EN TERRAS ESQUECIDAS,
o lume faise dono
Volume 2, Artigo 6
Un texto de Aitor Alonso Rodríguez, baseado no resumo realizado por Eduardo J Corbelle Rico e Edelmiro López Iglesias
Inspirado no artigo científico de Eduardo Corbelle (Departamento de Enxeñería Agroforestal, Universidade de Santiago de Compostela; Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais) e Edelmiro López (Departamento de Economía Aplicada, Universidade de Santiago de Compostela; Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais) Farmland Abandonment and Afforestation – Socioeconomic and Biophysical Patterns of Land Use Change at the Municipal Level in Galicia, Northwest Spain, publicado na revista Land (2024)
Cando vin as feridas nas mans do meu avó, pensei que xa non iamos traballar máis.
Estabamos en outubro e o frío aumentaba, parecía que estaba a xogar a Pokémon e atravesaba o roteiro para chegar a Ciudad Puntaneva. Pero realmente estaba no campo de atrás da antiga casa dos pais do meu avó, nunha aldea preto de Verín. Era curioso. O meu avó levaba anos vivindo na illa de Ons e, que eu soubese, de cando en cando viña visitar o pobo. Quizais unha vez ao ano, para agradecer aos veciños que nos coidaban a casa. De feito, eu non viña por aquí desde que era unha nena, e a miña irmá Cíes non viñera aínda.
A pobre, cando viu o sangue, asustouse e empezou a gritar pedindo algo para vendarlle as mans.
—Isto non é nada —díxolle utilizando toda a súa forza de vontade para poñerse de crequenas e falarlle á miña irmá aos ollos–, cando era máis novo podía plantar as patacas e as nabizas sen problema, pero a idade non perdoa.
Os seus ollos estaban tristes. Levaban tristes todo o día. Desde onte. Noteino decontado, en canto empezamos a percibir os estragos do verán mentres iamos pola A–52. Foi a primeira vez que vin ao meu avó soltar unha bágoa. A súa terra natal estaba alí e ao mesmo tempo non estaba. Este verán os incendios queimaran máis que árbores.
Parecía que lle queimaran a alma.
—Durante as últimas décadas, a maior parte da poboación foi vivir á costa. Agora nestas áreas pouca xente queda —dixéranos cheo de pena –. E xa nin cultivamos nin ninguén ten vacas. Agora todo vén de fóra, todo de fóra.
Lembrei que a miña tía Marisa faláranos diso durante a comida. Agora, nos países do hemisferio norte cada vez se dedica menos superficie de produción a alimentos e a gando. Así delegamos a produción agraria a países do hemisferio sur, onde se produce maiormente a deforestación, por exemplo.
—Agora todo é plantar eucalipto, ou deixar o monte ao seu libre albedrío. A xente xa non cultiva as terras, xa non pastorea, agora só hai maleza —dixo o meu avó.
Durante a comida tamén falaron de como no últimos vinte anos, en Galicia, o cambio de uso da terra configurárase en catro áreas diferenciadas: unha onde vive a maioría, sobre todo na costa; outra onde se produce madeira; outra, cada vez máis pequena, onde se concentra a actividade agrícola e gandeira, e unha cuarta, na que está a nosa aldea, onde a xestión humana vai desaparecendo, onde crecen as masas de matogueira e arboredo.
—Pero ¿iso non é inevitable, tía? —preguntáralle.
—Non, non o é —respondeu— E ten consecuencias ambientais, sociais e económicas. Por exemplo, temos que comprar fóra moitos alimentos que poderiamos producir; e aparecen máis xabarís e corzos, pero moitas especies de aves esteparias, como a perdiz ou o paspallás perden o seu sustento. Ademais… – detívose mirando ao avó.
—Podes dicilo, miña filla. Co monte sen coidar, increméntase fortemente o risco de incendios.
Pensar niso doíalle. Dicilo en voz alta traíalle á memoria esas noticias onde as linguas de lume acariñaban as casas dos seus amigos. Por sorte, nós non sufrimos ningunha perda. Aínda que cando llo dixen ao meu avó, sorriume con tenrura, pero non se mostrou de acordo.
—Sálvora, rula, tanto eu como os outros vellos que viven aquí, ou que aínda vimos de vez en cando, perdemos moito. Moito…
Non o entendín do todo. Creo.
—A ver. É un desastre, pero non é para tanto.
E cominme unha rifa da miña marabillosa irmá pequena.
—¡Parva! ¡Es parva! O avó chora porque as árbores xa non están e agora no canto de verde só hai cores tristes. ¡Díxomo mamá!
Ás veces, no canto dunha nena, parecía maior ca min. Os seus pequenos olliños parecían ver o mundo cunha intensidade que relucía. Quería capturar as árbores, o ceo e, sobre todo, o mar. Revolvinlle o pelo.
—Tes razón. Perdoa avó.
