O poder (e os dilemas) da comunidade
Volume 3, Artigo 5
Un texto de Ana García Quintana, basado en el resumen realizado por Daniel Aguilar Viñas
Inspirado en la tesis doctoral de Daniel Aguilar Viñas (Rotterdam School of Management, Erasmus University) Times of Contestation: Alternative Organizing and Community Entrepreneurship in a Fast-Changing Polarized World, dirigida por Thomas Bauwens (Rotterdam School of Management, Erasmus University), 2026
Vaia modorra. Son as catro da tarde, Noa acaba de xantar un prato de caldo galego e non ten ningunha gana de preparar a presentación que ten que dar mañá nos seminarios sobre cooperativismo. Está preocupada. Cada vez hai máis tensións dentro das cooperativas e outras organizacións comunitarias que coñece. A verdade é que non sabe como enfocar a presentación, debería deixar clara a súa posición respecto aos últimos debates políticos? Debería darlle unha mirada neutra ao seu relato… como se finxise que non está a pasar nada? Cada vez cústalles máis atopar puntos de acordo, entenderse entre elas, e á vez facer que o público xeral as entenda. Cando teñen que tomar algunha decisión estratéxica hai debates como sempre os houbo, pero un pouco máis violentos, con máis dedos acusadores, con máis persoas que calan porque non se queren meter en leas. Agora cústalles atopar acordos sobre cal é o problema, de onde vén, pero sobre todo que facer respecto diso, que decisións tomar, como organizarse.
Está confusa. A presentación trata sobre o papel das empresas comunitarias fronte aos novos retos do 2026. Ela ten claro cal é o maior reto: que a pesares da inestabilidade e polarización actual sigan organizándose e cooperando sen perder a súa esencia, esa que persegue obxectivos sociais e ambientais a través da actividade económica, aínda que os seus intereses, os seus valores e as súas posicións sexan diversos. Non sabe como articulalo, non consegue organizar as ideas na súa cabeza, só quedan unhas horas e terá que presentar. Non quere poñerse a traballar, o seu corpo pídelle botarse unha sesta, ver os reels que lle mandou Xosé. Pero non, ten que facer esta maldita presentación.
Ao cabo dunha hora, que pasou mirando a única diapositiva do PowerPoint en branco, recibe unha chamada do seu amigo David. Coñecéronse nunhas xornadas de cooperativismo hai dous anos. Ela ía presentar o traballo da súa familia, buscando abrilo á comunidade. El estaba a facer o seu traballo de campo.
David estase doutorando na Universidade de Rotterdam, estuda como escalar o impacto social das empresas comunitarias dentro da transición ecolóxica nun proxecto financiado polo Consello Europeo de Investigación. SCENSUS chámase. De cando en vez telefónanse, para falar destas cousas, da incomodidade, a tensión, os aires de cambio. Tamén da esperanza, da importancia que teñen este tipo de organizacións, da súa resiliencia.
—Ei, nótoche baixa, estás ben? – dio con calma, sen transmitir a preocupación que sente por escoitar á súa amiga triste. A súa amiga, a que se apunta ao que sexa, sempre que non sexa ilegal; a que traballa como unha fera; á que ve en todas as conferencias; a que está un pouco tola, pero que sempre ten os pés na terra. A súa amiga hoxe está triste.
—Si, estou ben —contesta Noa—. Só estou un pouco preocupada, mañá teño que falar sobre os retos aos que se enfrontarán as empresas sociais os próximos meses e a verdade que só me sae dicirlles que o maior reto vai ser manterse unidos no caos. Non sei. Teño a sensación de que queren que fale de oportunidades, de como Mercosur pode afectar ao negocio, de como navegar a inestabilidade xeopolítica. Pero sei que vai ser tocar un deses temas e a sala vai estalar, e eu voume quedar alí, pequeniña, sen máis nada que dicir, mentres os demais discuten. Mentres todo o traballo destes anos se desintegra, e o que nos unía queda atrás, escondido tralo que nos diferencia.
—Non te vas a facer pequeniña, Noa. Entendo como te sentes, todos estamos un pouco destemperados con todo o que está a pasar. Vaste dar unha ducha e, cando saes, unha nova catástrofe arrasa o mundo.
