Víctor é investigador predoutoral no Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, onde estuda que acontece cando unha empresa contaminante pecha: Quen perde o traballo? Quen decide que ven despois? Tomando como caso a minería de carbón, analiza como sindicatos e movementos sociais trazan e empurran diferentes visións sobre como facer unha transición ecolóxica que sexa socialmente xusta.
Antes de chegar a Pontevedra, Víctor deuse unha volta bastante longa polo mundo. Do seu Albacete natal marchou á Sciences Po Paris e despois á Ashoka University, estudando Ciencias Políticas entre Francia e a India. Seguiu estirando o fío con dous mestrados, un en Política Ambiental, tamén na Sciences Po Paris, e outro en Economía Política Internacional no King’s College London. Tamén traballou nunha fábrica de bicicletas, unha granxa orgánica, unha cafetería autoxestionada e realizou prácticas para o MITECO. Polo camiño aprendeu que os problemas medioambientais nunca son so medioambientais: sempre hai persoas, historias, política e intereses detrás.
Fóra da universidade forma parte activa na súa comunidade local. Dende os talleres de ganchelo do Centro Social A Pedreira ata as asembleas de distintas asociacións políticas, xa que para Víctor, a investigación crítica non substitúe o compromiso activo co colectivo.