A VIDA QUE MERECE A PENA SER VIVIDA

Volume 1, Artigo 3

Un texto de Brais Suárez Eiroa, baseado no resumo elaborado por Iria Vázquez Silva

Inspirado no capítulo de Iria Vázquez (Universidade de Vigo), David García (Universidade de Santiago de Compostela) e Nuria Fernández (Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional y Universidades) Ferramentas ecofeministas para unha nova educación, que forma parte do manuscrito “Arredor do rural. Comunidade de saberes e innovación socio-educativa” (ISBN: 9788412748901, 2023)

— Avó, ¿crees que algún día poderei traballar no mar? —preguntou Cíes mentres vestía os seus pés coa area da praia.

— Se é o que queres, estou seguro de que o farás —contestou Ramón mirando con tenrura á súa neta.

— Pero escoitei que o mar está enfermo —insistiu Cíes—. Se morre o mar, ¿como vou traballar nel?

Ramón suspirou, consciente da intelixencia da súa neta de doce anos.

— É verdade que o mar está enfermo. Levamos tanto tempo sen coidar del que as cousas xa non son o que eran. A diferenza de agora, antes atopabas berberechos en calquera esquina, nadabas con todos os peixes que puideses imaxinar e podías bañarte en calquera recuncho —Ramón fixo unha pausa, alzou a vista para contemplar as nubes sucar o ceo azul e proseguiu con serenidade—. Necesitamos o mar e a natureza porque dela vén a auga que bebemos, os alimentos que comemos e tamén o aire que respiramos.

— Pero, se o mar é tan importante, ¿por que non coidamos del? —preguntou Cíes engurrando o cello.

O certo é que Ramón non tiña unha resposta para aquela pregunta. De feito, levaba anos preguntándose o mesmo.

— En xeral, as persoas coidamos moi pouco de calquera outra cousa que non sexan os nosos cartos. Ti es moi nova, pero xa viches como se queimaron montes enteiros, viviches unha pandemia mundial e estás a vivir rodeada de guerras que sempre pensei que non volvería ver. As persoas dedicámonos vivir sen coidar de nada nin de ninguén.

Cíes mirou ao seu avó con seguridade.

— Avó, ti sempre coidaches de min.

Ramón ollou á súa neta con amor e, despois de apoiar a súa man na cabeza de Cíes, baixou a mirada cara á area.

Ramón lembrou a súa estancia en Bangladesh. Antes de chegar escoitara mil e unha veces que tivese coidado coa auga potable porque a xente de alí estaba a contaminar os ríos. Cando desembarcou, con todo, deuse conta de que o problema era diferente. Moi pronto puido sentir que o feito de que non puidese beber auga potable tiña pouco que ver co desinterese daquela xente para coidar dos ríos; o problema principal, en realidade, era que aquela xente vivía ao límite. Ademais, a través dunha escritora coñecida na rexión como Vandana Shiva, Ramón entendeu que a súa miseria non nacía da ignorancia ou da falta de civilización. Pola contra, aquela xente era moi consciente de que Bangladesh estaba a ser utilizada para nutrir a Europa de roupa barata, de arroz e doutros produtos agrícolas. Dalgunha forma, Bangladesh estaba na parte baixa da cadea alimenticia humana, incapaz de protexerse das especies depredadoras europeas e afanadas en destruír a súa contorna, e o corpo das persoas que alí habitaban, para poder (mal)vivir. Ramón sentiu vergoña.

Afundindo os pés na area, ese recordo de Bangladesh entrelazouse con outro que se produciu anos despois en Lisboa. Alí, Ramón acompañou a un armador a unha cea de negocios. Durante a cea, a esposa do armador quixo intervir na conversación para apuntar que escoitara que o bacallau en Terranova estaba en perigo de desaparición. Cun xesto seco, o seu marido indicoulle que calase. O armador, empoderado polo seu traxe caro, a súa voz grave e a súa aparencia corpulenta expresou iradamente que «nada nin ninguén me vai a impedir pescar todo o que queira; o home domina a natureza, e as mulleres non teñen nada que dicir a este respecto». Os homes alí sentados asentiron coa cabeza entre risas, incluído Ramón, quen volveu a sentir vergoña ao lembrar como, anos despois, comprendera que a explotación intensiva de bacallau promovida por aquel home fornido conducira ás poboacións locais a situacións límite como as que presenciara anos atrás en Bangladesh.

Coa voz entrecortada ao lembrar o mundo ao que contribuíra co seu silencio, Ramón mirou á súa neta e preguntou.

— É tarde, ¿paréceche ben se volvemos a casa, ruliña?

Cíes, que entendeu perfectamente que o seu avó non quería falar máis do tema, colleulle a man e asentiu coa cabeza. Deixaron a praia atrás e camiñaron polo carreiro que levaba a súa casa. O sol lucía con forza, aínda que ás veces xogaba ao agocho con algunha nube pasaxeira. As luces e as sombras que se formaban reflectíanse nas caras de Cíes e Ramón quen, ao chegar, atopáronse con Marisa.

— Vaia, parece que tivestes unha conversación profunda —dixo sorrindo, ao ver os ollos pensativos de Ramón e a man de Cíes apertada na súa.

— Foi culpa miña —respondeulle Cíes á súa tía—. Fixen algunhas preguntas que puxeron triste ao avó.

— Non te preocupes, miña nena —apurouse a dicir o seu avó—. Non me puxeron triste as túas preguntas. A verdade é que estivemos falando do futuro —proseguiu o avó mirando a Marisa— e me apena ver o mundo ao que contribuín. Se puidese volver atrás, gustaríame axudar a construír un mundo moito mellor para Cíes.