—Por iso mesmo, non sei como enfocalo. Se dar a miña opinión respecto diso, se ser máis pragmática e cinguirme aos feitos sen posicionarme, non sei…
—Ti sempre criches no poder transformador das empresas comunitarias, non deberías agora dar un paso atrás. Eu creo que podes usar a túa presentación para lembrar que son, cal é o seu rol e por que organizarnos é tan importante nos tempos que corren. Mira, podes empezar explicando como nos últimos tempos fomos testemuñas de poderosas expresións de organización comunitaria ao redor do mundo. Na DANA, quen acudiu primeiro foron persoas correntes, que se organizaron de forma espontánea para rescatar, limpar e reconstruír alí onde as institucións tardaron en chegar. Hai só uns meses no País Vasco unha ampla mobilización cidadá logrou deter o proxecto Guggenheim en Urdaibai, unha reserva da biosfera da UNESCO. Non só nos organizamos aquí, no resto do mundo tamén está a suceder. Na Amazonía peruana, as comunidades Waorani lograron unha vitoria sen precedentes tras anos de mobilización: o peche dunha refinería de petróleo activa, a primeira vez que isto ocorría na historia. E en Estados Unidos, centos de mobilizacións espontáneas xurdiron nos últimos meses en resposta ás redadas de inmigración, demostrando que a solidariedade veciñal pode activarse con rapidez e forza.
—Xa David, as comunidades poden ser transformadoras, pero tamén perversas. En tempos recentes, movementos que se están organizando para acosar a migrantes, promover o negacionismo climático, e loitar para quitar dereitos a minorías e colectivos vulnerables teñen cada vez máis apoios. Obviamente o poder está na comunidade, pero non quero defender un ideal simplista sobre “o poder do pobo” cando a realidade é moito máis complexa—. Noa notou como o sangue empezaba a ferverlle nas veas. Sabe que David só ten boas intencións, pero é que ela non quere presentar mañá, só quere: botarse unha sesta e ver os reels que lle mandou Xosé.
—Enténdoche, Noa. Pero é que, nesa ambivalencia, na posibilidade de organizarnos, xa sexa para o bo ou para o malo, atópanse as empresas comunitarias. Abandeirando obxectivos sociais e ambientais nun mercado que o único que prioriza é o beneficio económico e a acumulación de capital. É normal que esteas cansada e triste. Pero lémbroche que somos a alternativa real á lóxica mercantil, non sei… Só en Alemaña o 40% da enerxía renovable instalada pertence a cidadáns e comunidades, deixando atrás ás grandes corporacións, que só posúen o 6%. En Europa, máis de 10.500 comunidades enerxéticas involucran a máis de dous millóns de cidadáns na produción e o consumo de enerxía renovable.
—Non me estás entendendo. Claro que as cooperativas, asociacións e en xeral as organizacións que formamos parte da economía social e solidaria somos importantes. Con todo, se xuntas a nosa natureza hibrida e a actual polarización, todo se complica. Necesitamos manter a nosa lexitimidade ante públicos moi diversos: membros con diferentes sensibilidades políticas, institucións públicas, financiadores e as comunidades onde operamos. Nunha sociedade onde os matices percíbense con receo, manter ese equilibrio para chegar a unha maioría social é cada vez máis difícil. Manter un perfil baixo e tentar contentar a todos xa non funciona. Se non te posicionas fronte ás presións políticas, pode interpretarse como complicidade, mesmo indiferenza. Pero claro, se te posicionas abertamente corres o risco de polarizar aos teus propios membros e perder apoios sociais e institucionais, poñendo en risco a nosa viabilidade económica.