O meu avó sorriu.
—Non pasa nada, rula. Ben, ¿ao choio?
Claro. Este verán o meu avó propúxose dúas cousas: pasar máis tempo connosco durante o ano e ir máis ao pobo. E aí estabamos, na aldea, de fin de semana familiar para «ensinarnos á nova xeración a labrar a terra». Que preguiza. Pero o avó non quería que se perdese o oficio na súa familia, e a miña nai e a miña tía Marisa estaban de acordo. Así que a nós e aos meus curmáns tocounos vir. E despois de comer chegou o momento de poñer as luvas, calzar as botas para non mancar os pés coa aixada e… a aprender, supoño.
Mentres poñía as botas, antes de empezar a traballar e de que o meu avó se fixése a ferida nas mans, lembrei o que a miña profesora Paca nos dixera na clase. Ao parecer, hai intentos por parte do goberno para frear o despoboamento do rural e limitar o risco de incendios. Creo que dixera que o último fora a Lei 11/2021 de recuperación da terra agraria de Galicia, que está vixente e recolle medidas para a mobilización produtiva e a mellora dos usos da terra…. Ás veces sorpréndeme a miña memoria. Aínda que seguro que mañá xa non me acordo.
Tamén dixo que a maior parte dos instrumentos que propón teñen un inevitable carácter experimental e o mellor sería aplicalos onde o seu efecto fose máis transformador. Para iso, coñecer os cambios recentes e a realidade actual do uso da terra é esencial. Ou algo así dixo, creo. Dixo que os instrumentos para romper a homoxeneidade da paisaxe forestal terían maior impacto onde maior densidade de poboación hai, onde se concentra a actividade forestal e onde a actividade humana está a desaparecer. En cambio, aqueles para mellorar a viabilidade das explotacións existentes teñen maior relevancia na área onde se concentra o sector agrícola e gandeiro. ¿E por que me poñía a lembrar todo isto agora? Nin que tivese exame o luns.
—Veña Sálvora, levanta ou cu, colle a aixada e fai así.
A representación do avó Ramón de como cavar a terra pareceume bastante sinxela de imitar. Por iso, cando collín a aixada e do peso case caio para atrás, todo o mundo riu. Que vergoña…
—Miña filla… Non te preocupes. Para iso estás aquí —e púxose nostálxico –. Antes, cando empezou a democracia, por 1976, a metade da poboación de Galicia eran labregos. Pero agora só o 5% teñen a súa actividade na agricultura, gandería e silvicultura. E por iso estades aquí. Non me gustaría que as miñas netas non saiban como plantar unhas verduras.
Puxen os ollos en branco. Como me gustaría poñerme o novo disco de BTS, ou contestar os Tik–Toks que me enviaron as miñas amigas ou… por culpa da tía agora estaba viciada a Pokémon.
—JAJAJAJA. Fágoo mellor que ti Salvi. ¡¡Mira, mira!!
Cíes estaba a cavar cun sacho pequeno, con supervisión de papá. Ese sorriso… Esa ilusión nos seus olliños… Bueno, se ela o gozaba eu non ía ser menos.
—¿O veciño Gabriel volveu mover as lindes?
—Si, miña filla.
Escoitei mentres recollía a aixada do chan. Miña tía suspirou.
—Realmente, que se fragmentara tanto a propiedade explica tamén en boa medida por que a actividade agraria foi desaparecendo progresivamente en certas comarcas. E así imos, en moitas zonas unha propiedade moi fragmentada, limitantes biofísicas, problemas de accesibilidade, envellecemento e emigración vanse combinando coa homoxeneización da paisaxe e a frecuencia de grandes incendios. Todo nun círculo vicioso que, sinceramente, preocúpame.
Como diría o meu pai: non entendín da misa a metade.
A miña tía, ás veces, poñíase excesivamente técnica e custábame seguila, pero bo, quedoume claro que é importante aprender a traballar a terra e poñer en valor o rural.
Mirei ao horizonte e comparei a paisaxe queimada coa que non o estaba. Suspirei.
Entre a miña tía, o meu avó e a miña irmá ían facer que aprendese a apreciar a natureza simplemente por estar aí. Bueno, supoño que o meu querido Suga pode esperar.
—A ver, avó. ¿Como fago para non caer para atrás?
—Pois non levantando tanto a aixada e suxeitando con forza. Así. ¡Ahh!
Claro. Non se puxo as luvas e unha acha fixo das súas. Comezou a sangrar, miña irmá a berrar asustada pedindo unha caixa de primeiros auxilios, ou que sei eu, meu pai a rifar ao avó por non ter coidado… E como quen non quere a cousa, aí estaba eu, entre sorrindo, rindo e preocupada pola ferida do meu avó. Cansa, despois de traballar no campo. Pero feliz, si.
Creo…
Creo que podería afacerme a isto.