Marisa, que era unha persoa moi esperta, entendeu perfectamente a que se refería o seu sogro. Nas súas clases de economía, de feito, ela explicaba que as sociedades actuais viven unha situación inédita na que se acumulan crises ambientais, económicas, sociais e culturais. Con todo, Marisa tamén era consciente de que a chama da esperanza estaba viva e, quizais, máis viva ca nunca. Dende os anos 70, moitas autoras ecofeministas contribuíran a sinalar o camiño. Os ecofeminismos contribuíran a poñer sobre a mesa a existencia dunha relación entre a dominación e explotación das mulleres por parte do patriarcado e a explotación da natureza por parte dos humanos, axuntando unha sinerxía entre feminismo e ecoloxismo. A Marisa fascináballe o tema. Nunha conferencia de Yayo Herrero, Marisa entendera algo que, agora, poñía en valor a enorme contribución que o seu avó achegara ao mundo que quedaría para Cíes.

— Cíes, o teu avó viu moitas cousas na súa vida, e é certo que co seu silencio moitas desas cousas permaneceron intactas. Con todo —continuou Marisa coa mirada iluminada e unha expresión confidente cara ao seu sogro—, o legado do teu avó é moito máis valioso que todo o diñeiro do mundo.

Ramón mirou á súa nora con intriga mentres Cíes, que o admiraba desde que tiña conciencia, cravaba a súa mirada vidriosa na cara do seu avó. Marisa continuou.

— ¿Lembras o agarimo co que limpa a leira e poda as árbores? ¿Ou os comedeiros de paxaros que colocou na illa? ¿Ou a súa maneira paciente e respectuosa de pescar e o coidado que pon en protexer o mar? ¿Acórdaste tamén do caldo que preparaba o teu avó cada vez que alguén da illa enfermaba? ¿Ou de que o avó sempre preparaba o almorzo da avoa para que ela puidese descansar un pouco máis antes de ir traballar?

Cíes asentía con cada unha das preguntas da súa tía, aínda que non era capaz de entender onde quería chegar. Marisa, que soubo ler a confusión na cara da súa sobriña, tentou explicarse mellor.

— O teu avó sempre coidou das persoas que tiña ao seu carón, preocupouse polas persoas que coñecía directamente e tamén por non facer dano ás persoas que non coñecía. Coidou das súas leiras, do mar e, en xeral, de toda a súa contorna. ¿Sabes que? —Marisa fixo unha pausa para coller aire mentres sentía a mirada penetrante e impaciente da súa sobriña—. Coidar é a ferramenta máis poderosa que temos para construír un mundo mellor e o teu avó é unha das mellores persoas que coñezo coidando.
— ¿Coidar? —preguntou Cíes, aínda confusa.

— Si. Imaxina que a vida é como un bosque. Unha árbore representa ás persoas que che rodean; outro, ás persoas que non coñeces; outro, ao mar que tanto che gusta… Nun bosque, as raíces están interconectadas e son interdependentes. Podes coidar dunha árbore, pero iso non garante que o bosque vaia a sobrevivir. Se as árbores están interconectados a través das raíces que están debaixo da terra, necesitamos coidar delas para coidar do bosque. Moitos dos problemas que sofren as persoas que te rodean, as persoas que non coñeces e o mar que tanto che gusta, comparten as mesmas raíces: a ambición sen límites, a competencia desmesurada, o querer gañar sempre máis cartos, o dominio imposto dos homes no deseño do mundo… Coidar significa frear a nosa ambición por dominar o mundo, axudar e colaborar en lugar de competir, e tamén implica centrarse no verdadeiramente importante da vida.

Marisa, consciente de que a súa sobriña e o seu sogro a miraban perplexos, detívose un momento. Durante uns segundos, o único son que se escoitaba naquela rúa era o movemento das follas das árbores bailando ao son da brisa que entraba dende o nordés na illa. Cíes interrompeu o silencio con outra pregunta.

— Pero entón, se aprendemos a coidar, como fixo o avó, ¿poderei traballar no mar cando sexa maior?

— O avó fixo ben unha parte do traballo —dixo Marisa mentres miraba con complicidade ao seu sogro—. Con todo, queda moito traballo por diante. Como di a miña amiga Amaia, que é unha experta nestas cuestións de ecofeminismo, necesitamos construír «unha vida que merece a pena ser vivida». Amaia sempre insiste en que, para iso, necesitamos, por exemplo, reducir o número de horas de traballo, equilibrar o traballo que fan homes e mulleres dentro do fogar, fortalecer os sistemas públicos e dispoñer de tempo e apoio para poder coidarnos a nós mesmas. Segundo Amaia, quedan moitas cousas por facer, pero, polo menos, xa coñecemos o camiño.

Estas últimas verbas enmudeceron de novo o ambiente. «Unha vida que merece a pena ser vivida», pensou Cíes. Iso é exactamente o que ela quería. Coa mirada chea de esperanza, foi Cíes, de novo, quen rompeu o silencio.

—Creo que iso do ecofeminismo non está nada mal.

Agradecementos:
O artigo Ferramentas ecofeministas para unha nova educación, que forma parte do manuscrito “Arredor do rural. Comunidade de saberes e innovación socio-educativa”, ten sido creado grazas a Arredor do Rural, unha plataforma que lidera proxectos socio-educativos nas tres universidades galegas.