COEXISTINDO CO LUME
Volume 2, Artigo 2
Un texto de Susana Bastón Meira e Aitor Alonso Rodríguez, baseado no resumo elaborado por Elvira Santiago Gómez, Carmen Rodríguez Rodríguez e Ariadna Rodríguez Teijeiro
Inspirado no libro de Elvira Santiago Gómez (Universidade da Coruña), Carmen Rodríguez Rodríguez (Universidade da Coruña) e Ariadna Rodríguez Teijeiro (Universidade da Coruña) Lume: Análise social dos incendios forestais (ISBN: 978-84-1110-710-5, 2025), e no artigo de Elvira Santiago Gómez (Universidade da Coruña) e Carmen Rodríguez Rodríguez (Universidade da Coruña) Bosque y fuego. La deconstrucción de un conflicto contra natura, publicado na revista Encrucijadas. Revista crítica de ciencias sociales (2024)
O cheiro a fume entrou pola fiestra. Ese fume recordáballe ao fin das choivas e á chegada do bo tempo, pero tamén lle producía unha dor no peito ao saber de onde viña. O ceo estaba tinguido de laranxa. Lume. De seguro que preto, aínda que non tan preto como a súa filla, que estaba no xardín deixando a bicicleta. Que pouco lle gustaba a ela que collese esa cousa co problema visual que tiña.
—Mamá, estou aquí —berrou, entrando sen chamar.
A súa mai estaba de pé ao lado da cociña de ferro, cun pano na man e os ollos vermellos.
—Mamá, ¿estás ben? ¿Pasoulle algo a papá? —alporizouse Aura.
Rosa negou coa cabeza.
Dende que ao seu pai lle diagnosticaran leucemia, cada vez durmía máis. O becho quitáballe lentamente as ganas de vivir.
—Vaia susto —dixo—. Eh, ¿entón? A que ven esa cara.
—¿Non o cheiras?
—¿O lume? Si oh. É un desastre. ¿Sabes o que viña escoitando cando viña para aquí?
—¡Aura! ¿Como ves coa música no carallo ese que conduces? ¡Non ves que tes vas matar!
—Bueno, bueno, acouga un pouquiño, ¿queres? Non teño a visión dun lince, pero podo conducir a bici perfectamente. E ti sábelo.
—Preocúpome por ti.
—Xa sei mamá. Pero non te preocupes tanto —dixo sorrindo—. A vida é unha marabilla coma para estar sempre preocupada. Dígocho eu, que estou namorada dela é so a miro a medias.
Botouse a rir.
Ela era así. Imposible non devolverlle un sorriso.
—Bueno, ¿cóntoche o que escoitei ou non?
—Si, pero vamos sentar, anda, que estou cansa.
Sentáronse á mesa, onde, coma sempre, Rosa colocara un pequeno ramo de dalias granates do seu xardín. Aura lembrou os paseos da infancia: castañas, cogomelos, piñas, follas de eucalipto para os vapores cando se arrefriaba.
—Pois estiven escoitando sobre un proxecto chamado MitigACT, que financia a Axencia Nacional de Investigación. Xa me falaran del no mestrado. É un proxecto que defende a necesidade de deseñar estratexias de xestión dos incendios forestais que superen a distinción natureza – cultura, que de forma clásica se realiza ao abordar os desastres naturais.
—Acouga, dimo máis claro, ¿queres cativa?
—Estate máis atenta, eu non repito —chanceou—. O caso é que a proposta consiste en que os novos plans contra os incendios presten atención non só ás súas características biofísicas, senón tamén ás súas dimensións políticas, sociais e culturais.
—Ah, moi ben.
—¡Mamá! ¡Deixa a retranca! Claro que está moi ben.
—Xa o sei cativa. O único que non entendo é como nos afecta iso a nós, as persoas que vemos como o lume está cada vez máis preto das nosas casas.
—Pois deixa de rosmar e escoita. A Comisión Europea está sempre a dicir que co cambio climático e o tempo mais seco temos que evitar facer lume, ¿non si?
—Se ti o dis, terei que crerte.
—Bueno, pois este enfoque é reactivo e, lonxe de resolver o problema, contribúe a acumulación de combustible e á xeración de paisaxes máis vulnerables a grandes incendios. O que din elas, as persoas do proxecto quero dicir, é que hai que avanzar cara a modelos que aposten pola prevención e a xestión integrada do territorio. É dicir, cambiar o modelo centrado na supresión, por outro baseado na coexistencia co lume.
—¡Como!? ¿Que dis? ¿Como que convivir co demo? —alporizouse Rosa.
—Carallo mamá, hoxe estás quentiña, quentiña. Como para asar castañas riba túa.
—É que non o entendo. ¿Como que convivir co lume? Antes, cando eu era cativa, cando ardía un recuncho do monte, ao momento estabamos ás carreiras pola aldea. A rapazada cos ramallos, os homes coas palas, as mulleres levando augas dos pozos. Tiñamos medo, pero tamén forza.
—Claro que si, mamá. Pero é que iso é unha das cousas que din. Cambios demográficos, o abandono agrario, a falta de cohesión social e políticas territoriais insuficientes son factores que fan que o monte arda.
—A ver, explícate cativa.
—A maior parte dos incendios en Galicia teñen orixe humana.
—Ti hoxe queres prenderme, ¿non si?
—Escoooita. A maior parte dos incendios teñen orixe humana, pero isto non implica intencionalidade. Factores como o envellecemento da poboación, a perda de usos tradicionais do monte, ou a expansión desordenada da masa forestal incrementan a gravidade dos episodios.
—Estasme a marear. ¿E isto que ten que ver con iso que comentaches da coexistencia co lume?
