A mirada máis intensa da educación ambiental

Volume 3, Artigo 4

Un texto de Brais Suárez Eiroa, baseado no resumo de Júlio J. Conde

Inspirado no artígo científico de Júlio J. Conde (Universidade de Vigo) Education for Sustainable Development: The Iron Fist of Capitalism in the Era of Climate Emergency, publicado na revista Australian Journal of Environmental Education (2025)

 

O azul do ceo parecía descompoñerse aos anacos. As nubes xuntábanse e afastábase coma un quebracabezas que non acaba de montarse. Era unha tarde calquera de abril; unha tarde máis no medio da rutina. Os ollos de Juan permanecían inmóbiles ante aquel baile de primavera onde ninguén parecía atopar parella. Quizais diso fose a cousa. Quizais Juan estivera, por primeira vez, sometido ao baleiro de no entender que lle estaba sucedendo.

—Ola Juan, que miras? —preguntoulle Lucía dende a porta da terraza.

—Estou mirando como podo facerche a vida imposible, anana —replicou Juan rapidamente, evitando dicir o que realmente estaba pensando.

—Es un idiota —espetoulle a súa irmá—. Pois agora non che digo o que che viña dicir.

—E cres que me importa? Vindo de ti, non creo que fose nada importante —contestou Juan, volvendo aos seus pensamentos mentres Lucía abandonaba a terraza enfurruñada.

Facía xa dous días daquela excursión á illa de Ons. Como era habitual nestas ocasións, todo o mundo estaba excitado por perder o día de clase. Juan, con todo, parecía sentirse distinto esta vez, aínda que, en realidade, o seu estado de ánimo pouco tiña que ver con aquela saída. Levaba varias semanas sentíndose como unha paleta de cores que caera ao chan. A súa alegría característica disolvérase entre moitas outras emocións que facían tremer os cimentos sobre os que acostumaba vivir. A pesar diso, vestiuse co seu papel habitual e chegou ao instituto preparado coa súa mellor fachada.

—Que tal, Uxía? Lista para naufragar no medio do mar? —preguntou Juan con xesto serio.

—Cala, home, non amoles. Sempre me mareo nos barcos, xa teño abondo con iso. Non me asustes máis —contestou ela.

—Cando en todas as novelas nas que aparecen barcos hai naufraxios, por algo será, non? —insistiu el, esta vez amosando un sorriso pícaro.

—Boh! Es idiota. Ninguén che pediu a túa opinión —replicou a súa compañeira mentres se daba a volta.

Foi entón, mentres Juan se ría polo que el consideraba que fora unha chanza ben armada, cando recibiu a súa primeira sacudida do día. A medida que a cachola de Uxía se ía facendo cada vez máis pequena, aqueles ollos de cor verde abelá íanse facendo cada vez máis grandes. Instintivamente, Juan agachouse para mergullarse na súa mochila e buscar sabe Deus que nela, coma un avestruz escondendo a cabeza baixo a terra. Por sorte para el, Damián apareceu para devolver as cousas ao seu sitio.

—Que pasa, bro? —saudou Damián con ímpeto—. Viches onte o capítulo de One Piece?

—Vaia tolemia de capítulo! —contestou Juan mentres se erguía para saudar ao seu amigo.

Como se non formasen parte do mundo que os rodeaba, Juan e Damián pasaron toda a viaxe ata Ons falando da serie e de todas as teorías que existían sobre o One Piece. Unicamente a bucina do barco chegando á illa e o aviso enérxico e insistente da súa profesora fixeron que volvesen á realidade.

Ao desembarcar, un mozo duns vinte e cinco anos estaba de pé agardando. Mentres o grupo se recompuña da viaxe polo mar e se colocaba arredor del, Ramón, que pasaba por alí, detívose ao seu lado.

—Xosé, evita contarlles a historia do cemiterio —dixo o mariñeiro—. A última vez que a contaches, desapareceron dúas persoas na illa e aínda non apareceron —engadiu con voz seria.

Ante os ollos atónitos do alumnado, Ramón baixou do peirao e subiu á súa pequena embarcación, en silencio, tratando de ocultar un sorriso pillabán.

O guía, atravesado por unha dobre sensación de diversión e apuro, saudou ao mariñeiro coa man e dirixiuse cara aos estudantes.

—Bos días! Non lle fagades caso. Está de broma. Ninguén desapareceu na illa nas tres últimas semanas —apresurouse a dicir, decidindo continuar coa broma—. Son Xosé, o voso guía nesta excursión. Que tal foi a viaxe?

—Ben. Quitando catro vómitos e algún que outro mareo, chegamos a terra sen deixar a ninguén atrás —chanceou Paca, a profesora.

—Estupendo! Iso é o que quería escoitar. Que emoción tería vir ata a illa se non? —comentou Xosé, mirando fixamente a un alumnado incerto ante a estraña conversa.

