Susana é bueuesa e nai por partida dobre. Medrou con vistas ao mar e o murmurio das ondas de fondo, e esa curiosidade polos procesos físicos mariños levouna a formarse coma oceanógrafa e doutorarse en enxeñería de costas.

Durante oito anos investigou as correntes de marea nas Illas Orcadas, en Escocia, realizando unha estadía posdoutoral na Heriot-Watt University. O estudo dos efectos medioambientais dos dispositivos que xeran enerxía coas correntes de marea aportoulle experiencia no modelado numérico hidrodinámico e en enerxías renovables. Pero a súa maior aprendizaxe non lla deu o ámbito académico, senón o espírito de comunidade da illa, que infundou nela unha visión decrecentista da sociedade. 

Tralo seu regreso a Galiza traballou no CETMAR, en dous proxectos europeos: MATES, centrado no deseño dunha estratexia formativa para os sectores da construción naval e as enerxías renovables; e Prep4Blue, un proxecto para sentar as bases da Misión “Restaurar os océanos e as augas interiores” da Unión Europea, no que a súa función principal foi a transferencia de coñecemento e o deseño de estratexias de participación pública.

Convencida de que hai marxe de mellora na toma de decisións políticas e na construción colectiva de futuros posibles, en 2025 incorporouse ao Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, motivada pola oportunidade de integrar a súa experiencia científica con enfoques sociais e interdisciplinares no marco do proxecto CoBlue. Na actualidade o seu traballo céntrase en tender pontes entre a oceanografía, a innovación social e a participación pública, coa firme convicción de que so dende esa combinación é posible afrontar os retos ambientais e sociais que temos por diante.