un texto de Cristina Míguez González, baseado no resumo elaborado por Blanca Callén Moreu e Anastasia Zisakou
Inspirado no capítulo de Blanca Callén Moreu (Universitat Autònoma de Barcelona) e Melisa Duque (Monash University. Department of Design) “We not only repair our devices, but also our relationship with them” : repair-led designing at the restart parties in Barcelona, dentro do libro Design/Repair: Place, Practice & Community (2024)
Hai casualidades que che cambian a vida.
Esas casualidades teñen forma dunha persoa que che sorrí, dun libro que non che deixa deitarte cedo, dunha palabra ben elixida, unha frase sabia, un cartel, unha canción que ouriza a túa pel… ou unha mestura de todo xunto que te leva ao mesmo lugar.
Restart party foi o comezo da casualidade de Hugo.
Hoxe está en Ceuán, unha aldea rural na que unha parella moza fundou unha asociación veciñal chea de actividades para facer comunidade. Trátase dun pequeno oasis onde as persoas realizan actividades enfocadas no local, van teletraballar, a buscar inspiración e convivir unha pequena tempada dinamizando a zona. Ceuán é unha contorna idílica para Hugo: natureza galega en estado puro e un ambiente que convida a crear. Aquí organiza, xunto con esta parella, algunha que outra Restart Party e hoxe, que xustamente está a preparar unha nova actividade, fai memoria de como xurdiu todo e como unha casualidade lle indicou o rumbo da vida que está a vivir agora.
Hai anos, Hugo acababa de aterrar en Barcelona para facer o seu doutoramento e buscaba coñecer xente. O seu eran os plans sinxelos: escribir, tocar a guitarra e nadar na costa de Florianápolis, de onde viña. Agora, nunha nova cidade, propoñíase comezar novas rutinas. Obrigouse a socializar e un día recibiu un sinal: nunha marquesiña de camiño á universidade había un moderno cartel que dicía «Restart Party». O seu contido parecía estar escrito para el, despois de pasarse unha mañá enteira tratando de acender o seu computador portátil: «ven a arranxar os teus aparellos electrónicos e coñece a xente da túa zona».
E así, presentouse unha mañá de outubro nun pequeno centro cultural.
O que pasou alí foi marabilloso. Unha vintena de persoas chegaban cos seus obxectos, na súa maioría electrónicos, para reparalos. E como o facían? Pois había moito coñecemento, pero non en forma de bata ou detrás dun mostrador, senón que circulaba no ambiente.
Ao entrar, Hugo quedou un pouco expectante por non saber por onde moverse nin a quen dirixirse. Na parede, un cartel escrito a man dicía:
«Non só reparamos dispositivos,
tamén reparamos a nosa relación con eles»
Hugo leuno dúas veces, sen saber que ía ser o centro da tese que quería escribir.
Unha muller sorrinte de pelo curto achegouse a el sen présa.
—Primeira vez? —preguntou en forma de benvida.
Hugo sorriu ensinándolle o portátil, coma se estivese na sala de espera dun hospital coa súa ferida.
—Non acende. Onte deixeino cargando e nada.
—Perfecto. Aquí non facemos maxia, pero tentaremos reparalo —dixo ela chiscándolle un ollo—. Ti séntaste comigo e mirámolo xuntos.
Iso era novo para Hugo. Esperaba unha frase tipo “déixanolo e volve buscalo mañá” ou algo do estilo. Pero non. Ao seu arredor as persoas sentaban á beira de quen sabía máis e o obxecto colocábase no centro: a xente estaba a aprender a reparar(se).
Ao seu carón pasaban cousas que lle sorprendían no medio dunha gran cidade: unha señora ofrecía galletas caseiras; unha parella falaba de «non comprar outra impresora» como quen fala dunha decisión ética, non dunha renuncia triste; un señor duns 70 anos sentado á beira dun adolescente intercambiaba experiencias ríndose mentres ambos reparaban un móbil. Persoas xuntando saberes. Marabillosa a estampa.
Cando terminaban os intentos de reparación dos aparellos, o lograsen ou non, anotaban o proceso e os seus resultados nunha lousa cuxos datos se documentaban logo nunha base de datos global, compartida entre comunidades reparadoras de todo o mundo, denominada The Fixometer.
A Hugo fascinoulle a mañá. Arranxara o seu portátil. Despois diso entendía que non era «seu» só porque o comprase, senón porque entendía como funcionaba e, por tanto, podía intervir nel. Alongando a vida útil do seu computador, aforrara unha boa suma de cartos, ademais de reducir impactos ambientais evitando a xeración de residuos electrónicos.
Por outra banda, Hugo, que chegara buscando xente «compatible», descubriu outra cousa: xente que non encaixaba no canon do consumo e que por iso estaba a construír un lugar propio: tiña aprendido, axudara, e sentiuse parte de «algo» por primeira vez dende que chegara a Barcelona.
Foron uns anos moi felices nos que fixo boas amizades e sentiu que tiña unha familia. Por temas de traballo decidiu deixar a cidade, pero parte del quedou con ese centro cultural e todas as persoas que coñecera ao redor doutras Restart Parties. Fora difícil marchar, pero de cando en vez facía unha escapadiña para consentirse e seguir en contacto.
