Mensaxes e mensaxeiros
Volume 3, Artigo 7
Un texto de Aitor Alonso Rodríguez, baseado no resumo elaborado por Alejandro M. Fortuny Sicart
Inspirado no artigo científico de Alejandro Fortuny-Sicart (Universidade de Vigo), Mario Pansera (Universidade de Vigo) e Javier Lloveras (Universidade de Vigo) Directing innovation through confrontation and democratisation: the case of platform cooperativism, publicado na revista Journal of Responsible Innovation (2024)
Marga estaba nerviosa. Non sabía se fixera o correcto ou se llo ía tomar a mal; dáballe medo verse hoxe na clase con Juan. Había un par de semanas estaba tranquila; ía á clase, pasaba desapercibida, vía como a súa amiga quedaba durmida e dáballe co cóbado antes de que comezase a babear. Seguía sufrindo cando a mandaban falar. En cambio, neste último ano, dende que Paca era a súa titora, algo estaba cambiando. Estaba gañando confianza. Xa non cría tanto os malos comentarios que lle dicían na casa. Brillaba. Ás veces sentíase unha lámpada que podía alumear eternamente os infinitos compases do tempo. Outras veces pensaba que era unha vela, e que o seu lume a derretería tan pronto como se prendese.
En ambas ocasións era incapaz de deixar de mirar a aquel rapaz riseiro que convertía as horas de clase en clases de humor.
Habitualmente non falaban. Pertencían ao mesmo grupo de colegas, pero ela sempre quedaba con Uxía e Lucía… sen poder afastar os ollos del, coa esperanza de forzar algunha interacción que non se atrevía a provocar.
Porén, agora algo cambiara. Cando a pillaba mirándoo, Juan esquivaba a súa mirada, encollía a cabeza nos ombreiros coma unha toupa baixo terra, e atopaba o rubor repousando nas súas meixelas.
Non se atreveu a ir ao seu aniversario; aquel día levantárase coa vela sen cera. Pero cando o luns foron a Ons… aquel día foi especial; quizais fosen os ventos, pero o floco de Juan facía que estivese tan guapo… que non puido quitarlle os ollos de enriba. E aquel día sentiuse lámpada.
Ao volver atreveuse a escribir unha pequena carta e darlla a Lucía.
Hoxe era martes, e non sabía se quería ver a Juan ou se prefería que se puxese enfermo.
—Hoxe temos un convidado especial —sorriu Paca— que vén darvos unha charla sobre como a tecnoloxía se relaciona coas plataformas dixitais de reparto en bicicleta.
—Mira, Juan, van explicarnos por que chegaches tarde o sábado —berrou Uxía— á túa propia casa.
Juan botouse cara atrás na cadeira.
A fin de semana celebrara o seu aniversario, pero entretivérase entregando un paquete ao seu tío. Enviárano á súa casa porque o seu tío estivera de vacacións. Ao levarllo, agarráralle o brazo coma se o mañá non existise, e retívoo que se coas fotos do seu bebé ou co guapa que estaba a tía con aquela posta de sol. El só quería chegar á casa e estar coas súas amigas… E doéralle que Marga non viñese, aínda que non soubese moi ben por que.
—Bueno, si. Eu non cheguei tarde, cheguei no momento xusto para deixar de explotar a Sálvora, que a tiñades soa no asador. Como seguro que explotan aos rapaces que traballan para esas plataformas.
—Eses «rapaces» son maiores ca ti —riu Uxía.
—Bueno, clase, un pouco de silencio que hoxe estades bastante alporizados.
Toc, toc.
—Ah, aquí está. Adiante, pasa.
A porta abriuse e un home de barba e pelo polos ombreiros asomouse cun sorriso de cine.
—Hugo! —berrou Uxía—. Mimá… —suspirou para si.
—Uxía, pecha a boca que se che cae a mandíbula —murmurou Juan.
Paca fulminounos cunha mirada divertida e os dous calaron. Había un par de semanas a clase coñecera a Hugo nun evento en Ceuán, onde todos saíran prendados del… aínda que uns máis ca outros.
—Perdoade por chegar tarde. Non teño escusa, a verdade.
Paca sorriu.
—Podes empezar cando queiras. Como ves, lémbranse de ti perfectamente.
Hugo, feliz por volver ver ao grupo, asentiu e dirixiuse á clase.
—Explicáronvos a diferenza entre traballar por conta allea e traballar por conta propia?
—Na primeira explótante e na segunda explótaste ti —respondeu Juan.
—Non lle fagas caso, Hugo —respondeu Uxía cun xesto—. Quere dicir que no primeiro caso traballas para alguén, cun contrato laboral, e por conta propia é o que chamamos ser autónomo: traballas para ti mesmo.
—Moi ben. Vexo que esta clase ten nivel.
—Estamos en bacharelato, tampouco somos parvos.
—Juan, por favor —reprendeu Paca.
Hugo riu.
—Non, non. Ten razón. Ás veces, as persoas que non estamos cos estudantes tendemos a esquecer o seu nivel e baixámolo demasiado. Si, en xeral está ben o que dis. As persoas que traballan por conta allea teñen unha relación de subordinación e reciben ordes sobre como, onde e cando facer o seu traballo. Esta relación contractual vén con obrigas para quen traballa, pero tamén cuns dereitos que quen contrata ten que respectar.
—Si, xa… respectar…
—Juan, de verdade que á seguinte voute botar da clase.
—Perdón, profesora —respondeu avergoñado. Paca case nunca ameazaba con botalos da clase; tomouno coma se cruzase unha liña.
—Bueno, si que é certo que ás veces se busca «trampear» o cumprimento deses dereitos —recoñeceu Hugo—. Aínda que esta é a miña opinión; non vaiades dicíndoo por aí, que me podedes buscar problemas.
