Carmen é comunicadora de formación e creativa por vocación. Estudou Comunicación Audiovisual, Produción Audiovisual, Radio e Espectáculos na Universidade de Vigo, completou a súa formación con dous mestrados —un en Comunicación e Industrias Creativas e outro en Periodismo e Comunicación Multimedia— e realizou un Erasmus+ sobre cine na Università di Roma LUMSA.
A súa traxectoria é tan variada coma os seus gustos: ten traballado detrás dunha cámara ENG, fotografando eventos, realizando videoclips para artistas da música galega, e incluso presentando o Luar. Tamén ten pasado pola comunicación política en institucións coma o Parlamento Galego e o Europeo, e dende hai uns anos dedícase á comunicación en ciencia, iniciando a súa andadura no centro de investigación ECOBAS. Actualmente forma parte do equipo do Post-Growth Innovation Lab, onde pon toda esa enerxía e experiencia ao servizo dad divulgación e da organización de actividades, coma a conferencia ESEE-Degrowth 2024, que congregou a máis de 1000 persoas en Pontevedra.
Pero, por se isto fose pouco, Carmen compaxina a súa actividade na universidade cun negocio de foodtruck, Fartura, que a mantén conectada ao mundo dos eventos e os espectáculos a través da gastronomía, unha das súas grandes paixóns. A outra é a horticultura. E a maior de todas, o seu cativo, ao que dedica a meirande parte do seu tempo libre e que é, sen dúbida, o seu proxecto favorito.