A XUSTIZA CLIMÁTICA

ESA GRAN DESCOÑECIDA

Volume 1, Artigo 1

Un texto de Aitor Alonso Rodríguez, baseado no resumo elaborado por Brais Suárez Eiroa

Inspirado no artigo científico de Brais Suárez-Eiroa (Universidade de Vigo), David Soto-Oñate (Universidade de Vigo) e María Loureiro (Universidade de Santiago de Compostela) The responsibility of the EU in climate change mitigation: assessing the fairness of its recent targets publicado na revista Mitigation and Adaptation Strategies for Global Change (2024). 

Coñecer o papel da Unión Europea (UE) na crise climática pasa por falar de xustiza. Isto é algo que Francisca, profesora de xeografía e historia, trata de ensinar ás súas alumnas. Unha delas, Marga, sempre ten problemas para lembrar as leccións no exame, e por moito que se esforce, tende a esquecerse de incorporar a xustiza climática nos seus ensaios. Como Francisca o sabía, propúxolle unha titoría para estudar xuntas a política climática da UE.

A UE está a implementar medidas para abordar a crise climática, con obxectivos ambiciosos como reducir un 55 % as súas emisións de carbono para o ano 2030 e lograr a neutralidade de carbono para o ano 2050.

– Con todo, baixo a punta do iceberg, atópase unha realidade moito máis complexa —adiantou a profesora.

Na actualidade, o cambio climático converteuse nun problema maior a escala global. As súas consecuencias multiplícanse a través das fronteiras afectando xa a todas as sociedades do planeta: secas extremas, incendios de magnitude nunca vista, vagas de calor abrasadoras, millóns de persoas desprazadas a campos de refuxiados…  A UE, consciente da situación, e de que a única forma de afrontala é a través da cooperación global, asumiu o liderado das negociacións. Marga sábeo, e díxollo a Francisca —quen se esforza en que a chamen Paca sen conseguilo. Como boa profesora, Paca sinaloulle onde está incompleta a súa argumentación: está a esquecerse de que a tendencia global de emisións continúa sendo crecente. E para explicarlle por que se produce isto, decidiu lembrarlle unha das leccións vistas en clase, unha que englobaba catro características do cambio climático que é necesario ter en conta para poder responder á crise.

– O primeiro é que o cambio climático é un problema «colectivo». ¿Sabes que quere dicir isto?

– Que todas as sociedades contribúen e todas se ven afectadas por el —respondeu Marga, segura.

Paca sorríu e continuou:

– O segundo é que é un problema de «límites».

– Se as emisións conxuntas superan un limiar, as consecuencias serán irreversibles ou moi dificilmente reversibles —respondeu Marga automaticamente.

Paca volveu sorrir.

– En terceiro lugar, é un problema «acumulativo».

Esta vez, Marga necesitou pensalo durante uns segundos antes de responder.

– As emisións acumúlanse na atmosfera e impactan durante moitas décadas.

– Ben. E, en cuarto lugar, é un problema «distributivo» —concluíu Paca.

Marga non soubo que significaba isto último, e empezou a angustiarse.

– As consecuencias repártense de forma desigual, xerando o paradoxo de que as sociedades que menos contribuíron ao cambio climático son as que máis afectadas se ven, e viceversa —completou a profesora sorrindo—. Agora ben, ¿como podemos integrar estas catro características nunha cooperación global que consiga diminuír as emisións? Marga, ¿que é a xustiza climática?

Marga quedou en silencio, e empezou a lembrar os comentarios na súa casa dicíndolle que non se plantexe estudar unha carreira, que lle será complicada, que non vai poder. Paca animouna; a fin de contas estaba a aprender, e ninguén nace aprendido.

– Para falar de xustiza climática —díxolle— necesítase establecer límites á cantidade de carbono que as diferentes sociedades poden emitir ao longo do tempo.

Pero como esta explicación non acabou de encaixarlle, púxolle un exemplo:

Imaxina que Pedro Sánchez, Donald Trump e Xi Jinping soben a unha nave espacial para dar unha volta interestelar durante 100 anos. Antes de partir, deciden asegurarse de levar toda a auga necesaria para a travesía. Saben cal é o total necesario para toda a viaxe, pero ademais saben que hai que ter en conta catro características da auga.