Riu.
—As persoas que traballan por conta propia poden traballar de maneira independente, coas vantaxes que iso ten, pero tamén teñen que facerse cargo do seu propio material, cotizacións e impostos, e non teñen dereito a paro no caso de que cesen a súa actividade. Pois hoxe veño falarvos de plataformas dixitais de reparto en bicicleta, a través dun caso de estudo que se levou a cabo na Universidade de Vigo por un alumno de doutoramento chamado Alexandre.
Uxía levantou a man.
—Perdón, que ten que ver unha cousa coa outra?
—Boa pregunta —sorriu—. Estas plataformas non só proporcionan o servizo de reparto, senón que fan de intermediarias entre as persoas traballadoras e os seus clientes. A través do seu software danlles ordes e determinan unha gran parte do traballo de quen reparte, pero sen declaralas empregadas. É dicir, en vez de contar cun contrato de traballo, obrigan ás súas traballadoras a declararse autónomas, tendo que pagar o seu propio material e gastos, dos cales deberían facerse cargo eles.
—Vedes como si era explotación? —saltou Juan.
Paca sorriu e quedou en silencio.
—É unha valoración válida —riu Hugo—. Estas prácticas fanse, como dixen, a través dunha plataforma dixital que á súa vez contén algoritmos deseñados para cumprir funcións específicas. Algunhas plataformas, por exemplo, desenvolven o seu software para que, se hai unha subida de traballadoras dispoñibles, se reduzan os pagos a esas traballadoras.
—Isto xa o vimos, lembrades? Marga, que significa isto? Recordas?
Marga asentiu, poñéndose colorada.
—Que a tecnoloxía non é neutral.
—Correcto —Hugo sorriu—. Cansadas desta práctica, as traballadoras de CoopCycle crearon unha plataforma de propiedade colectiva, unha cooperativa, para mellorar as condicións das persoas que querían continuar co seu emprego, pero en condicións dignas. O seu financiamento faise de maneira democrática e desenvolveron un software que se adaptase ás necesidades reais do día a día de quen reparte, e non ás dos accionistas. Por exemplo, o seu software facilita a organización das rutas de reparto e calcula o prezo do envío para poder pagarlles en condicións. Actualmente é utilizado por máis de sesenta colectivos de repartidoras, principalmente en Francia, España e outros países europeos, e tamén en América Latina e América do Norte.
—Isto xa non soa a explotación.
Hugo riu.
—Vese que non. Ademais, os membros da cooperativa deciden as súas propias remuneracións, como se organizan e como funcionan. E os membros da plataforma que crearon comparten as súas experiencias, oportunidades e erros, o que axuda a que desempeñen o seu traballo en mellores condicións.
Hugo calou e mirou para Paca, dando por finalizada a súa exposición.
—Cal é a moral desta historia?
Marga, sen saber moi ben que a levaba a facelo, levantou dubitativa a man.
—Que dúas tecnoloxías moi semellantes poden servir para propósitos moi distintos, dependendo do que haxa detrás: influencias, valores, obxectivos. Por unha banda, poden ser opacas e axudar a non cumprir os dereitos laborais. Pero por outra tamén poden mellorar as condicións laborais e velar pola persoa que está traballando.
—Un resumo estupendo —respondeu Hugo—. Por iso é importante que esixamos que a dirección que tomen as novas tecnoloxías teña en conta o momento social e ambiental no que nos atopamos. Non credes?
***
Marga estaba recollendo as súas cousas. Juan non paraba de facer xirar o bolígrafo nas mans. Levaba todo o día dándolle voltas á cabeza. A carta de Marga… Significaba algo? Estaría pensándoo de máis? El cría ler entre liñas algo que… Sería a súa imaxinación? E que había entre as súas propias liñas? O único que sabía era que cada vez, na súa cabeza, aqueles ollos verde abelá aparecían máis e máis durante… sempre.
—Ei, tío, imos, que estás atolado —dixo Damián.
—Bah, cala —respondeu. Quedou en silencio, pensativo—. Tío, deixa de dar a lata e vai tirando, xa che alcanzo.
Damián encolleu os ombreiros e saíu da clase. Quedaba Paca, pero estaba mirando o ordenador; nese momento era como un decorado na súa película persoal. Se ía dar o paso, aquel era o momento.
«Veña, vai. Agora ou nunca».
—Ei, Marga.
Marga sobresaltouse.
—Oe… ti-tiñas plans o sábado? Non sei… como non viñeches ao aniversario.
—Ah! Eh… había… había cousas que facer na casa e… miña nai non… Quero dicir, eu dixen que… Preferín quedar e axudar. Síntoo.
Juan quedou en silencio. Asentiu.
—Apetéceche…? Non.
—Que?
—Nada. Ehhh —Juan revolveu o pelo—, a túa carta… Aggg… Veña, vai, de golpe. Apetéceche dar unha volta o sábado ou ir ao cine?
Marga quedou en silencio e Juan comezou a darlle voltas a unha goma do pelo que lle roubara á súa irmá e que adoitaba levar de pulseira.
—Si —murmurou Marga.
De súpeto, Juan volveu sentir ese formigo nas pernas. Tremor, sacudida e motor dun sismo de pés a cabeza.
—Xenial —e o seu sorriso foi pura alegría—. Quedamos así.
—A ver, ho! Marchamos ou que? —Damián volveu asomar a cabeza.
—A ver de que, pallaso, xa che dixen que marchases —respondeu mentres cargaba a mochila ao ombreiro—. Ata mañá, Marga.
Marga sorriulle e seguiu recollendo as súas cousas. Paca esbozou un sorriso detrás do seu ordenador.
Que fermosa era a xuventude.