Despois de presentarse, Xosé dedicou quince minutos a explicar cal era o plan da visita. Posteriormente, o grupo púxose en marcha para completar todas as paradas que tiñan previstas. En total, a visita guiada durou unhas dúas horas e media. Ao rematar a ruta, o grupo sentou nun merendeiro para gozar da comida que trouxeran. Despois do xantar, aínda tiveron dúas horas libres para desfrutar da contorna libremente.

En xeral, o entusiasmo acompañou aquela excursión de principio a fin, e pódese dicir que todo saíu segundo o previsto. Polo menos, iso diría o noventa e nove por cento das persoas que estiveron alí.

Como aquel pitiño que caeu do niño durante a visita, Juan sentiuse desamparado, especialmente despois da parada que fixeron a metade da ruta norte. A diferenza daquel pitiño, nin Xosé nin ningunha outra persoa se detiveran para axudarlle a comprender que estaba a suceder.

Baixo aquel ceo fragmentado e dinámico, un ceo que moito se parecía a aquel baixo o que estaba recuperando todos estes recordos, Xosé detivo o grupo de novo, sinalou co seu dedo índice ao tronco dunha árbore e preguntou:

—Que é isto?

Con certa incredulidade polo absurda que parecía a pregunta, varias persoas responderon ao unísono:

—Unha árbore.

—Si, é unha árbore —contestou Xosé—. Pero tamén é algo máis. Que é?

—Un eucalipto —respondeu unha compañeira.

—Correcto, é un eucalipto —confirmou Xosé—. Pero tamén é algo máis —insistiu—. Que é?

—Unha planta! —animouse a responder Juan con entusiasmo e ton burlón, o que espertou as risas da súa clase.

—Correcto, é unha planta; unha planta moi grande —aceptou Xosé, seguíndolle a corrente—. Pero tamén é algo máis. Que é?

Foi nese momento cando, por segunda vez aquel día, Juan sentiu unha nova sacudida. Aqueles ollos de cor verde abelá volveron invadir os seus e, sen velo vir, a enerxía que alimentaba a súa risa trasladouse ás súas pernas, que comezaron a tremer.

—É madeira —contestou a compañeira que lle dera o golpe a Juan.

—Correcto! Esa é a resposta que estaba buscando —confirmou finalmente Xosé, antes de continuar coa explicación—. Isto que temos aquí é unha planta, é unha árbore e é un eucalipto, pero, sobre todo, é madeira. Quizais non para min, e pode que tampouco para moitas das persoas que estamos hoxe aquí. Pero a sociedade, en xeral, non planta eucaliptos polo seu esplendor, nin porque lle parezan poéticos. Plántanos para obter madeira.

Xosé deu un par de golpiños no tronco cos cotenos, coma se comprobase que era real.

—Ao dicir «madeira», xa non falamos de ecoloxía nin de botánica, senón que falamos principalmente de economía. E cando falamos de economía, falamos de que hai que tomar moitas decisións: quen decide que se planta, en que cantidade, para que industria, con que axudas, con que leis e con que consecuencias. Por iso, aínda que pareza raro, esta planta, esta árbore, este eucalipto e esta madeira tamén son política.

Para Juan, aquela explicación soaba como quen pon a radio para tela de fondo mentres conduce. As palabras de Xosé eran como unha melodía carente de importancia que pouco podían explicar o que lle estaba pasando. Con todo, Uxía sempre estaba atenta e sempre tiña algunha pregunta que facer.

—Pero, a ver —dixo—, que sexa madeira non o converte en algo malo. A madeira é importante. Necesitamos madeira para moitas cousas.

—Totalmente de acordo —asentiu Xosé—. Non estou dicindo iso. O único que estou dicindo é que podemos poñer moitas lentes diferentes para ver unha mesma cousa de distintas maneiras e, por desgraza, a lectura política deste eucalipto, desta madeira, moitas veces omítese e, en moitas ocasións, omítese a propósito. Pensade que, se o único obxectivo é producir madeira barata, a natureza deixa de ser natureza e pasa a ser un lugar do que extraer recursos para gañar cartos. Insisto, non estou dicindo que non sexa necesario producir madeira; o que estou dicindo é que é importante destacar que, se a produción de madeira é un negocio que prioriza gañar cartos, a natureza vese comprometida por cuestións que son esencialmente políticas.

—Pero diso trata o desenvolvemento sostible, non? —preguntou Uxía—. Suponse que hoxe en día a produción faise de maneira sostible.

Xosé sorriu con esa paciencia que se reserva para as preguntas que importan. Tras unha breve pausa, contestou con calma.

—A idea do «desenvolvemento sostible» soa moi ben. Conciliadora. Esperanzadora. É coma se dixese: «tranquilos, non hai que discutir; podemos telo todo». Con todo, na práctica adoita ordenar as prioridades dun xeito moi concreto. Se unha iniciativa ten impacto ambiental, pero xera emprego e crecemento, é doado que se presente como máis sostible ca outra que protexe a natureza, pero limita beneficios ou frea o crecemento. O desenvolvemento sostible prométenos que, coa tecnoloxía axeitada, ese impacto reducirase. O que case nunca se formula é que tamén poderiamos cambiar a nosa idea de benestar e de progreso.

