Júlio é doutor en Enxeñería Química, cunha tese doutoral sobre pilas de combustible, dispositivos que converten a enerxía química do hidróxeno en electricidade. Durante os primeiros anos da súa traxectoria posdoutoral, tanto na industria como no ámbito académico, traballou en análise do ciclo de vida e en procesos de oxidación avanzada para o tratamento de augas residuais. Durante esta etapa, os seus intereses de investigación transcenderon progresivamente o ámbito das solucións estritamente tecnolóxicas para incorporar tamén a análise dos factores educativos, sociais, éticos e culturais que subxacen aos graves problemas ambientais asociados ao modo de produción capitalista. 

A súa transición para as ciencias sociais consolidouse após obter un contrato posdoutoral Juan de la Cierva no grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) da Universidade de Santiago de Compostela, onde investigou sobre educación para o cambio climático e sobre a historia e os fundamentos teóricos da educación ambiental. O seu traballo caracterizouse por un enfoque crítico da educación ambiental, cuestionando a hexemonía do tecnooptimismo e dos enfoques de sustentabilidade subordinados á lóxica do mercado.  

Actualmente fai parte do equipo do proxecto ATTRACT no Post-Growth Innovation Lab da Universidade de Vigo, onde analiza o movemento polo dereito a reparar (R2R) e o seu papel na transición para unha sociedade poscrecentista, estudando as controversias sociotécnicas en torno da reparación e prestando especial atención ás súas implicacións culturais, económicas e políticas.