Agora a súa vida é máis verde, sen un ritmo tan frenético e cun tempo máis húmido. Efectivamente, Hugo vive no norte da península. É profesor na universidade e segue nadando, pero agora en augas máis frías. Segue tocando a guitarra no seu salón, pero tamén a pandeireta nunha asociación cultural, e segue escribindo sen ningún propósito máis aló de gozar da sensación de paz que lle produce.
Hugo lembra con agarimo eses anos en Barcelona e prepara con ganas un novo proxecto, o cal xurdiu unha tarde falando en Ceuán mentres recollían cables e cuncas de café ao final da última xornada de reparación.
—Cada vez vén máis xente —dixo Hugo—. E iso é xenial, pero hai algo que me dá rabia. Chegan con obxectos rotos e repáranos, si. Pero, sobre todo, chegan con obxectos que nunca deberían comprar, moitas veces estráganse por falta de uso. Ademais, veñen persoas co mesmo obxecto, que poderían estar a compartir, xa que ás veces son veciñas porta con porta. A obsesión co novo ou a centralidade da propiedade privada aínda está moi presente. É unha especie de baleiro cuberto— Hugo queda reflexivo ao narrar en voz alta os seus pensamentos.
A súa amiga de Ceuán, sempre rápida, dirixiuse a un armario, que abriu, e sinalou o interior.
—Entón vaiche a gustar isto.
Dentro había caixas etiquetadas con rotulador: trade, pistola de silicona, proxector, máquina de coser, carpa, cortasetos.
—Estamos a montar unha biblioteca de obxectos —explicou—. Para que a xente non compre o que só precisa un día.
Hugo sentiu unha faísca familiar, a mesma que sentira ao ver a marquesiña en Barcelona. Só que esta vez o sinal non dicía «Ven a arranxar». Dicía: «Ven a non comprar».
—Biblioteca? —Biblioteca significaba prestar e devolver. Significaba que o obxecto non quedaba atrapado nunha casa, nin nun rocho, nin na culpa.
—Si —dixo ela—. Pídelo, úsalo, devólvelo. E se se estraga… xa sabes onde traelo. Ou se tes outros que non uses, tamén podes traelos aquí para prestalos e que outras persoas poidan usalos.
Hugo sorriu. Na súa cabeza, as dúas ideas encaixaron cun clic suave: reparar era alongar a vida. Prestar era multiplicar as vidas. E ambas, evitar que nacese outra cousa innecesaria.
A súa amiga seguiu explicando a súa motivación.
—Nin te imaxinas a de cartos que se gastan algúns veciños en maquinaria agrícola que poderían estar a compartir. A de espazo que aforrarían nas súas casas e, sobre todo, o que aprenderían se compartisen moitos dos obxectos que compran individualmente. Queremos xuntar saberes.
—Pois que necesitades da miña parte para botar a andar a idea? —soltou Hugo entusiasmado.
E aí empezou ese novo proxecto.
Levoulles un tempo facelo ben: quixeron facer unha boa organización con sistemas de catalogación, préstamo e mantemento, normas de uso compartidas e chegaron a crear unha comunidade implicada no coidado dos obxectos.
Esta fin de semana Hugo organiza un taller en Ceuán; nesta ocasión a comunidade de veciños aprenderá a utilizar unha trituradora de madeira. Teñen un par delas na Biblioteca de Obxectos e están moi demandadas.
Decide ir o día anterior a preparar todo coa xente do centro. Saca as trituradoras, revisa parafusos, limpa a tolva, coloca lentes e luvas nunha caixa e pega unha etiqueta:
«PONTE ISTO, VALENTE»
Logo colga un cartel na parede:
«OBRADOIRO PARA LEVAR ACHAS, NON HISTORIAS»
« Prazas: as que caiban no patio.
Ego: ningún»
A súa amiga pasa ao seu carón e o mira con ese sorriso que mestura asombro e satisfacción.
—Fixeches lista de seguridade?
—Fixen… poesía preventiva —di Hugo, e ensínalle a folla.
Na primeira liña escribiu:
«Regra 1: Non alimentar á trituradora con nada que respire»
Rin. Todo está baixo control.
—Pois teño unha noticia que che vai encantar —di ela en ton misterioso—. Sabes quen se apunta ao taller de mañá?
—Sorpréndeme —di Hugo, que segue colocando todo o material sen case levantar a vista das caixas que ten no chan.
—Hai pouco contactoume Francisca, unha profesora de instituto, porque lle parecía interesante organizar unha visita co seu alumnado a Ceuán —introduciu facendo unha pequena pausa de suspense antes do colofón—. O caso é que mañá veñen uns 20 adolescentes ao noso taller de trituradora de madeira. Non é marabilloso?
Hugo abre con esaxeración os ollos. De primeiras a idea non lle parece a mellor, pero o sorriso de ilusión da súa amiga tranquilízao e disponse a aumentar a súa lista de seguridade nun par (ou máis) de puntos.
Casualidade ou non, mañá coñecerá a alguén que lle inspirará para crear novos relatos e levará unhas cantas historias dese peculiar grupo de bacharelato.