—Exactamente. Precisamente por iso debemos posicionarnos agora máis ca nunca e organizarnos para defender os valores polos que nacemos. Estas últimas expresións comunitarias perversas das que falas están a crecer como nunca, é verdade. Está a atacarse o feminismo, o multiculturalismo, os dereitos das persoas LGTBQI+, cuestiónase a existencia da crise climática…—David suspira, tentando manter a calma—. E moitas organizacións, organismos públicos e empresas que antes apoiaban estas causas agora danlles as costas cando o vento cambia, e mesmo terminan apoiando a esas comunidades perversas das que falas. Mira, por exemplo, o que ocorreu trala chegada de Trump á Casa Branca o ano pasado. Moitas empresas ás que antes lles interesaban tanto as políticas de igualdade e diversidade dentro das súas organizacións, en canto chegou, deron un xiro de 180 graos e abandonaron esas políticas. Aí tes a Meta, Pepsi, Walmart, Google ou Amazon. Agora, en lugar de destinar cartos a políticas de igualdade e inclusión, destínano a financiar a grupos que difunden mensaxes sobre a inexistencia das persoas trans ou sobre a suposta desigualdade masculina á que o feminismo radical nos expuxo, e a políticos e lobbies que están a reverter as políticas climáticas.
—David, nós non somos coma eles — interrompe Noa, tentando manter baixo control a tristeza, o enfado, a impotencia que sente ao falar dun mundo que cada vez se pinta máis gris.
—Non, non somos como eles. Nós non fundamos as nosas organizacións para defender valores sociais e ambientais porque estivese de moda ou porque nos beneficiase economicamente, fixémolo porque criamos que era o xusto e o correcto, e así o seguimos pensando. Non podemos abandonalo porque os tempos estean a cambiar ou por medo a perder apoio social e institucional —David suspira, deixando ver que, a pesar da claridade das súas ideas, a situación tamén lle afecta—. Non sei Noa, se abandonamos a nosa misión, abandonamos a nosa razón de ser.
—Entón… ¿que farías ti?
—Creo que agora toca dar un paso adiante e ser máis explícitos que nunca. Claro que iso pode facer que certos sectores nos ataquen, pero tamén imos atraer a moitas outras persoas que se senten identificadas cos nosos valores e a nosa misión. Para min o risco do que falas pode converterse nunha oportunidade. Aí é onde podemos crecer economicamente e crear tecido colectivo para frear esta onda de polarización e odio que arrasa as nosas sociedades.
—Estou de acordo contigo, David, e eu estou polo labor de transitar ese camiño, pero tamén entendo que quizáis non todo o sector o estea. Que lles digo? Que deben posicionarse en determinados temas dunha forma concreta, que é a que eu defendo, cando en realidade opinan diferente a min? Non podo facer iso.
—Noa, aí o tes. O maior reto este ano non é dicirlles ás organizacións do seminario que facer, senón lembrarlles que é o que as diferenza, que as fai distintas, e por que decidiron emprender o camiño difícil de tentar cambiar o mundo e transformar a sociedade. Ás veces, navegar na economía capitalista fai que as organizacións comunitarias perdan parte do seu espírito. Entre tantas presións económicas para sobrevivir e cumprir coas expectativas do sistema, van diluíndo o propósito social inicial polo que se crearon, e acaban parecéndose máis a unha empresa tradicional que busca a maximización do beneficio que a un axente de cambio social. Basicamente perden a súa esencia, e quizais ti podes axudarlles a que a lembren.
Co teléfono na orella Noa sorrí. David deu no cravo. Fai cinco minutos quería gritarlle, pero agora conseguiu que vexa esa diapositiva en branco como un lenzo ao que dar vida e non un espazo baleiro no que perderse. Coa voz de quen sabe que se equivocou, pero que xamais o admitiría, dille:
—É unha idea estupenda David. Creo que vou facer un taller, pero.. merda! Necesito Post-Its, rotuladores… que hora é?
—Pois son case as 5 non?
—Ai non, teño que marchar voando á papelería. Téñoche que deixar David, falamos pasadomañá e cóntasme que tal estás ti. Moitas grazas pola idea! Es xenial. Un bico!!
Deixa o teléfono no escritorio, vístese e sae cos zapatos sen atar. Ten unha misión máis importante que conseguir notas adhesivas. Ten que lembrar ás empresas comunitarias que hoxe, con todo o que está a pasar, son máis importantes ca nunca. Nun mundo onde a polarización erosiona o tecido social e fomenta o odio cara a colectivos vulnerables, o que necesitamos son organizacións capaces de canalizar a cooperación entre persoas diversas para alzarse e defender os dereitos e valores sociais que forzas cada vez máis maioritarias se empeñan en atacar e destruír.