A auga dispoñible é común, polo que o problema é «colectivo». Non se rexenera, polo que hai un problema de «límites». O consumo faise ao longo do tempo, polo que o problema é «acumulativo». E as consecuencias de falta de auga poderían afectar de forma desigual se algún deles tivese menor tolerancia á deshidratación ou caese enfermo durante ese tempo, polo que é un problema «distributivo».

Tendo en conta esas catro características, definen uns «orzamentos» de auga: a cantidade que cada un podería consumir durante eses 100 anos. Se cada un utiliza a súa parte, non haberá problemas, pero se algún bebe de máis outro beberá de menos, e sufrirá as consecuencias da sede. «Pode chegar o caso de que isto sexa necesario», pensan, «pero debe facerse cooperando, negociando entre nós, acordándoo previamente. De non facelo así, os demais sufrirán inxustamente polas consecuencias das nosas accións.»

A profesora volveu ao cambio climático e, utilizando o exemplo, explicoulle a Marga que todas as sociedades se subiron á nave interestelar Terra para dar unha volta de 100 anos. Antes de subir, determináronse as emisións de carbono máximas que poden emitir colectivamente sen incorrer en consecuencias horrendas para os viaxeiros. Este límite de emisións conxuntas para os 100 anos de travesía calculouse para evitar que a temperatura media na nave non se incremente máis aló de 1,5ºC. Saben que, por enriba desta temperatura, as consecuencias son tremendamente perigosas. Con todo, a diferenza da viaxe presidencial, nesta travesía non se estableceron «orzamentos» para cada sociedade, o que resultou en que moitos países xa superasen as emisións que lles corresponderían, sen establecer ningún tipo de acordo previo.

É aquí onde descubrimos o que Paca quería ensinar a Marga: o papel destacado da UE na viaxe da nave. Se sumamos as emisións de carbono ao longo do tempo dos países que constitúen a UE, vemos que, en conxunto, a Unión Europea emitiu practicamente catro veces máis do que lle correspondería. Pero, mesmo se omitísemos esta responsabilidade histórica e unicamente tivésemos en conta as emisións de carbono previstas entre 2021 e 2050 —etapa sobre a que se aplica a política climática europea—, as emisións superarían en máis de cinco veces o que lles correspondería. «Entón, ¿cal é a relación entre a política climática da UE e a xustiza climática?»

Paca cedeulle un papel a Marga para que respondese, tendo en conta o que acababa de ensinarlle. Alí, Marga escribiu:

Para falar de xustiza climática, a UE —e calquera outra rexión do mundo— necesita repensar os cimentos da súa política, integrando as características do cambio climático: é un problema «colectivo», de «límites», «acumulativo» e «distributivo». As solucións visibles na punta do iceberg —lograr a neutralidade de carbono en 2050—, a pesar de ser valiosas, son insuficientes fronte á magnitude do desafío. A isto súmase que, se mesmo a política climática máis ambiciosa do planeta (a da UE) é insuficiente, está claro que o problema global é moi serio. É necesario un sistema de cooperación global que estableza pautas de acción ambiciosas que axuden a solucionar a crise climática. Ademais, a xustiza climática debe terse en conta á hora de deseñar políticas e definir obxectivos que nos axuden nesta dirección.

Tras acabar de ler a redacción, Paca sorriulle, devolvéndolle o texto sen corrixirlle nada, o que produciu en Marga unha gran satisfacción. Gustáballe como a profesora Francisca era capaz de unir as ciencias sociais coa súa preocupación co medio ambiente. O que aínda non sabía era que non fixera máis nada que comezar.

Agradecementos:
Brais Suárez Eiroa, coautor do artigo The responsibility of the EU in climate change mitigation: assessing the fairness of its recent targets publicado na revista Mitigation and Adaptation Strategies for Global Change (2024) agradece o financiamento do Programa de apoio á etapa de formación posdoutoral da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, coa axuda ED481B-2023-011.