—Estás dicindo que o desenvolvemento sostible é malo? —insistiu Uxía, que sempre o cuestionaba todo.

Paca, a profesora, carraspeou.

—Uxía… deixa respirar un pouco ao guía —dixo, medio en serio, medio en broma.

Xosé levantou a man, restándolle importancia.

—Non pasa nada, Paca. Creo que é moi importante que faga esa pregunta en voz alta —dixo, e volveu mirar para Uxía—. Os obxectivos do desenvolvemento sostible sinalan problemas reais e urxentes, iso é evidente. Pero se, para abordar calquera deses problemas, a prioridade absoluta é o crecemento económico, entón moitas veces teremos unha contradición, non cres?

Uxía asentiu cunha expresión que mesturaba dúbida e aceptación. Juan, pola contra, sentiu un arrepío e tragou saliva. Sentía que el tamén tiña problemas que non estaba sabendo abordar.

Ante o silencio do grupo, Xosé proseguiu co seu discurso.

—Mirade, estaredes fartas de escoitar que hai unha educación que nos di que con pequenos xestos como apagar a luz, pechar a billa e separar os residuos podemos ser sostibles. Está claro que todos eses xestos son importantes e necesarios. Con todo, calquera desas accións, por si soas, funcionarán tanto como poñerlle un apósito a unha perna fracturada. Aínda que unha parte da educación ambiental segue esa corrente, tamén existe unha educación ambiental que busca achegar solucións axeitadas aos verdadeiros problemas. Se os problemas son colectivos e estruturais, as solucións que necesitamos tamén serán colectivas e estruturais. Vouvos poñer un exemplo, e despois seguimos coa ruta —Xosé detívose para coller aire—. A miña amiga Aura, que é unha erudita no tema, sempre me di que hai dúas formas de abordar o problema dos incendios. A versión do desenvolvemento sostible é, principalmente, desenvolver máis tecnoloxía, máis drons, máis plans e equipos de extinción… Estas solucións, con todo, non abordan o problema colectivo e estrutural. A educación ambiental, pola contra, sinala causas como o negocio da madeira e os monocultivos de eucalipto, o abandono do rural e a falta de estratexias de prevención, que moitas veces dependen de implicar de forma eficaz á comunidade na limpeza e no coidado dos montes. Enténdese o que quero dicir? —preguntou Xosé mirando fixamente a Uxía.

—Creo que si —respondeu ela—. Se entendo ben, a cuestión non é simplemente coidar árbores, senón entender por que estas árbores están aquí e repensar como nos relacionamos con elas.

Xosé sorriu, coma se aquela frase lle aforrase media hora máis de explicación. A ruta estaba facéndose longa e el debía volver despois de comer para estudar para os exames do mestrado. Ao fin e ao cabo, o obxectivo daquel traballo era poder pagar os estudos.

—Correcto —concluíu Xosé—. Necesitamos que a educación dea o salto definitivo para estudar e analizar os problemas de forma holística, e deixar xa dunha vez de presentar solucións parciais coma se fosen as únicas posibles. E con isto, meu querido grupo, imos continuar a nosa viaxe pola illa, que aínda nos quedan moitas aventuras nas que deternos.

Despois daquela parada, a ruta, e o día, continuaron. Con todo, Juan estivo moito máis calado do habitual. Por sorte, Damián, que non tiña grandes dotes empáticas, pasou por alto o estraño estado de Juan e botou o resto do día falándolle dos videoxogos aos que estivera xogando ese mes, duns vídeos de TikTok que vira esa semana e dunha nova teoría sobre o One Piece que se lle esquecera comentar antes.

Mentres tanto, Juan enfrontábase a si mesmo, en silencio. Durante o resto da excursión non puido quitar da cabeza aqueles ollos de cor verde abelá, os mesmos ollos que o sacudirían unha última vez antes de abandonar o instituto ese mesmo día.

Dous días despois, baixo o ceo fragmentado da terraza, Juan regresou do recordo coma quen volve á superficie despois de mergullarse máis tempo do previsto. Tras de si, escoitouse o rasquexo da súa irmá.

—Creo que che pasa algo, así que che perdoo que sexas idiota —di Lucía.

—Déixame en paz, anana —replica Juan.

—Só quería dicirche que pola mañá atopei a Marga, a túa compañeira de clase, e díxome que che dera este sobre.

Lucía sacou un sobre pequeno e marrón. Parecía pechado. Juan miraba o sobre sen pestanexar.

Bueno, que? Non o vas coller? —dixo Lucía para sacar ao seu irmán do seu ensimesmamento.

Juan achegou a man para collelo. Ao tocar o sobre, sentiu como se lle aceleraba o pulso. Outra vez aquela desesperante sensación que non era quen de entender. Outra vez as pernas lle volvían tremer. De feito, Juan sentía que estaba a vivir un terremoto de emocións.

—E dismo agora? Pero como se che ocorre non darmo nada máis chegar á casa?