—Agora estaba a dicirche as causas, pero me saíches con iso de cando eras pequena e non sei que.
—Bueno, pero a ver, ¿explícasme ou non me explicas?
—Mamá, ti hoxe toleaches, ¿non si?
—Vas levar.
As dúas riron.
—A ver, isto da coexistencia co lume supón deseñar solucións baseadas na natureza, recuperando os usos tradicionais do lume nun marco planificado que reduza riscos, e complementalas con medidas sociais que limiten a probabilidade de incendios involuntarios e deliberados.
De repente, un son gutural veu da habitación do lado.
—Carallo, papá si que ronca ¿eh?.
—Si ronca, si —dixo Rosa sorrindo cos ollos. Perdeu a vista pola ventá, vendo o seu amado monte. Ao lonxe o laranxa seguía atormentándoa—. ¿Quen che vai coidar agora? —dixo para si.
—¿Como dis?
Rosa suspirou.
—Dicía que non sei quen se vai facer cargo do monte, agora que cada vez a xente vai máis para as cidades. As brigadas antincendios traballan só uns meses e logo quedan sen contrato. ¿Como se vai manter un territorio con emprego estacional?
Os ollos de Aura estremecéronse de ledicia.
—Mira o que trouxen.
Meteu a man na mochila e sacou un libro.
—¿Xa estás a mercar máis libros? Cansas a vista así.
—Mamá, que lea máis lento non significa que non poida ler. Carallo, sempre co mesmo.
—Síntoo miña filla, pero…
—Si, xa sei mamá. Preocúpaste por min. Pero ás veces é a preocupación porque che pinche o toxo, e non o toxo cando che pincha o que fai máis dano.
—¿Como?
—Carallo mamá, que as veces facemos máis dano ao preocuparnos de máis porque, nin vivimos, nin deixamos vivir.
Rosa ficou sorprendida.
—As veces esquezo canto creciches. Xa non es a miña cativa.
Aura acariciou a meixela da súa mai.
—Sempre serei a túa cativa. Simplemente… Non me trates como se o fose.
E volveu rir.
—Bueno, o caso, mira que che trouxen.
—«Lume: Análise social dos incendios forestais». ¿Que é?
—Un libro mamá.
—Vas levar ¿eh?
—Síntoo, síntoo. Nada, é o libro que fixeron as persoas que traballaron no proxecto que che comentei. Dicías o das brigadas e tes razón. Elas no libro expoñen dez recomendacións para orientar as novas políticas de gobernanza, e unha delas é corrixir a estacionalidade do emprego. Tamén falan de atender as condicións indirectas que che comentei antes, o envellecemento e esas cousas.
—Recordo.
—Bueno, por si acaso —chiscoulle un ollo—. Unha delas ten que ver con iso de non basear todo o modelo na supresión, ¿sabes? Se non que os recursos se equilíbren entre prevención, xestión do lume e recuperación. Tamén aproveitar o coñecemento local para mellorar as tarefas de prevención e sensibilización.
—Iso gústame. Que agora hai loiadas desas en todas partes. Cando eu era nova aquí non ardía todo así. O monte coidábase. En cada casa había animais que contribuían á economía familiar, o toxo collíase para o estrume, e a leña para facer de comer e quentar a casa. O monte era traballo… pero tamén era vida.
—Diso tamén falan, mira ti. De recuperar os usos produtivos do monte mediante iniciativas sostibles ligadas á madeira e outros recursos forestais.
—Iso. Pero o monte podería dar moitísimo máis ca madeira: pasto para o gando, colmeas de abellas, cogomelos, froitas, incluso rutas de sendeirismo. Cousas que traen vida, non só cinza.
—Exacto. Revitalizar a cohesión social e interxeracional nas zonas rurais con actividades vinculadas ao territorio.
—¿E din algo das comunidades de montes?
—Das comunidades de montes non sei, pero si que falan de aproximar a toma de decisións ás comunidades locais, é dicir, a xente, incorporando as súas demandas nos plans de xestión. Ademais, tamén din de establecer un modelo comunicativo eficaz en situacións críticas, baseado en información clara, veraz e procedente de fontes expertas. Isto ten que ver tamén con mellorar a comunicación mediática en crises, garantindo mensaxes útiles que faciliten a toma de decisións cidadá.
—Ah, moi ben, moi ben.
—E por último, revalorizar o espazo natural mediante propostas culturais, educativas e deportivas que fomenten o coñecemento e o apego ao territorio.
—Si señor, que non sexan só eucaliptos por aquí, eucaliptos por alá.
Aura riu. Viu con cariño a súa mai, quen dende que lle diagnosticaran a enfermidade ao seu pai pouco sorría.
—Que, ¿gustouche entón agora o modelo de coexistir co lume? Como ves, para que sexa posible é necesario fortalecer a colaboración entre os axentes públicos e privados, mellorar a transparencia e superar a desconfianza mutua entre institucións e cidadanía. Gobernanza participativa, con espazos de diálogo que permitan incorporar as demandas locais, xerar confianza e todo iso.
—Pois si, pois si, creo que vou mercar ese modelo.
Aura sorriu e deixou á súa mai ollando o libro. Entrou no salón e viu o seu pai roncando, coa cabeza colgando. Quedara durmido vendo un partido na tele. Como quería ao seu vello… Os prognósticos ían ben, tiñan máis que esperanzas, pero o medo non llo quitaba ninguén. Sen eles hoxe non tería tanto amor no peito. Recordaba que seu pai sempre lle dicía que nacera nun verán particularmente cheo de fume: «E eu díxenlle a túa mai: é coma unha rosa entre tanto fento».
Arrimouse ao seu pai e deulle un bico na fronte.
—Non te preocupes velliño meu —sorriu—. O verde sempre volve, ¿non si?